Lembrades aquel fantástico xogo do Escatumbararibé? Un xogo con canción (ou unha canción con xogo) a medio camiño entre o trabalinguas e os malabares.
Moitos dos nosos recitados e cancións tradicionais, como sabemos ben por orellapendella.org, tamén toman forma de xogos infantís. Pezas populares que de sempre serviron como recurso para a integración e cohesión no grupo e que, ademais, son parte substancial do noso acervo cultural.
Para comprobardes que moitos destes xogos de noso non desmerecen daquela marabilla brasileira, aquí deixo dúas probas: «Pato Donald foi a feira» e «Na rúa 44». Dei con elas no magnífico blogEnredamos do CEIP Campolongo (Pontevedra), que ofrece unha ampla compilación de xogos populares.
Dous vídeos que amosan ás claras o proveito didáctico destes enredos: favorecen a memoria, a atención, o sentido do ritmo, a coordinación de movementos...
Que? Animádesvos a xogar e a cantar?
Solución aos rebus (7-7-2013): Máis vale tarde que nunca [mais V, a le, T arde, que num ka]. O mundo é uma escada, uns sobem e outros descem [o, mundo, e, uma escada, uns sobem e outros descem]
Lembrades a entrada dos alfabetos antropomorfos de hai uns meses? Pois aquí temos os nenos de Infantil 3 anos do CEIP Balaídos de Vigo estarricadiños polo chan para compoñer as iniciais dos seus nomes. Imaxínome unha Uxía por aquí, un Daniel por alá, unha Paula por acolá... No seu blog, O cole de Pepito, descubrín esta fermosa actividade, que serve para practicar a representación das letras e, ao mesmo tempo, para tomar consciencia do propio corpo.
Os alfabetos antropoformos veñen sendo algo así como o reverso da moeda dos pinacogramas: mentres estes son figuras compostas con letras, aqueles son letras feitas con figuras humanas.
Un exercicio gráfico que xa engaiolou a pintores e deseñadores desde antigo. Así o podemos ver nestes fermosos exemplos do alemán Peter Flötner (século XVI) ou do suízo Hans Erni (século XX). Seguro que tamén vós caedes no engado destas imaxes.
Solución ao xogo de colocación das comas (21-3-2013): A Xoán fáladelle, ben podedes. / A Xoán fáladelle ben, podedes. Non quero, moitas grazas. / Non, quero, moitas grazas. / Nonquero moitas, grazas. Precísase persoa que fale inglés, básico con referencias. / Precísase persoa que fale inglés básico, con referencias. Non está moi mal iso. / Non está, moi mal iso. / Non,está moi mal iso.
A voz «alfabeto» provén das letras alfa e beta, as dúas primeiras da serie alfabética do grego. O seu sinónimo «abecedario» provén das letras a, be, ce e de, as catro primeiras da serie alfabética do latín. O alfabeto galego posúe 23 letras: a (a), b (be), c (ce), d (de), e (e), f (efe), g (gue), h (hache), i (i), l (ele), m (eme), n (ene), ñ (eñe), o (o), p (pe), q (que), r (erre), s (ese), t (te), u (u), v (uve), x (xe), z (zeta).
A orixe da orde alfabética é un misterio para os expertos en paleografía. Disque os primeiros abecedarios coñecidos proveñen das escavacións de Ugarit, en Siria, e datan do 1400 a. C. A orde que amosan coincide de forma notable coa do posterior alfabeto fenicio, que serviu de base para o grego, este para o estrusco e este, á súa vez, para o latino. A orde alfabética galega herdámola, como é sabido, da latina.
Na rede, como xa vimos aquí, haivos unha chea de vídeos que presentan o alfabeto de xeito orixinal e atraente. Entre os meus preferidos están os dos «alfabetos antropomorfos», é dicir, os alfabetos representados a través do corpo humano. Velaí van tres destas pezas:
Na primeira, aparece unha única persoa, o bailarín estadounidense Toby Towson.
Na segunda, intervén un grupo de estudantes de deseño gráfico de Newcastle (Inglaterra).
Na terceira, vemos todo o proceso creativo co que o fotógrafo Benning Arjan reproduciu The Body Type, unha tipografía elaborada a partir de modelos espidas ideada en 1969 polo deseñador holandés Anthon Beeke.
Se cadra, tamén vós podedes animarvos a crear os vosos propios «alfabetos antropomorfos». Ánimo!
Solución ao titultexto (8-11-2012): [A dona do corpo delgado], despois de [elevar as pálpebras], ollou
[arredor de si]. Para ela, por mor do [crime en Compostela], as [cousas] xa
non eran igual. Desde [a fiestra baldeira] d[un hotel de primeira sobre o
río] pensaba saudosa: [«non vexo Vigo nin Cangas»]. Só podía
contemplar [os eidos] da [Terra Chá]: [herba aquí ou acolá], [un millón de
vacas] e [xente ao lonxe]. Poñíase [o sol do verán]: era [o crepúsculo. E
as formigas] a pasear polas paredes. Xa se imaxinaba pasando [unha longa
noite de pedra][á lus do candil]. Por sorte, chegou un [Land Rover]; e nel,
[Cándido Branco e o Cabaleiro Negro], [os dous de sempre]. Por fin xa podía
comezar [a esmorga]!
A dona do corpo delgado, Álvaro Cunqueiro. / Elevar as pálpebras, Yolanda Castaño. / Arredor de si, Otero Pedrayo. / Crime en Compostela, Carlos G. Reigosa. / Cousas, Castelao. / A fiestra baldeira, Rafael Dieste. / Un hotel de primeira sobre o río, Xohana Torres. / Non vexo Vigo nin Cangas, Bernardino Graña. / Os eidos, Uxío Novoneyra. / Terra Chá, Manuel María. / Herba aquí e acolá, Álvaro Cunqueiro. / Un millón de vacas, Manuel Rivas. / Xente ao lonxe, Eduardo Blanco Amor. / O sol do verán, Carlos Casares. / O crepúsculo e as formigas, Xosé L. Méndez Ferrín. / Longa noite de pedra, Celso Emilio Ferreiro. / Á lus do candil, Anxel Fole. / Land Rover, Suso de Toro. / Cándido Branco e o Cabaleiro Negro, Darío Xohán Cabana. / Os dous de sempre, Castelao. / A esmorga, Eduardo Blanco Amor.