Amosando publicacións coa etiqueta Darío Xohán Cabana. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Darío Xohán Cabana. Amosar todas as publicacións

13/05/2014

Encrucipoemas


Hoxe, unha orixinal técnica de literatura lúdica: o encrucipoema. Consiste en crear un poema a partir das palabras dun único encrucillado. Estas son as regras básicas:
O poema ten tres partes e mais un título.
A primeira parte, «Horizontais», está composta só polas palabras das definicións horizontais.
A segunda parte, «Verticais», fórmase unicamente coas palabras das definicións verticais.
A última parte, «Respostas», só recolle as palabras incluídas nas respostas, xa verticais, xa horizontais.
O título pode créase con calquera das voces do pasatempo (definicións ou respostas).
A idea orixinal é do poeta Peter Valentine, que converteu así o seu pasatempo favorito nun fantástico exercicio de creación literaria. Faino a diario empregando o encrucillado do The New York Times. Aquí vai a web onde recolle todas as súas pezas desde o ano 2003 (case nada!).

Quen se anima a crear os seus propios encrucipoemas? Eu fixen este ensaio, nada brillante, co encrucillado do mestre Darío Xohán Cabana que encabeza a entrada, publicado o pasado 14 de abril en La Voz de Galicia.
Amor
[Horizontais]
Labrar a cor azul do mar.
Afecto dun sol apaixonado.
[Verticais]
Digo que es pedra, ou flor.
Deixas verdade antiga.
[Respostas]
Vaga por arar.

14/07/2012

Os pasatempos: unha sa adicción


Unha marabilla vermos a cita diaria desta anciá galega co encrucillado de Darío Xohán Cabana de La Voz de Galicia.

Os pasatempos (ludolingüísticos ou non) son publicados nunha gran cantidade de medios gráficos. A súa contribución a estes múltiple:
Ofrecen un claro valor engadido: os lectores aprecian que reciben máis polos seus cartos.
Aumentan o tempo de lectura: o contacto directo do lector/a co medio aumenta entre un 15 % e un 35 %, un dato que non lles pasa desapercibido aos anunciantes.
Favorecen decisivamente a fidelización: a resolución de pasatempos xera certo costume, cando non verdadeira adicción, como vimos arriba.
Hoxe podemos atopar pasatempos en lingua galega en La Voz de Galicia, El Progreso, Sermos Galiza... Por desgraza, carecemos de publicacións comerciais especializadas: é a consecuencia de padecermos unha situación sociolingüística non-normalizada, cun mercado pequeno e nun contexto global de crise. Con todo, si hai dignas propostas non-comerciais xurdidas do ámbito do ensino como a revista Melos, editada polo CEIP de Monforte de Lemos e con versión para distintas etapas de Infantil e Primaria.

Noutros mercados, como o brasileiro, a industria dos xogos ludolingüísticos goza de moi boa saúde. Así o podemos comprobar neste orixinal anuncio da revista de pasatempos Coquetel.

28/05/2012

Pasatempos para Sermos Galiza


O pasado 17 de maio todos asistimos a un esperanzador nacemento: o semanario Sermos Galiza. Esta publicación de información xeral será o complemento do diario dixital que xa leva un tempo na rede. Un proxecto xornalístico, en galego e con óptica galega, realmente imprescindible e que vén encher un baleiro que nunca debeu existir. Longa andaina!

Desde o semanario ofrecéronme a posibilidade de colaborar cunha sección de pasatempos. Nese número especial do 17 de maio, apareceron xa os primeiros xogos: un encrucillado e un enigma. O encrucillado (que terá unha periodicidade semanal) é, sen dúbida, o pasatempo ludolingüístico máis clásico e de maior aceptación popular. O enigma (que será quincenal) pode resultar menos coñecido, con todo xa ten unha gran tradición na prensa doutros lugares (Cataluña, Italia, Gran Bretaña...). Despois de veren a luz na edición en papel, procurarei ir pendurando estas colaboracións aquí, en Xogosdelingua, na sección «Pasatempos Sermos Galiza» que podedes atopar xa na barra lateral.

Mais deixemos de mirarnos o embigo. Aquí deixo, como rescurso, un enlace de galego.eu (unha web que xa visitamos nunha entrada anterior) con diversos encrucillados en galego que se poden resolver online. Son obra de Anxo González Guerra e de Victoria Ogando Valcárcel.

Accedendo a estoutra ligazón, os amigos/as dos pasatempos de máis de 16 anos teñen o tempo xustiño (ata o 31 de maio) de participar no concurso «Exercita a túa lingua: usa o galego» (convocado polo Concello de Lugo), que propón resolver unha sopa de letras e un encrucillado da autoría de Darío Xohán Cabana. Por certo, un encrucillado apaixonante que, penso, é o máis grande feito na nosa lingua.

