Un xogo de palabras pode axudar a levantar un imperio (como vimos hai tempo). Quen sabe se o éxito de moitos grupos musicais sería o mesmo de teren outro nome menos lucido e menos lúdico. Ás veces as ideas simples e brillantes poden marcar a diferenza!
Contan que John Lennon, para lle dar nome ao que logo sería o máis popular grupo de rock de todos os tempos, pensou inicialmente en The Beetles (‘Os escaravellos’). Logo xurdiu o xogo de palabras e cambiou «Beet» por «Beat», en referencia a este tipo de música. E así naceron The Beatles. Xenial ludolingüista, Lennon.
Adam Clayton, baixo de The Hype, quería cambiar o nome do seu grupo. Buscaba algo moito máis ambiguo. Deu cunha combinación de letra e número que cumpría con ese requisito polisémico: U2. Significa moitas cousas: é o nome dun avión espía, dun submarino, dun popular modelo de pilas inglesas e, asemade, pola súa pronuncia, pode interpretarse «you too» (‘ti tamén’) ou «you two» (‘volos dous’).
O grupo Molotov caracterízase polas súas letras fortes e comprometidas. A súa música combina rap, rock e ritmos mexicanos. Á hora de buscaren un nome que reunise todas esas ideas, decidíronse polo do famoso cóctel explosivo: de connotacións revolucionarias e de potente sonoridade monovocálica.
Con todo, un dos grupos máis marcados pola ludolingüística é o formado por Agnetha Fältskog, Björn Ulvaeus, Benny Andersson e Anni-Frid Lyngstad. Estes catro suecos decidiron crear o nome da súa banda unindo as iniciais dos seus nomes de pía: ABBA. Un redondo acrónimo palindrómico de pronuncia doada en calquera lingua da planeta. Claro que para poder usalo tiveron que lle pedir permiso a Abba, a máis popular marca sueca de arenques en conserva.
Para lle poñer a guinda, ABBA é (que eu saiba) o único grupo cun palíndromo no seu nome e no título dun dos seus éxitos: «SOS». Aí queda iso!
Ningún comentario:
Publicar un comentario