Amosando publicacións coa etiqueta Boa Mistura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Boa Mistura. Amosar todas as publicacións

21/04/2014

Enche a vida de cor e de palabras!



Lembrades aquela chamativa intervención artística de Boa Mistura nos arrabaldes máis humildes da cidade de São Paulo? Desta volta traemos, como vedes na imaxes superiores, outra peza de arte urbana non menos espectacular: a colorista rehabilitación do emblemático Mercado da Cebada de Madrid.

Hai só uns meses, baixo o lema «Llena la vida de color», este colectivo artístico madrileño encheu de cores vivas as características cúpulas do mercado creando un mural de 6000 m2. Medidas que converteron este espazo nunha maiores obras de arte urbana do mundo.

E de novo, como sucedera no Brasil, volven a xogar coa anamorfose para situar sobre estas cúpulas a palabra COLOR. Lembrade que esta técnica fai que para o espectador só sexa posible observar o elemento deseñado, de forma proporcionada e clara, desde un determinado punto. Espectacular!

E como vemos nestoutras imaxes, traballiño custou.


 

11/06/2012

Arte e palabras para transformar o mundo


A anamorfose é un efecto empregado nas artes visuais que consiste na representación deformada pola perspectiva dun elemento que só se manifesta nas súas proporcións reais desde un punto ou ángulo específico. Na historia da arte, como vemos aquí, temos diversos exemplos deste xogo visual. E tamén temos experiencias escolares próximas como esta ou estoutra.

Hai pouco dei cunha fermosa iniciativa baseada nesta técnica da anamorfose. O colectivo artístico madrileño Boa Mistura tivo a oportunidade de convivir coa comunidade dunha favela dos arrabaldes de São Paulo. Alí, dunha forma colectiva e participativa, puxeron en marcha unha das súas intervencións de arte urbana. Despois de elixiren un puñado de palabras significativas para os «moradores» do lugar (BELEZA, FIRMEZA, AMOR, DOÇURA e ORGULHO), deseñaron, con cores ben vivas, os trucos visuais aproveitando o espazo daquelas calellas ou «vielas». O impacto, como vemos na imaxe superior, resulta evidente.

O proxecto, que recibiu o nome de «Luz nas vielas», buscaba empregar a arte e a palabra como forma de traspasar valores, como ferramenta de cambio e de inspiración. Unha iniciativa recollida nesta fermosa curtametraxe documental.


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...