Amosando publicacións coa etiqueta Iván Ferreiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Iván Ferreiro. Amosar todas as publicacións

19/02/2014

Aquelas merendas co Xabarín



«Longas merendas», unha marabilla a ritmo de ragga (mestura de reagge e rap) a cargo de Xenderal, o beatboxer anteriormente coñecido como Gendebeat. Tiven a sorte de gozar desta canción ao vivo o pasado mes de agosto na Feira do Cómic da Coruña.

Como sucedía co tema «Bocata e futbolín» de Iván Ferreiro, con «Longas merendas» temos unha sentida homenaxe musical a toda a xeración marcada polas peripecias de Son Goku, de Beakman, do Capitán Planeta ou de Carmiña Vacaloura. Que tempos aqueles! Cunha TVG convertida en efervescente promotora do galego entre a nosa rapazada. O mesmiño que agora!

Esta peza, que levanta o ánimo e serve para engordar o noso karaoke, foi escollida para celebrar o nacemento de Oink!, a revista do Xabarín Club. Con estas palabras é presentada na súa web:
Hai preto de 200.000 rapaces e rapazas na nosa terra entre os seis e quince anos de idade que non contan cunha revista que lles fale desde a súa mesma realidade e na súa lingua.
Oink! vai máis aló dunha revista infantil-xuvenil convencional, é unha porta á curiosidade, á imaxinación e ao espírito creativo dos máis novos da casa.
Sabemos que os nenos e nenas son capaces de pensar, imaxinar, idear e deseñar cousas incribles. Só fai falla tratalos como persoas que son e darlles os recursos que precisan para sacar todo ese potencial.
Se queredes apoiar a continuidade de Oink!, visitade esta ligazón de Verkami. Por moi pouquiño podedes facervos cunha subscripción para os próximos 6 números da revista. Necesitan asegurar un total de 1200 subscritores. 

Adiante! Por fuciños, por cacheiras! Longa vida ao noso porco bravo!

Solucións á análise dos chistes de Santy Gutiérrez (10-2-2014): Eufemismo (axustes = recortes/ Paronimia (en serie - en siria) / Polisemia (letra ‘signo do alfabeto - ‘documento polo que unha persoa se compromete a pagar’) / Frase feita (nada de nada).

26/04/2012

Karaoke Xabarín



Iván Ferreiro (unha das miñas debilidades musicais) fai con este tema, «Bocata e futbolín», unha fermosa homenaxe ao Xabarín Club. Este espazo da TVG botou a andar no mes de abril de 1994, é dicir, o noso porco bravo televisivo acaba de facerse maior de idade. Series de animación, noticias, videoclips e moitos outros contidos que engaiolaron varias xeracións de rapaces (grandes e pequenos) ata se converter en todo un fenómeno social: máis de cen mil socios (unha cuarta parte dos nenos de Galicia). 

Unha ferramenta normalizadora privilexiada que, por desgraza, desde hai un tempo se deixa esmorecer, comezando pola supresión da programación da tarde (cando os nenos e nenas ven máis televisión).

E aproveitando o videoclip, unha suxestión: «liberar» o/a cantante que levamos dentro e xogar ao karaoke. 

Este invento xaponés nace do costume de acompañar con cancións as sobremesas de todo tipo de «paparotas» (algo ao que nós tamén estamos bastante afeitos). En concreto, todo xurdiu cando o público do cantante Daisuke Inoue comezou a lle pedir insistentemente gravacións das súas cancións para poder cantalas nas festas. Inoue, ao decatarse do potencial da idea, creou e alugou as primeiras máquinas, mais nunca chegou a patentar o seu invento (na súa modestia, Inoue dicía que el non era un inventor, que só era un «home de ideas»). Hoxe, os karaokes son unha mostra máis do mundo globalizado: en todo o planeta son usados para cantar e gozar nas xoldas, para aprender idiomas ou mesmo para combater a depresión nos hospitais.

Se queredes explotar as posibilidades do karaoke con abundantes temas na nosa lingua aquí deixo unhas referencias de recursos na rede: o proxecto Galeoke, da man da asociación Trabalingua, ou as webs xabarin.org e osarquivosdameiga.com.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...