27 de xuño de 2017

Os xeróglifos de Xosé Torrente










Hai pouco, exercendo de arqueólogo virtual, dei cun curioso tesouro: os xeróglifos en galego de Xosé Torrente. Todos eles aloxados na súa páxina persoal de Webcindario, ese recuncho que tanto se empregou no inicio da expansión da arañeira aló polos anos 2000.

Consultando a páxina souben que Xosé Torrente é un veterano ex-traballador de Bazán en Ferrol, apaixonado pola fotografía, pola informática, pola carpintaría de ribeira e... polos xeróglifos. De feito, mesmo ofrece nesta web un programa feito por el mesmo para o deseño de xeróglifos. Mágoa que a ligazón hoxe xa non estea operativa!

Ademais dos exemplos de arriba, que convido a resolver, aquí podedes atopar un total de 100 xeróglifos. Se sodes uns «friquis» coma min destes pasatempos, aínda podedes pasar un bo tempo espremendo os miolos para dar coas solucións.

Por certo, se ademais vos gustan os números, tedes unha serie especial de xeróglifos de contido matemático. E se vos van máis as sopas de letras, tamén dispoñedes un lugar para elas na web deste ludolingüista ferrolán.

Todo un achado!

2 comentarios:

Unknown dixo...

Chámome Xosé Torrente e son o autor da paxipá e dos xeroglíficos, atopei o teu comentario buceando na rede e me sorprendeu gratamente. Son xa un vello, sin ningun titulo polo que comento erros ó facer xeroglíficos ou xogos, sobre todo na nosa lingua.Grazas por facerme sentir alguén.

Unknown dixo...

Carlos l Medrano non é un nome descoñecido para min e logo dunha pequena búsqueda xa me decatei que precisamente era o pai dos xeroglíficos que tan bo rato me fixeron pasar.Grazas de novo polos teus ánimos en realidade ti fuches sempre un referente para min.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...