Ás veces a lenda dun escritor ou escritora supera sobradamente a súa biografía. Cóntase que
Ernest Hemingway adoitaba reunirse cun grupo de amigos (actores, escritores, pintores, xornalistas...) no bar do
Hotel Algonquin de Nova York. Seica unha noite, algo afectado polo alcóhol, Hemingway propuxo unha aposta sobre cal deles sería quen de facer unha novela con só seis palabras. Este miniconto, ademais, debía provocar o choro ou unha fonda tristura en quen que o lese.
Ao parecer, daquel desafío xurdiron varios microrrelatos. O seguinte é o atribuído a Hemingway:
For sale: Baby shoes. Never worn. ("Véndese: zapatos de bebé. Nunca usados").
Nada se pode asegurar sobre a veracidade da anécdota; con todo, o miniconto é ben fermoso. Unha desas historias mínimas que sobresae máis polo que omite que polo que di. Omisión de información deliberada que amplifica as posibles interpretacións do relato. Todo está «fóra do texto».
Inspiradas nesta anécdota literaria, xurdiron hai uns anos iniciativas curiosas como
Six Word Story Every Day ou
Six Word Stories.
No ano 2010 desenvolveuse
Six Word Story Every Day, unha colaboración entre
Van Horgen, escritor, e
Anne Ulku, deseñadora grafica. Nas súas palabras: «unha exploración narrativa diaria pola lingua e pola tipografía». 365 historias mínimas presentadas cos máis impactantes deseños e tipografías.
Six Word Stories é unha
web que recolle, en inglés, historias de seis palabras como máximo. Mágoa que o sitio estea inactivo desde o 2014. Sería un grande recurso para poñerdes en práctica o voso inglés e engadirdes os vosos propios microrrelatos. Podedes gozar, iso si, das marabillas hiperbreves xa publicadas, que mesmo se
ofrecen clasificadas por categorías: crime, humor negro, sexo, xogos de
palabras... Aí van algunhas.
Flea flew from Fifi for Fido. («A pulga voou de Fifi a Fido»), Yalubill M.L. (7/9/2012)
You’re not a good artist, Adolf. («Vostede non é un bo artista, Adolf»). Myoldaccntwasdeleted (2/28/2014)
Voyager still transmitted, but Earth didn’t. («A Voyager aínda transmitía, mais a Terra non»). ErasedCitizen (2/14/2014)