24/03/2013

Corpos que fan letras


Lembrades a entrada dos alfabetos antropomorfos de hai uns meses? Pois aquí temos os nenos de Infantil 3 anos do CEIP Balaídos de Vigo estarricadiños polo chan para compoñer as iniciais dos seus nomes. Imaxínome unha Uxía por aquí, un Daniel por alá, unha Paula por acolá... No seu blog, O cole de Pepito, descubrín esta fermosa actividade, que serve para practicar a representación das letras e, ao mesmo tempo, para tomar consciencia do propio corpo.

Os alfabetos antropoformos veñen sendo algo así como o reverso da moeda dos pinacogramas: mentres estes son figuras compostas con letras, aqueles son letras feitas con figuras humanas.

Un exercicio gráfico que xa engaiolou a pintores e deseñadores desde antigo. Así o podemos ver nestes fermosos exemplos do alemán Peter Flötner (século XVI) ou do suízo Hans Erni (século XX). Seguro que tamén vós caedes no engado destas imaxes.




Solución ao xogo de colocación das comas (21-3-2013):
       A Xoán fáladelle, ben podedes. /
A Xoán fáladelle ben, podedes.
       Non quero, moitas grazas. / Non, quero, moitas grazas. / Non quero moitas, grazas.
       Precísase persoa que fale inglés, básico con referencias. / Precísase persoa que fale inglés básico, con referencias.
       Non está moi mal iso. / Non está, moi mal iso. / Non, está moi mal iso.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...