Amosando publicacións coa etiqueta Club Palindromista Internacional. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Club Palindromista Internacional. Amosar todas as publicacións

20/12/2015

«Ezinize najan», canción-palíndromo


Xa vimos nesta entrada ou nestoutra algunhas asombrosas cancións-palíndromo. Hoxe toca outra, mais esta vez... en éuscaro!

Grazas á web do Club Palindromista Internacional souben do grupo vasco de rock alternativo PAM (de nome completo Puto Amoak Matematiketan; en galego: Putos Amos das Matemáticas) e da súa canción «Ezinize najan» (ou «Ezin izena jan»; en galego: «Non pode comerse o nome»). Trátase da versión musicada dun poema palindrómico do ludolingüista Markus Gimeno. Este é o primeiro single do seu novo álbum, financiado mediante crowdfunding.

Aquí podedes ler, completo, ese texto reversible:
Igel izan ezinez ia,
ni naizena onar,
eta beti martziano naiz.
Tramite batera noanez,
ia ni naizen izena
zilegi.
Que podería traducirse así:
Ao non poder case ser ra,
aceptar o que son,
e sempre son marciano.
Como vou a un trámite,
o nome que case son
vale.
E este é o audio.



Outra incrible proeza musical do palindromismo!

08/11/2015

A «Copa Núria», de Jesús Lladò


Lembrades os caligramas en forma de copa de Charles-François Panard e de Álvaro Cunqueiro? A entrada de hoxe encabézaa «Copa Núria», outro caligrama cunha imaxe semellante, mais desta vez formado enteiramente por palíndromos en catalán que contan as peripecias dunha tal Núria en Irún. Unha pequena obra mestra da ludolingüística creada polo experimentado palindromista catalán Jesús Lladó.

Lladó é membro Club Palindromista Internacional e mantén cheo de actividade o espazo Catpals. El blog de palíndroms en català, unha das nosas lambetadas ludolingüísticas.

Preguntado nunha entrevista sobre a súa fascinación por algo tan inútil como os palíndromos, Lladó declarou:
É contraditorio en relación coa vida actual, na que se supón que todos debemos ser moi produtivos e achegar cousas á sociedade. Os palíndromos rompen con isto totalmente, non teñen utilidade más alá do propio pracer que se pode vivir exercitando isto. Esta inutilidade fascíname.

13/02/2014

Para tolos polos palíndromos


Lembrades o curioso libro titulado Seres? Era aquel volume composto por tiras cómicas de texto palindrómico deseñado por Zaes Sáez. Pois por fin dei coa identidade agochada baixo ese pseudónimo: é o arxentino Juan Pablo Saéz Gil, membro do Club Palindromista Internacional.

Aquí o temos a dar unha amena charla sobre a súa paixón polos palíndromos. Desde o descubrimento marabillado dos primeiros enunciados simétricos, ata o máxico enredo de crealos. Desde un breve percorrido pola historia do palíndromo, ata unha útil guía sobre os seus beneficios para a nosa saúde mental. 12 minutos de ouro para os tolos polo engado dos palíndromos.

Ah!, e para rematar demostra como un palíndromo nos pode salvar a vida. Ollo!


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...