Amosando publicacións coa etiqueta AS-PG. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta AS-PG. Amosar todas as publicacións

17/07/2013

O xogo de adiviñar


Cando aínda non se estilaba iso dos test de intelixencia, a habilidade para propoñer e resolver adiviñas era considerada unha das maiores probas de sabedoría. Durante séculos, estes xogos enigmísticos foron transmitidos, de xeración en xeración, de forma oral: aprendíanse de llos escoitar a outro e de cavilar sobre eles para lles dar resposta. 

Por sorte para todos nós, dispoñemos dunha xoia que recolle o valioso corpus das nosas adiviñas populares: ¿Qué cousa é cousa...? Libro das adiviñas (1985), de Paco Martín: a «biblia» da adiviña galega. Un traballo de paciente recompilación que contén máis de 1100 adiviñas populares, ordenadas tematicamente e con cadansúa solución. Peza imprescindible para a nosa «bibliografía ludolingüística básica».

A adiviña é un xogo verbal en por si: unha pregunta, normalmente en verso, que busca espertar o enxeño do interlocutor para dar coa solución. Mais tamén hai un grupo delas xiran arredor da propia lingua, en calquera das súas facetas. Son as «adiviñas ludolingüísticas».

Aquí vos deixo algunhas, tomadas do libro de Paco Martín:
Eu subín a unha pereira,
que tiña peras;
nin comín peras,
nin baixei peras,
nin deixei peras.
Que cousa, cousiña é,
que se ve nun minuto,
nunha semana e nun mes,
e nun ano non se ve?
Zoca e media en cada pé,
cantas zocas veñen ser?
Que! Dades coa solución?

E para seguirdes co xogo, aquí deixo unha ligazón da web da AS-PG con máis adiviñas para resolver en liña. Ah, e con pistas!

05/09/2012

Pasaches xa pola febre do Scrabble?



En 1938, o arquitecto estadounidense Alfred Mosher Butts creou o xogo ludolingüístico de mesa máis popular do mundo. En realidade, nese ano o xogo tomou a súa forma case definitiva, despois de lle engadir un taboleiro de 15 filas por 15 columnas. As sucesivas variantes que Butts fora ideando ata entón recibiran diversos nomes: Lexiko, Criss-Crosswords... Malia as dificultades para patentalo e o rexeitamento de dúas compañías de xoguetes para comercializalo, o seu inventor non se rendeu e chegou a fabricar coas súas propias mans 200 xogos que regalou ou vendeu entre seus amigos.

Despois da Segunda Guerra Mundial, dous destes amigos, o matrimonio James e Helen Brunot, fascinados por este enredo de cruzar palabras, decidiron arriscarse a comercializado. Despois de chegaren a un acordo con Butts no referente á repartición dos dereitos, optaron por lle facer pequenas modificacións: redistribuíron a posición dos cadros con premio, simplificaron un chisco o regulamento e déronlle o seu nome definitivo, Scrabble. En 1949 saíu ao mercado esta nova versión. Despois duns primeiros anos difíciles, co paso das décadas, a febre do Scrabble foi medrando e traspasando continentes.

Hoxe xa se venderon máis de cento cincuenta millóns de caixas de Scrabble, creáronse versións do xogo en ducias de linguas (cada unha coa súa frecuencia de letras específica) e hai federacións e campionatos por todo o mundo.

Aínda que, por desgraza, non hai unha «versión física» galega deste xogo de mesa, si contamos cunha versión en liña, desenvolta desde a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, que recibe o nome de Letrado/as.gz. Probade a rexistrarvos e a xogar.

E para pechar o comentario, aí vai un novo anuncio publicitario do Scrabble, tamén espectacular e engaiolante.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...