Amosando publicacións coa etiqueta Augusto Monterroso. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Augusto Monterroso. Amosar todas as publicacións

17/11/2012

Amor polos palíndromos



Unha fermosa declaración de amor polos palíndromos esta de Gonzalo Navaza no capítulo 311 de «Ben falado». O libro do que falan, A torre da derrotA, xa ocupou merecidamente a súa propia entrada hai uns meses. Con todo, o magnetismo lúdico dos palíndromos fai que a cada pouco volvan a este recanto da arañeira.

Para quen descoñeza de que vai isto, cómpre recordar que palíndromo (do griego palin ‘outra vez, de novo’ e dromos ‘carreira’) é un enunciado (palabra, frase ou texto) perfectamente simétrico nas súas letras, é dicir, que se le igual de dereita a esquerda e de esquerda a dereita. Disque o primeiro palíndromo foi pronunciado, aló no Edén, polo primeiro home e en inglés: Madam, I’m Adam. E acabo de caer na conta de que tamén puido dicir en latín: Ave, Eva!

Bricadeiras á parte, os palíndromos aparecen en todos os tempos coas funcións máis variadas: misteriosos contrasinais latinos, como a fórmula Sator; enredos matemáticos, como o Was it a cat I saw?de Martin Gardner; hiperbreves creacións de autores literarios como Atale, demoníaco Cain, o me delata!, de Julio Cortázar, ou Esope reste ici et se repose (Esopo xace aquí e descansa), de Augusto Monterroso; ou pasatempos de xornal, como as «palindromanzas» que ofrece a diario Severo Revés na edición en papel de La Voz de Galicia.

Para rematar, como mostra do gusto polos palíndromos en todas as latitudes aquí deixo uns exemplos en diferentes linguas:
Galego
O lobo ama o bolo.
A semana ía na mesa.
Portugués
Socorram-me, subi no ônibus em Marrocos.
Seco de raiva, coloco no colo caviar e doces.
Castelán
Amo la pacífica paloma.
Dábale arroz a la zorra el abad.
Francés
Zeus a été à Suez. (Zeus estaba en Suez)
À l'autel elle alla, elle le tua là. (Ao altar ela foi, ela alí o matou)
Italiano
Ogni mare è ramingo. (Cada mar é vagabundo)
E poi Martina lavava l'anitra miope. (E entón Martina lavou o pato miope)
Inglés
Rats live on no evil star. (As ratas viven nunha estrela non mala)
Not a hero wore hat on. (Non é un heroe quen levaba sombreiro)

15/06/2012

O feitizo dos pangramas

Un pangrama (do grego pan- ‘totalidade’ e gramma ‘letra’) é un texto que emprega todas as letras do alfabeto dun idioma. Nun inicio os pangramas tiñan un simple valor funcional: en caligrafía, para exercitar a escrita de todas as letras; en tipografía, para comprobar como «se comportan» nun texto as letras dunha determinada fonte; en mecanografía, para presionar a maior cantidade de puntos dun teclado... Polo que sei, un dos primeiros pangramas coñecidos é este latino: GAZA FREQUENS LYBICUM DUXIT KARTHAGO TRIUMPHUM (algo así como: «A riqueza de Libia levou moitas veces a Cartago ao triunfo»?), que contén todas as letras do alfabeto latino clásico e aparece xa en libros de caligrafía dos séculos XVII e XVIII.

Con todo, o certo é que hoxe a creación pangramas é unha das actividades máis populares e entretidas da ludolingüística. O seu valor como pasatempo definiuno ben o xenial Màrius Serra con estas palabras: «En sentido amplo, a maioría dos textos longos son pangramas, mais o seu interese é inversamente proporcional á súa lonxitude».

Aquí tedes algúns dos pangramas máis populares e breves de diferentes linguas (coa referencia dos seus alfabetos):
Inglés
A, B, C, D, E, F, G, H, I, J, K, L, M, N, O, P, Q, R, S, T, U, V, W, X, Y, Z. (26 letras)
The quick brown fox jumps over the lazy dog. (35 letras)
Castelán
A, B, C, D, E, F, G, H, I, J, K, L, M, N, Ñ, O, P, Q, R, S, T, U, V, W, X, Y, Z. (27 letras)
El veloz murciélago hindú comía feliz cardillo y kiwi. (46 letras)
Portugués
A, B, C, D, E, F, G, H, I, J, K, L, M, N, O, P, Q, R, S, T, U, V, W, X, Y, Z. (26 letras)
Juiz faz com que whisky de malte baixe logo preço de venda. (47 letras)
En galego dei con algún pangrama na rede. Este, de Xabier Cid, foi o que me pareceu máis logrado:
Galego
A, B, C, D, E, F, G, H, I, L, M, N, O, P, Q, R, S, T, U, V, X, Z. (23 letras)
Necesitamos unha tipografía chuliña de cor kiwi, que lle zorregue unha labazada visual á xente. (79 letras, coas grafías J, K, W, Y)
Como me fervía o corpo, dediqueille un tempo a ensaiar outros pangramas, coa limitación das 23 letras do noso alfabeto. Aí van tres deles:
Aqueles chimpancés xogan outra vez coa fabada no baño. (45 letras)
O verdugo do bolxevique tomou pasta, unha noz e café. (42 letras)
Fíxate, o mesquiño bacharel pide vinganza. (35 letras)
Quen se anima a crear novos pangramas galegos? Ah!, e canto máis curtos mellor. Aquí deixo un xerador de pangramas que, malia partir do abecedario inglés, axuda tamén a crealos en galego.