E para rematar, a xeito de brincadeira, velaí vai un interesante vídeo publicitario brasileiro no que se dá conta dunha novidosa aplicación dos encrucillados (ou «palavras cruzadas»). Ah!... E se algunha casa comercial está interesada en repetir a experiencia, aquí me ten. ;-)

27/03/2012

Victor Orville e a orixe dos encrucillados


Lin por aí que nunha columna das ruínas de Pompeia existe un gravado cunhas palabras cruzadas que se poden ler, ben en sentido horizontal, ben en vertical. Se cadra, este é o primeiro vestixio de encrucillado do que temos constancia. Porén, das diversas versións que atopei sobre a orixe deste pasatempo, a que máis me gusta é a protagonizada por Victor Orville.

Corrían os primeiros anos do século XX. Preto da cidade inglesa de Oxford produciuse un tráxico accidente de automóbil con vítimas mortais. O condutor que o causou, Victor Orville, orixinario de África do Sur, resultou condenado a tres anos de prisión. 

Os remorsos mergullaron a Orville nunha fonda depresión. Pasaba as horas a ollar abstraído as lousas que pavimentaban a súa cela, dispostas regularmente en forma de grella. Na súa soidade, imaxinaba letras nestas lousas ata que descubriu que, combinadas de certo xeito, acababan formando palabras cruzadas vertical e horizontalmente. Despois dun tempo, o recluso acabou por pedir lapis, papel e un dicionario. Nas semanas posteriores dedicouse a poñer por escrito, en cadriños que el mesmo deseñaba, todos eses encrucillados, coas definicións de cada voz.

Xulgado como demente, Orville foi levado perante o médico do cárcere. Non imaxinaba o doutor que tamén el acabaría contaxiado pola maxia daquel estraño e fascinante pasatempo. O caso é que, animado polo médico da prisión, Orville enviou por correo a súa invención ao máis importante periódico de Cidade do Cabo: por un lado, a grella de cadros numerados e as definicións e, por outro, as correspondentes respostas. Na redacción do xornal pasaron horas a xogar cos encrucillados de Orville e de inmediato comezaron a ser publicados. O éxito destes pasatempos foi impresionante e outros xornais e revistas comezaron a pedirlle novo material ao seu inventor. 

Cando Victor Orville cumpriu por fin a súa condena, recibiu a cantidade de 2 millóns de libras en concepto de dereitos de autor. Convertido en millonario, pasou o resto da súa vida na súa terra natal creando máis xogos de palabras. Contan que na súa lápida, en Cidade do Cabo, hai deseñado un encrucillado. 

Por desgraza, no noso país a elaboración de pasatempos en galego non dá para se facer millonario. Con todo, si temos os nosos Victor Orville particulares: Darío Xohán Cabana e Paulino Novo. O primeiro hai agora xusto 25 anos que está a publicar encrucillados diarios en La Voz de Galicia e o segundo é tamén creador de pasatempos diarios para El Progreso e Diario de Pontevedra

Se queredes xogar a resolver encrucillados en liña, podedes atopar unha chea deles no Programa Prensa-Escuela (de La Voz de Galicia), da autoría de Carlos Ocampo, profesor e colaborador habitual neste xornal. E para todos aqueles interesados directamente en crealos (dunha forma menos «rústica» que imaxinar letras nas lousas do pavimento), pode ser útil o programa Hot Potatoes. Ánimo e a seguir o inspirador exemplo de Victor Orville!

04/03/2012

Xeróglifos [1]


O 1 de xullo de 1988 aparecía en La Voz de Galicia este meu primeiro xeróglifo. 

Uns meses antes, no xornal coruñés, comezara a publicar o seu encrucillado diario Darío Xohán Cabana. A casualidade quixo que, grazas a unhas mostras de pasatempos que eu enviara xusto nese tempo, Siro López, o ilustrador e humorista gráfico, me propuxese crear unha sección diaria de xeróglifos en galego.

Xeróglifos? Un diario? A verdade é que os xeróglifos nunca me entusiasmaran como pasatempo e pensei que facer só 30 para o primeiro mes ía ser misión imposible. Mais aquel rústico planeta Terra feito a man que encerraba a voz «NOTA» (Resposta: Enterrado / En Terra dó) acabou por se converter no primeiro dunha serie ininterrompida que axiña chegará aos nove mil.

Dos debuxos a man, letras adhesivas e textos escritos coa vella Olympia portátil, pasamos agora ao ordenador e ao quarkxpress. Con todo, a maxia destas «mensaxes cifradas» segue a ser a mesma. Unha maxia que intentarei trasladar en vindeiras entradas.

Aquí deixo, a xeito de xogo, dous xeróglifos máis daquel arredado mes de xullo do ano 88 do século pasado. Sodes quen de resolvelos?

Que estuda teu irmán?
     
Por que llo teño que agochar arriba?
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...