14 de xan. de 2018

Palíndromos ilustrados [21]


Pois si, como ben di o palídromo de hoxe, desde hai tempo o panorama televisivo só dá ganas de arrebolar a berros o aparello pola fiestra. E de falarmos só da programación da nosa televisión, a galega, a sensación é máis ou menos a mesma. Non é que valore máis o peso da nostalxia e son consciente de que a mocidade de hoxe ten outros gustos e outra forma de consumir produtos audiovisuais (youtubers, webseries...). Con todo, o empobrecemento da nosa oferta televisiva, agás honrosas excepcións, paréceme sinceramente algo obxectivo. Unha television que tanto fixo pola normalización da nosa lingua e pola dinamización da cultura do país! Que mágoa!

Paga a pena a lectura do artigo «Unha ducia de telelixo para facer país», de Héctor Anllo, en Praza Pública. Aínda que xa ten un tempo, ofrece unha visión alternativa de como lle devolver os azos á televisión de noso. Se cadra, ese puñado de ideas para ampliar a programación en galego serían o «desfibrilador» perfecto para a reanimar. Aí van uns exemplos:
Masterfarmer. Un talent show para dar co mellor labrego galego. Un Masterchef agropecuario, con emocionantes probas eliminatorias: carreiras de tractores, muxido contrarreloxo, habilidades co fouciño e co sacho… Espectáculo asegurado!
Pesadelo no furancho. O cociñeiro máis rabudo que se dea atopado encargaríase de visitar furanchos en apuros e de poñelos ao día con man firme. Ningún cliente insatisfeito nos establecementos máis enxebres do país!
Tunéame o tractor. A versión galega de Pimp my ride, da MTV. En lugar de modificar e embelecer coches, tocaría facelo cos tractores do noso rural: un John Deere rosa que pega chimpos, un Lamborghini con tapizado de leopardo... Dispararíanse as audiencias!
Sanxen Shore. A nosa capital do veraneo: sol, praia, marcha nocturna... O lugar ideal para a remuda na franquía Shore (despois de Jersey e Gandía). Primeiro un coidado casting, despois os especimes autóctonos afortunados compartirían o seu día a día coa audiencia: «chiringos» de praia, rituais de ligoteo, body culture, festas gastronómicas... Ei, carballeira!

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...