Tocaba xa un novo enigma. Desta vez, un enredo que ben podería formar parte dunha das aventuras de Tintín. Non é difícil, basta con facermos unha boa lectura comprensiva para despois reflexionarmos, sen apuro, sobre os datos que se dan.
As xoias da Castafiore
Ao castelo de Moulinsarts chega a diva Bianca Castafiore. Os seus anfitrións son Tintín e o Capitán Archibald Haddock. A Calandra de Milán instálase na «cámara do rei» con toda a súa equipaxe.
Entre seus bens máis prezados, as catro caixas que conteñen as súas xoias. A metódica Castafiore garda sempre en cada caixa a mesma cantidade de alfaias. As caixas teñen ademais, en cadansúa tapa, unha inscrición feita con lapislázuli e madreperla. As inscricións din: «Dúas ou tres», «Unha ou catro», «Tres ou unha» e «Unha ou dúas».
Só un dos enunciados é verdadeiro, é dicir, indica fielmente a cantidade de xoias da súa caixa. Os outros tres son falsos.
Tintín soubo adiviñar cantas xoias hai en cada caixa.
Sábelo ti?
Solución ao «O crebacabezas de Einstein» (9-4-2017): Británico. Casa vermella. Paxaros. Leite. Pall Mall. Casa 3 / Sueco. Casa branca. Can. Cervexa. Blue Masters. Casa 5 / Danés. Casa azul. Cabalo. Té. Blend. Casa 2 / Noruegués. Casa amarela. Gato. Auga. Dunhill. Casa 1 / Alemán. Casa verde. Peixe. Café. Prince. Casa 4.
Ningún comentario:
Publicar un comentario