6 de mar. de 2013

David Kwong: maxia e encrucillados



Gústanche a maxia e os xogos de palabras? Daquela, David Kwong é o teu home. O vídeo anterior é unha mostra do seu enorme talento como mago e como creador de encrucillados.

Will Shortz, editor da sección de pasatempos do The New York Times, preséntanos un mago novo chamado David Kwong, que tamén colaborou no seu xornal como creador de encrucillados. Despois vemos a Kwong a iniciar un espectáculo de maxia de salón ante un pequeno auditorio. Ofrécelle unha baralla de cartas a unha espectadora para que elixa unha. Só ela e mais o público sabe que a carta é... o oito de corazóns.

Nese intre, calquera outro ilusionista sacaría o seu sombreiro ou a súa variña máxica, mais o que fai Kwong é amosar unha grella de cadros en branco de 15x15 e pedirlles a diferentes persoas que lle digan algunhas palabras longas. Disponse a crear, en poucos minutos e ante o público, un encrucillado que inclúa esas voces e que respecte as tres regras básicas dos crosswords en lingua inglesa:
1. Os cadros negros deben estar dispostos de forma simétrica.
2. Cada letra debe usarse en sentido horizontal e vertical.
3. Non pode haber palabras de dúas letras ou menos.
Kwong vai dando ocorrentes definicións que o público resolve e comeza así a encher de palabras a grella. Ao cabo duns intres, o panel está completo coas voces perfectamente cruzadas, incluídas as que o público propuxera.

E por último, a gran sopresa a xeito de traca final: o mago saca un rotulador vermello rodea unhas letras dispostas en diagonal: aparece así camuflada no medio do encrucillado a expresión eight of harts (oito de corazóns), a carta secreta que escollera a muller ao comezo.

Unha abraiante forma de combinar maxia e xogos de palabras, froito do enxeño deste ex-alumno da Universidade de Harvard.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...