Amosando publicacións coa etiqueta Johann D. Steingrüber. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Johann D. Steingrüber. Amosar todas as publicacións

12 de nov. de 2015

Da topografía á tipografía

http://www.geogreeting.com/view.html?yHyqyCUnoUvsxqEkU

De Johann David Steingrüber (1702-1787) eguer a cabeza, quedaría pampo con GeoGreeting, ferramenta creada aló polo 2006 por Jesse Vig, un mozo de Minnesota estudante de informática. Steingrüber imaxinara e deseñara, ao xeito tradicional dos arquitectos, abraiantes e utópicos edificios coa planta en forma de letras. Máis de dous séculos despois, o estadounidense empregou Google Earth para atopar por todo o planeta edificacións que, vistas desde o ceo, son cuspidiñas a letras. E abofé que o conseguiu!

GeoGreeting é unha sinxela aplicación que nos permite escribir mensaxes curtas (máximo 40 caracteres) con fotografías aéreas de edificios. A web, baseada como dixemos en Google Earth, indícanos sobre un mapa do mundo, a localización exacta do edificio que representa cada letra. Despois de escrito o enunciado, facilita unha ligazón para gozarmos da nosa creación animada e compartila. Eu, como comprobades ao pulsar as imaxes ou aquí, xa o probei co nome do blog.

http://www.geogreeting.com/view.html?yHyqyCUnoUvsxqEkU#t

http://www.geogreeting.com/view.html?yHyqyCUnoUvsxqEkU#t

Polo que se ve, ducias de arquitectos ludolingüistas inspirados por Steingrüber deciron espallar letras (e quen sabe se tamén mensaxes) por todo o planeta.

26 de abr. de 2013

O alfabeto arquitectónico de Steingrüber





Cando vin estas fabulosas edificacións, imaxinei os ditadores das máis variadas épocas e lugares a encher o seu ego erguendo suntuosos palacios coa planta das súas iniciais: o S de Stalin, o H de Hitler, o M de Mugabe...

Mais o certo é que estes deseños do arquitecto alemán Johann David Steingrüber, publicados en 1773, constitúen un dos máis curiosos xogos de lingua dos que teño noticia. Trátase do coñecido como «alfabeto arquitectónico de Steingrüber», unha serie de trinta plantas de edificios coa forma exterior das letras do alfabeto. Proxectos nunca realizados que son un simple exercicio de virtuosismo no deseño. Esta mestura de arquitectura e tipografía é un fascinante exemplo das posibilidades da imaxinación humana.

Máis alá das funcións egocéntricas das que falaba ao comezo, se cadra, tamén podemos imaxinar enxeñosos urbanistas utilizando estes planos para idear cidades-texto lexibles ao percorrer rúas e prazas. Quen non andaría a fedellar decote no google maps sobre esta utópica urbe na procura das súas mensaxes?
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...