Amosando publicacións coa etiqueta Arthur Conan Doyle. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Arthur Conan Doyle. Amosar todas as publicacións

14/01/2016

O código dos bailaríns


«Os bailaríns» é un dos relatos breves de Arthur Conan Doyle recollidos no volume O regreso de Sherlock Holmes (1996). Nel, Holmes e Watson reciben a visita de Hilton Cubitt, que lles pide axuda para resolver o misterio dunhas estrañas mensaxes que está a recibir a súa esposa e que a teñen moi alterada.

Esta foi a primeira serie de estraños xeróglifos que o detective analizou.


Holmes axiña se decatou de que, de ser un código cifrado, con esa breve nota non daría resolto o problema. Hilton Cubitt seguiu recompilando mensaxes (que aparecían na súa casa en portas, paredes, fiestras...) e enviándollos a Holmes. Cada mensaxe ofrecía unha serie de homes danzando en diferentes posturas: boca arriba ou boca abaixo, con brazos e pernas estarricados ou flexionados, con bandeirolas ou sen elas...

Finalmente, igual que fixera o protagonista d’O escaravello de ouro, de Edgar Allan Poe, Holmes deu desencriptado as mensaxes empregando a análise de frecuencias das letras do alfabeto inglés.

Non vou desvelar o desenlace da historia, mais si deixo o código completo, que no relato fora creado polo xefe dunha perigosa banda de delincuentes. Trátase dun simple alfabeto de substitución no que cada bailarín representa unha letra diferente. Non hai signos de puntuación mais as bandeiras indican que esa letra é a derradeira dunha palabra.

 

Unha pequena xoia da novela policíaca ou dedutiva protagonizada polo detective máis célebre da literatura universal e traducida ao galego. Segue a crecer a nosa «bibliografía ludolingüística básica».

Por certo, se vos apetece poñer a bailar estes homiños para enviar as vosas mensaxes cifradas, dispoñedes deste xerador automático. E unha sinxela actividade final: Que cita célebre de Castelao transmiten estes danzaríns?


Solución á analise dos pronomes átonos de «Como eu te amo» (10-1-2016): 
Pronome posposto: «convéncete», «esquécete», «ámote».
Pronome anteposto: Tras conxuncións subordinantes (que, como...): «como eu te amo», «que te amo». Tras algúns pronomes indefinidos (algo, alguén, ninguén, todo...): «ninguén te amará».

13/11/2013

Taxonomía ludolingüística

Despois de que un primeiro entomólogo (Sturtevant, 1942) bautizase un tipo de mosca co nome de Dorsilopha, anagrama da súa subespecie (Drosophila), outros colegas foron sucesivamente dando novos nomes a outras moscas emparentadas empregando o mesmo recurso ludolingüístico: Phloridosa (Sturtevant, 1942), Siphlodora (Patterson & Mainland, 1944), Lordiphosa (Basden, 1961) e Psilodorha (Okada, 1968). Outro entomólogo (Erwin, 2002) decidiu darlle o nome de Agra Schwarzeneggeri a un escaravello con grosas patas semellantes aos xigantescos bíceps de Arnold Schwarzenegger. Que caralláns!

Cada ano, toda clase de biólogos nomea 15 mil novas especies animais descubertas, das máis de 30 millóns que se cre que quedan por atopar e catalogar. A Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica ten uns códigos ben relaxados: mentres non resulten ofensivas, as novidades taxonómicas non teñen límite, todo depende da imaxinación, do humor e do enxeño ludolingüístico do científico en cuestión.

Aí van máis exemplos:
Anagramas 
Pitnus, Niptus e Tipnus, tres tipos diferentes de coleópteros.
Palinurus, Linuparus, Panilurus e Palurinus, diferentes variedades de crustáceos.
Palíndromos
Afgoiogfa, un tipo de molusco.
Orizabus subaziro, tamén un coleóptero.
Sesquipedalismo
Cancelloidokytodermogammarus, crustáceo de 28 letras.
Kimmeridgebrachypteraeschnidium, cabaliño do demo fósil de 31 letras.
Homenaxes antroponímicos
Gaga germanotta, fento dedicado a Lady Gaga.
Arthurdactylus conandoylensis, dinosauro do Brasil na honra de Arthur Conan Doyle.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...