11 de set. de 2017

Estraña desaparición en Abecedaria


Cando alguén desaparece de forma misteriosa, nada mellor que recorrer á axuda dun profesional. En Abecedaria, a letra «q» esfumouse, ninguén sabe do seu paradoiro. 
Un par de horas despois de ke o Ka aceptara substituír o Ke, o director decide chamar ao comisario para obter novas frescas sobre o caso da desaparición.
—Non insistas, non che podo avanzar nada. Segredo de sumario, xa sabes o ke kero dicir —contesta o policía.
A resposta é unha evasiva, En realidade, a investigación está en punto morto. Pero isto non llo pode dicir ao director porke se expón ao seguinte titular:

A POLICÍA NON SABE NADA SOBRE A DESAPARICIÓN DO «KE»
Ao pouco, desapareceu a letra «c». Como é posible? Correrán máis letras a mesma sorte? Para resolver tan intrigante misterio, ninguén mellor que o experimentado detective Peirot. 

Así se desenvolve a liña argumental de Desaparizión (2011), asinada por Pereledi, acrónimo de Pere Tobaruela e Ledicia Costas. Este relato, creado a dúas mans, é unha homenaxe constante ás novelas de detectives e, sobre todo, a Georges Perec e a súa obra La disparition (1969): desde o título, ao nome do protagonista Peirot (Perec + Poirot), pasando tamén pola trama lipogramática. 

En fin, unha novela chea de imaxinación, misterio e humor, ideal para a rapazada e para devotos da ludolingüística en xeral. Unha peza que non podía faltar na nosa BLB.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...