Por certo, se cadra a alguén lle resultará familiar este texto:
Cando acordou, o dinosauro aínda estaba alí. (36 letras)
Non é un pangrama, senón a tradución dun dos microrrelatos máis célebres da literatura universal, do guatemalteco Augusto Monterroso. Seguro que algún dos vosos pangramas tamén se pode converter nun evocador microrrelato. Ánimo!

15/05/2012

Bieito Barreiro, un artesán «palindromeiro»


Francisco Rozados é o autor do libro de relatos Memoria de Trasdomonte (2003), todos eles ambientados nas altas terras de Trasdomonte (en Forcarei) e nas súas xentes.

Un dos contos ten o cativador título de «Soños, só somos os soños», que, ademais de bivocálico («o» aberto e «o» pechado), é palindrómico. O narrador conta, en primeira persoa, as súas vivencias de mocidade ao lado dun singular personaxe: Bieito Barreiro, un artesán do coiro case cego co que compartía súa grande afección pola literatura e polos xogos de palabras. Aquí reproduzo un fragmento:
Xa digo que nunca souben se a esa inquedanza cultural certamente insólita no rural —especie de parnaso terreal e montesío— de Trasdomonte se debía ese veleno da lideira de escribir para o que non se coñece contraveleno ningún. O caso é que Bieito foise convertendo nun mago das palabras, nunha caste de ludolingüista. [...]
Pasei incontables tardes no obradoiro de Bieito, vendo como xogaba coas palabras. Houbo un tempo no que, cada tarde que acudía, tíñame preparado un palíndroma, unha desas verbas ou frases que din o mesmo lidos do dereito ca do revés, é dicir, bicéfalos e bicaudais a un tempo. Aínda os conservo practicamente todos. Comezou con verbas únicas e con frases curtas, do tipo «abafaba», «odiamos o maído» ou «si, si, asalta Atlas a Isis», pero co tempo foise convertendo nun verdadeiro mestre, e mesmo rematou por matinar verdadeiros ensarillados fraseolóxicos. O máis longo dos que conservo é un que di: «E daba o da dama á abadesa, e abafaba, e asedaba a amada do abade». Bieito contoume que este costume que podía rematar en loucura ou en vicio —verdadeira ludopatía, pois xogar era, aínda que fose coa linguaxe e semellara san costume—, constituía para el un pasatempo cada vez maior e máis ineludible, ó xeito dos empedernidos xadrecistas, que fan oídos xordos a aquel que cría e aconsellaba que a vida era demasiado curta para dedicala ó xadrez. Tamén me transmitiu que dera nel lendo a algúns dos mestres que na literatura con maiúsculas prodigan o seu talento lúdico-literario, como os latinoamericanos Borges, Cabrera Infante ou Augusto Monterroso, este un auténtico especialista en palíndromas. Decataríame, anos máis tarde, cando xa morrera Bieito, de que no galego non tiña competencia naquel xogo. Houbo —dínolo o barcelonés Màrius Serra— escritores que facían os seus ensaios xa na antigüidade clásica, como o poeta alexandrino Sótades de Maronea, que exercitaba o palíndroma no século III antes de Cristo. Seguiunos habendo no latín, e tamén nos diversos idiomas modernos como o inglés, o francés e mailo italiano. Incluso houbo, se facemos caso de Monterroso, quen tentou o palíndroma bilingüe, é dicir, que significara unha cousa lido do dereito e outra noutro idioma, tamén coherente, lido do revés. Por suposto que houbo e hai «palindromeiros» no castelán, e mesmo no catalán. Pero non souben de ninguén que o practicase no galego, agás Bieito. Por eso a min me semellou sempre un certeiro mago das palabras.
Cheo de referencias literarias e de engaiolantes palíndromos (que evocan outra entrada anterior), este relato pasa a formar parte, con todo merecemento, da nosa «bibliografía ludolingüística básica».
Solucións á análise dos chistes de Santy Gutiérrez (12-5-2012): Frase feita (pasar revista / Eufemismo (frituriñas crioxenizadas de magro en salsa bechamel = croquetas conxeladas/ Paronimia (budista - nudista) / Paronimia (cazo ‘recipiente - ‘suborno’; enchufe ‘aparello - ‘recomendación’).
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...