2 de xan. de 2018

Engánchate ao Dobble!


Estreamos o 2018 co Dobble, o último un xogo de mesa que caeu nas miñas mans. Botamos na casa un par de partidas e xa quedamos enganchados. Un xogo simple, dinámico e realmente divertido! 

55 cartas redondas, con 8 imaxes en cada unha e, por incrible que pareza, só unha imaxe común entre calquera par de cartas! Aínda que a min se me escapa por completo, a fórmula matemática que o explica podedes vela aquí.

O quid do xogo é ser o primeiro ou primeira en recoñecer esa figura común. A partir dese mecanismo básico, as instrucións propoñen cinco modalidades (ou minixogos) diferentes: «A torre infernal», «O foxo», «A pataca quente», «A por todas» e «O regalo envelenado». Aquí vos deixo un vídeo en portugués que explica cada modalidade na súa versión do xogo.


Cada vez que se descubre esa figura repetida en dúas cartas, hai que nomeala en voz alta. O xogo convértese así nun bo recurso para practicar oralmente vocabulario, e en especial a corrección de castelanismos, pois a maioría dos 58 elementos que entran en xogo teñen nomes diferentes ao castelán: tartaruga, folla, golfiño, reloxo, candeaxeocaveira, áncora, tesoiras, can, chave, lóstrego, lentestrevopaxaro, lapisqueixo, mazá, chamas, dinosaurolumeárbore, lúacadeado... 

Se queredes ampliar o abano de vocabulario, podedes acudir a algunhas variantes do xogo que se atopan na rede.

Quen busque un bo agasallo para xogar en familia (ou mesmo nas aulas), Dobble é unha boa opción. Perfecto para unha diversión trepidante poñendo a proba a agudeza visual, a capacidade de concentración, a rapidez de reflexos e... o vocabulario. Mesmo con versión simplificada para máis pequenos.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...