6 de xan. de 2018

A outra microtoponimia [1]


Sabida é a riqueza da toponimia galega. O Nomenclátor editado pola Xunta inclúe o nome de máis de 40.000 lugares habitados, o que supón un cuarto dos de todo o Estado e máis dos que hai en todo Portugal. 

Outro dato: entre os dez topónimos máis empregados en todo o Estado, nove son galegos. O número 1 é «A igrexa», cun total de 600 lugares esparexidos por toda Galicia. O número 2 é «O Castro». O número 3 é «Vilar». E así sucesivamente con outros como «A Torre», «O Pazo», «Outeiro», «A Casanova» e «Vilanova».

Se temos en conta que, ademais dos núcleos de poboación, cada camiño, cada outeiro, cada penedo, cada regato, cada poza, adoita ter o seu propio nome, estímase que poderían chegar a rexistrarse máis de 2 millóns de microtopónimos. A maior densidade de toda Europa! Para conseguir recompilalos acábase de presentar unha nova app, dentro do proxecto Toponimízate

Mais desta volta, imos centrarnos noutro tipo de microtopónimos: os que posúen menos letras. Se hai un tempo dedicamos un comentario a eses nomes de lugar interminables que de cando en vez aparecen polo mundo adiante, hoxe imos cos topónimos minúsculos.

De dardes un paseo real ou virtual pola xeografía galega, non é difícil dar con localidades de só tres letras: Teo, Cee, Zas, Oia, Tui... De dúas letras xa é outro cantar. A min non me vén ningún nome á cabeza, agás algún microtopónimo introducido por artigo, como A Uz (Chantada, Lugo) ou O Az (Rodeiro, Pontevedra). E a vós?

No Estado español, ao parecer o topónimo máis breve é Ea, localidade costeira biscaína. O nome seica designa, na variedade do éuscaro desa zona, un tipo de xunco abundante no esteiro onde se sitúa a vila.

Con todo, o récord dos topónimos máis breves do mundo son dous prodixios dunha soa letra. Atopámolos nas illas Lofoten (Noruega) coa localidade chamada Å, que en noruegués quere dicir ‘regato’, e na Picardía francesa coa localidade de Y. Aí queda iso!

3 comentarios:

Cibrán dixo...

E O?
http://compasdacosta.com/blog/2012/11/09/toponimia-lago-o-muxia/

Carlos L. Medrano dixo...

Graciñas, Cibrán! Póñome a actualizar agora mesmo o comentario. A nosa toponimia da para moito, abofé!

vito dixo...

https://www.academia.edu/3838805/STATISTICAL_CURIOSITIES_ABOUT_GALICIAN_TOPONYMICS_-_CURIOSIDADES_ESTATÍSTICAS_DOS_TOPÓNIMOS_GALEGOS

Tamén podedes ver a serie dos de tres letras que comeza con:
https://portaldaspalabras.gal/lexico/allos-con-bugallos/foz/

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...