Amosando publicacións coa etiqueta Leo Fernández Campos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Leo Fernández Campos. Amosar todas as publicacións

1 de out. de 2017

Stop? Pots!


Hoxe é 1 de outubro. Bo día para reparar en que un palíndromo, mesmo bilingüe, pode darnos unha lección de vida, como ben viu o Leo Arremecághona. Sinal en vermello en inglés: Stop (Alto!). Sinal en verde en catalán: Pots (Podes!)

E como os palíndromos (e as palabras) sonche como as cereixas, que uns noutros se enguedellan, aquí vai unha serie de anuncios de lema reversible. Os primeiros, os orixinais (2-1-2009), de Fiat, creados pola axencia Leo Burnett de Sao Paulo (Brazil). 

(A cera causa a súa calvicie)


(Asasinato por un tarro de ron vermello)

Os seguintes, «menos orixinais» (26-1-2009), de Mercedes, obra de Jung von Matt/Limmat, de Zurich (Suíza).

(As potas nunca paran)

(Non entrarei en pánico nun pozo)

(Era iso que vin un coche ou un gato?)

(Anuncios en ningunha parada)

(Ah! Un maia nunha Yamaha!)

A idea en todos eles, vender as excelencias dos sensores de aparcamento e das cámaras traseiras: como nos palíndromos, igual de ben para adiante ou para atrás. Que bo!

7 de feb. de 2014

Convosco... a «poesía peitoral»!


Emociónavos a poesía dos nosos bardos de onte e de hoxe? Sentides orgullo da lingua de noso? Queredes, coma Curros, ser apóstolos que proclamen ese «Evanxeo» aos catro ventos? Daquela, o voso é... a «poesía peitoral»!

Ou, se non, como chamariades esta marabilla de camiseta de Tinta de Lura? Un texto d’O Leo que reborda beleza, enxeño e gusto polos xogos de palabras (xenial o enredo homofónico raíña - raíña). E non é a única peza de «poesía peitoral», tedes camisetas-poema de Carlos Negro, Estíbaliz Espinosa, Lupe Gómez, Lois Pereiro, Manuel Antonio e Rosalía de Castro. Iso si, seica todas esgotadas.

Non é primeira vez que temos por aquí camisetas con lemas que rachan a pana. Mais, desta volta, lírica para todos os gustos e para todos os torsos.

1 de out. de 2013

Cando hai cu, «haiku»


Ao andel da nosa «bibliografía ludolingüística básica» engádeselle hoxe un novo libro de poemas: Hai cu (2007) d’O Leo, tamén coñecido como Leo Fernández Campos, filólogo e artista punk polifacético (actor, poeta e compoñente d’O Leo i Arremecághona!).

Un libro que, antes de selo, agromou como poemas soltos no seu blog haicu.blogspot.com. O título xa nos dá todas as pistas do contido: 

Por un lado, o xogo homofónico remítenos ao haiku xaponés, poema breve de tres versos (5, 7 e 5 sílabas) que, nun exercicio máximo de síntese, busca captar un instante cotián que nos conmova. Así, O Leo enreda con breves pezas de tres versos ofrecendo a súa particular versión deste xénero oriental.

Por outro lado, o referente do cu e os seus «asociados». Unha temática escatolóxica e sexual tratada con humor e enxeño (nunca tal vira desde o maxistral Gracias y desgracias del ojo del culo de Francisco de Quevedo).

As palabras da contraportada dino todo:
Se a poesía quere intimidade e reflexión, tempo, un dos sitios que mellor lle acaen hoxe é o váter: Hai cu, e polo tanto tamén hai medo. Ser retraído quere tempo. Tempo abondo para facer (de ventre) unha breve e(va)cuación. Tempo que se inviste, por exemplo, en faceren as súas pintadas os vates públicos nos váteres públicos. O váter reduto último do eu, do nós, do noso, do noxo. Un libro de poemas para colgar nun cordel no cravo en que espetamos as follas do xornal para nos limpar; de par da cadea da cisterna do váter. Mentres hai cu, hai esperanza.
E, ademais, esa ansia por enredar coa lingua, por tirarlle, en poucas palabras, todo o seu proveito lúdico (dobres sentidos, frases feitas, parodias poéticas...).

Aí van unhas pingas:
Fraseoloxía
@ que ten cu ten medo
pero @ que só mira para o seu cu
vai de cu e costa arriba
Negra sombra
Saír con roupa interior
sempre fresca da casa
por se te pilla un coche
Díxoo un de Xinzo
Isto non é vida
Isto é
un bidón
E a xeito de despedida, para os que non o coñezades aínda, o vídeo de «Eu nunca serei yo», un dos éxitos musicais do impagable O Leo.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...