Amosando publicacións coa etiqueta Apego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Apego. Amosar todas as publicacións

27/01/2017

Este queixo, queixolán


Se da nenez hai un recitado que me quedou gravado de forma indeleble, ese foi «Este queixo, queixolán», cos seus acenos incluídos.
Este queixo, queixolán.
Esta boca pide pan.
Este naris, narisete.
Este ollo, pispirete.
Este outro é seu irmán.
Tira polo peluxán.
Así é a versión que aprendín. Outras moitas do mesmo recitado podédelas atopar en orellapendella. Diferente tamén é a que vemos encabezando a entrada. Trátase da Banda dos Cueiros, en Gondomar, nunha iniciativa da asociación Espazo Lectura, proxecto asociativo para o fomento e a animación á lectura en lingua galega.

Lembrei esta peza popular ao ver, en cartaxeométrica, o vídeo no que o polbo Po e unha chea de pequenos nos axudan a aprender, xogando, as partes do corpo. Outro marabilloso proxecto normalizador da xente de Apego (de novo por aquí).


Teño un piollo e próeme..., o bandullo!
Teño un piollo e próeme..., o cu!
Teño un piollo e próeme..., o xeonllo!
Dúas fantásticas formas para traballarmos o campo semántico do corpo humano.


Xogo e aprendizaxe da man! Sempre dá gusto axudar a divulgar proxectos tan necesarios e atraentes!

04/11/2015

Dos dedos e da lei da xungla



Aquí temos a Luís Prego, músico, investigador e membro do grupo folk Ardentía, a interpretar unha marabillosa canción, con coreografía manual incluída, coa que practicarmos os nomes dos dedos (vía Enredamos). Foi nun obradoiro do proxecto Apego, deseñado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial.


Esta é a letra completa da peza, que tamén podedes atopar, xunto con outros recursos, no novo portal da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Pequeniño, pequeniño
Onde estás?
Aquí estou.
Gusto en saudarte,
gusto en saudarte.
Xa me vou, xa me vou.
Medianiño, medianiño
Onde estás?
Aquí estou.
Gusto en saudarte,
gusto en saudarte.
Xa me vou, xa me vou.
Pai de todos, pai de todos
Onde estás?
Aquí estou.
Gusto en saudarte,
gusto en saudarte.
Xa me vou, xa me vou.
Furabolos, furabolos
Onde estás?
Aquí estou.
Gusto en saudarte,
gusto en saudarte.
Xa me vou, xa me vou.
Matapiollos, matapiollos
Onde estás?
Aquí estou.
Gusto en saudarte,
gusto en saudarte.
Xa me vou, xa me vou.
Man dereita, man esquerda
Onde estás?
Aquí estou.
Gusto en saudarte,
gusto en saudarte.
Xa me vou, xa me vou.
Unha demostración, para pasmo da prexuízosa xente de Jungle Word, de que é posible cantar en galego cos nosos máis pequenos sen que lles dea unha apoplexía.

O certo é que o ocorrido con Belén Tajes non colle por sorpresa a ninguén que coñeza minimamente a situación da nosa lingua nas grandes áreas urbanas. O galego, máis unha vez (1, 2, 3, 4, 5...), sometido aos peores prexuízos da lei da xungla, a lei do máis forte (ou do máis ignorante). Realmente desolador! Por iso, grazas mil a Belén Tajes, a Luís Prego e a iniciativas como Apego. 
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...