Amosando publicacións coa etiqueta Educación Plástica e Visual. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Educación Plástica e Visual. Amosar todas as publicacións

14 de maio de 2017

How to draw a cat


Un dos xogos que mellor funciona cos pequenos aos que lles dou Inglés son os deseños nos que o debuxo dun elemento xorde, como por arte de maxia, a partir da palabra que o designa. Por Internet circulan moitos exemplos.





Os primeiros que adoito facer con eles, pola súa sinxeleza, son o de boy e o de girl. Tempo despois, cando comezamos a traballar o vocabulario dos animais, veñen outros como os de dog, cat, bee, owl...



Unha verdadeira marabilla de actividade para a que non se precisa unha destreza especial no debuxo e que lles permite memorizar de forma lúdica e creativa estas palabras. Sempre van para a casa entusiasmados e impacientes por lles amosar o truco aos seus maiores.

8 de dec. de 2014

Como pintaría Picasso a letra P?

Como pintaría Matisse a letra D? Como pintaría Mondrian a letra H? Como pintaría Van Gogh a letra N? Como pintaría Picasso a letra P?... 

A ilustradora estadounidense Audree Rowe decidiu poñerse na pel destes artistas universais e doutros 21 máis e imaxinou como serían os seus cadros cunha letra do alfabeto como tema. Todo pintado á man, respectando as súas técnicas, as súas cores... Pezas que transmiten todo o xenio creativo deses pintores e que, en lugar dun espazo nun museo, ocupan as páxinas do libro Art in the Alphabet. Unha obra orixinal e fascinante para amantes da arte e tamén para amantes da lingua. 

Velaquí tedes o vídeo de promoción da obra, editado ademais a xeito de xogo. Canto sabes de pintura? Es que de adiviñar cal é o «autor» de cada cadro antes de que apareza o seu nome?

17 de out. de 2014

Palíndromos e folioscopios


Decateime de que un palíndromo e un flipbook teñen a misma estrutura. Ambos os dous son lineais e, asemade, reversibles. Fixen este obxecto arredor desa observación.
Así explica a deseñadora estadounidense Kelli Anderson idea que inspirou o seu flipbook palindrómico.

Para quen non o teña claro, flipbook é o nome inglés do que en galego poderiamos chamar folioscopio, un pequeno caderno que contén unha serie de imaxes que varían gradualmente dunha páxina á seguinte para que, facéndoas pasar ás presas, parezan animarse simulando un movemento continuo. Unha técnica que explica a orixe mesma da cinematografía.


O libriño animado de Anderson non amosa imaxes en movemento, senón letras, ou máis ben todo un palíndromo: A SANTA LIVED AS A DEVIL AT NASA. Enxeñoso texto reversible que se podería traducir como «Un papá Noel viviu como un demo na NASA».


Anímovos a deseñar os vosos propios folioscopios. Neste blog do CPI Fonte Díaz (de Touro) podedes atopar un par de sinxelos exemplos e nesta ligazón un útil manual para vos poñer mans á obra.

5 de xuño de 2014

As adiviñas dos máis pequenos


Unhas cantas adiviñas da tradición popular:
Capullo sobre capullo,
capullo do mesmo pano,
senón cho digo eu,
non acertas neste ano.
E unha chea delas da colleita dos nenos e nenas do CEP de Campolongo (Pontevedra). E coas súas correspondentes ilustracións.




Así é o magnífico traballo «Biblioenredos: adiviñas sobre alimentos», publicado no blog Enredamos deste centro de Pontevedra: unha nova iniciativa que achega os xogos de lingua da nosa tradición oral aos máis pequenos.

13 de dec. de 2013

Sopas de reciclaxe



Un taboleiro de madeira, unhas tampas de refrescos, parafusos, cola adhesiva, unhas gomas elásticas e pouco máis. Con estes elementos cotiáns podemos crear, seguindo os pasos que acabamos de ver, un orixinal xogo de sopa de letras. Un divertimento con elementos reciclados que, ademais, non precisa de enchufes!

No caso que se nos ofrece no vídeo, a sopa é silábica. Mais, trocando os papeis do interior das tampas, podemos poñer letras do alfabeto en lugar de sílabas; e tamén, por suposto, variar á vontade os temas do pasatempo.

Un divertida proba de que, cun chisco de creatividade, é posible darlle un uso lúdico a case todo o que teñamos pola casa. Como xa vimos aló atrás, o mellor xoguete pode ser, ás veces, unha sinxela caixa de cartón.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...