Amosando publicacións coa etiqueta Diario de Pontevedra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Diario de Pontevedra. Amosar todas as publicacións

28/05/2014

«Bertolina», a canción do verán



A esta altura, case un millón de visualizacións en youtube! Recoiro! Un fenómeno viral na nosa lingua do que non coñezo precedentes. Esta «Bertolina (a Adrenalina galega)» ben merece un lugar en xogosdelingua. Un tema cheo ritmo e humor que parodia o vídeo «Wisin» de Ricky Martin e Jennifer Lopez. Velaquí, dereitiña do noso agro e a lombos da segadora, a canción do verán!

Para a xente de Páramo Pictures (Daniel Moreiras, Xoán Mallo, Iván Capón e María Porteiro), «Bertolina» é o terceiro grande éxito despois de «Ferti món» (versión do «Wrecking Ball» de Miley Cirus) e de «Vou estalar» (interpretación libre do «Gangnam style» de PSY). Para saberdes máis, recomendo este artigo do Diario de Pontevedra. 

Canta, baila e ri a escachar con esta nova peza do noso karaoke!

11/12/2012

Elizabeth Kingsley e a orixe dos dameiros

Corría o ano 1933. Elizabeth Kingsley, profesora de Literatura no Wellesley College de Brooklyn (Nova York), tiña xa 62 anos e estaba cansa de ver como o seu alumnado teimaba en escribir ao xeito dun irlandés de moda: James Joyce. Así que decidiu facer algo.

Kingsley era moi afeccionada aos encrucillados e tivo unha inspiración. Tomou seis versos do poema «Ulysses» do seu autor predilecto, Alfred Lord Tennyson, e trasladounos letra a letra a unha grella rectangular deixando en negro os cadros que correspondían aos espazos entre palabras. A cada cadro con letra asignoulle un número, do 1 ao 178. Desta morea de letras, seleccionou 25 coas que formou o nome do autor e o título da obra (Alfred Lord Tennyson + Ulysses), despois dispuxo as catro palabras nunha columna vertical a xeito de acróstico. Partindo destas iniciais, utilizou as 153 letras restantes, para crear outros 25 novos vocábulos. Acababa de nacer así un novo xogo de palabras, o «double-crostic», máis coñecido entre nós como dameiro.

A wikipedia inglesa non o di, mais imaxínome a veterana profesora vendo a luz ao final do túnel: podería supoñer aquel estraño pasatempo a súa dourada xubilación? Kingsley dedicouse durante meses á frenética produción de novos «double-crostic». En marzo de 1934 entregou un cento deles nas oficinas de The Saturday Review of Literature, cuxos directivos, admirados polo novo pasatempo, non tardaron en lle ofrecer un suculento contrato.

O éxito da colaboración fixo que tamén comezara a publicar os seus dameiros na edición dominical do The New York Times. Como cabería imaxinar, desde entón, a profesora deixou a «ingrata docencia» e decidiu establecerse no Henry Hudson Hotel. Na comodidade desta hospedaxe viviu durante vinte anos (ata o seu falecemento), dedicada a crear un dameiro semanal.

Supoño que esta vida pracenteira non é igual á do noso «dameirógrafo» máis importante: Paulino Novo. O lingüista meirao leva xa anos publicando estes pasatempos en El Progreso, Diario de Pontevedra e De Luns a Venres. Aquí tedes unha chea deles en versión imprimible.

E, agora, a xogar con este pasatempo que ten algo de encrucillado (polas palabras definidas que cómpre adiviñar e pola grella de cadros), de anagrama (pola combinación de letras que, ben ordenadas, serven para recompoñer o texto) e de acróstico (polas iniciais das palabras chave que serven como pista para a súa resolución).

27/03/2012

Victor Orville e a orixe dos encrucillados


Lin por aí que nunha columna das ruínas de Pompeia existe un gravado cunhas palabras cruzadas que se poden ler, ben en sentido horizontal, ben en vertical. Se cadra, este é o primeiro vestixio de encrucillado do que temos constancia. Porén, das diversas versións que atopei sobre a orixe deste pasatempo, a que máis me gusta é a protagonizada por Victor Orville.

Corrían os primeiros anos do século XX. Preto da cidade inglesa de Oxford produciuse un tráxico accidente de automóbil con vítimas mortais. O condutor que o causou, Victor Orville, orixinario de África do Sur, resultou condenado a tres anos de prisión. 

Os remorsos mergullaron a Orville nunha fonda depresión. Pasaba as horas a ollar abstraído as lousas que pavimentaban a súa cela, dispostas regularmente en forma de grella. Na súa soidade, imaxinaba letras nestas lousas ata que descubriu que, combinadas de certo xeito, acababan formando palabras cruzadas vertical e horizontalmente. Despois dun tempo, o recluso acabou por pedir lapis, papel e un dicionario. Nas semanas posteriores dedicouse a poñer por escrito, en cadriños que el mesmo deseñaba, todos eses encrucillados, coas definicións de cada voz.

Xulgado como demente, Orville foi levado perante o médico do cárcere. Non imaxinaba o doutor que tamén el acabaría contaxiado pola maxia daquel estraño e fascinante pasatempo. O caso é que, animado polo médico da prisión, Orville enviou por correo a súa invención ao máis importante periódico de Cidade do Cabo: por un lado, a grella de cadros numerados e as definicións e, por outro, as correspondentes respostas. Na redacción do xornal pasaron horas a xogar cos encrucillados de Orville e de inmediato comezaron a ser publicados. O éxito destes pasatempos foi impresionante e outros xornais e revistas comezaron a pedirlle novo material ao seu inventor. 

Cando Victor Orville cumpriu por fin a súa condena, recibiu a cantidade de 2 millóns de libras en concepto de dereitos de autor. Convertido en millonario, pasou o resto da súa vida na súa terra natal creando máis xogos de palabras. Contan que na súa lápida, en Cidade do Cabo, hai deseñado un encrucillado. 

Por desgraza, no noso país a elaboración de pasatempos en galego non dá para se facer millonario. Con todo, si temos os nosos Victor Orville particulares: Darío Xohán Cabana e Paulino Novo. O primeiro hai agora xusto 25 anos que está a publicar encrucillados diarios en La Voz de Galicia e o segundo é tamén creador de pasatempos diarios para El Progreso e Diario de Pontevedra

Se queredes xogar a resolver encrucillados en liña, podedes atopar unha chea deles no Programa Prensa-Escuela (de La Voz de Galicia), da autoría de Carlos Ocampo, profesor e colaborador habitual neste xornal. E para todos aqueles interesados directamente en crealos (dunha forma menos «rústica» que imaxinar letras nas lousas do pavimento), pode ser útil o programa Hot Potatoes. Ánimo e a seguir o inspirador exemplo de Victor Orville!
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...