Amosando publicacións coa etiqueta Lois Pereiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lois Pereiro. Amosar todas as publicacións

17/05/2017

As dez mellores

 
Está claro que a relación entre poesía e canción é estreita, e moitas veces a fronteira é difusa. Por algo son algúns músicos considerados tamén poetas, e a musicalidade é clave en calquera composición poética. Por iso tamén, son moitos os grupos musicais que queren converter os seus poemas favoritos en cancións.
A literatura galega non escapa a esa tendencia e moitos poemas en galego, de todas as épocas e estilos, teñen sido levados a cancións. Sen dúbida todos coñecemos a ‘Negra sombra’ de Rosalía de Castro, cantada por Luz Casal, pero hai moitos máis exemplos.
Así comeza «10 poemas galegos que se converteron tamén en cancións», un artigo de Disquecool do 20 de agosto do 2015 no que propoñían un ránking das 10 mellores adaptacións musicais de poemas da nosa literatura. 

A idea gustoume, así que, aproveitando a data de hoxe, 17 de maio, deixo aquí a miña particular escolma das dez mellores cancións galegas nadas da inspiración dun poeta e dun músico. Dous criterios básicos: que se puidesen atopar en vídeo na rede e non repetir ningún título da listaxe de Disquecool. Aí van: do 10 ao 1.

10RADIO OCÉANO - Narcisismo (Lois Pereiro)


9LUAR NA LUBRE - Olla meu irmao (Celso Emilio Ferreiro(MúsicaMiro Casabella)

8. FANNY + ALEXANDER - Amei-te tanto (Pilar Pallarés)


7. NAJLA SHAMI - Camiño Branco (Rosalía de Castro)


6
DIOS QUE TE KREW - Deitado frente ao mar (Celso Emilio Ferreiro)


5FUXAN OS VENTOS O carro (Manuel María) (Música: Baldomero Iglesias)

4. MUTENROHI - Eu en ti (Celso Emilio Ferreiro)


3
. OWAIN PHYFE - Quantas sabedes amar amigo (Martin Codax)


2MINI E MERO - Penélope (Xosé Maa Díaz Castro) (Música: Baldomero Iglesias)

1. AMANCIO PRADA - Adios rios, adios fontes (Rosalía de Castro)


Cales son as túas dez?

25/07/2015

Con Lois Pereiro, ata setembro


Ao dar con este graffiti nese cofre dos tesouros que é Zarampagalegando, lembrei o fermoso texto «Que é Galicia?», de Lois Pereiro. Unha emocionante descrición alfabética e tautogramática do noso país que aínda non tivera a súa entrada en Xogosdelingua. Imperdoable!

Aí vai o texto orixinal completo:
QUÉ É GALICIA?. Por Lois Pereiro.
Galicia... data Run...
A. Auga. Aire. A Amnesia do vencido, a Atracción do Abismo, a Árbore xunta á Árbore, e a alegría do espazo circundante. A alma é o Atlántico e é o cantil o corpo da súa chamada Atroz.
B. Barroco: a Beleza usual feita materia en pedra no Bordo do Bosque omnipresente.
C. Calma. Castelao, Curros, Cunqueiro, Cultura, Celebración e Culpa: unha conciencia Céltica do Cosmos.
D. Difícil definir esa Dor, Dobregar o Destino, conseguir que o Desexo nos siga sendo útil. (Diluvia)
E. Espiral no Espazo Esférico. Emigración: Estímulo do noso Exilio interior que nos leva polo leste cara a Europa, polo mar cara ao Éxito e cara á Enfermidade, e sempre cara ao Eterno Extrañamento do Espírito.
F. Fogo de Fogar. Fantasía. Fábricas, Febre e Formas do Futuro, Figuras do pasado. O Fenómeno atmosférico da Felicidade, e todas as Festas do mañá…
G. Gráficas do Granito, auga e silencio, onde transborda a alma da Gulfstream. O xemir das Gaitas, e no carácter esa amable presenza da Graxa.
H. Historia: Herbicida o esquecemento. A Humidade, o “Horror vacui” e a Humildade impídennos converter a Historia en Heroísmo. Nosa Herdade adestrada na fuxida, coa sabedoría das feridas vellas, por nosas propias mans soamente vencidos.
I. Ironía: arte de converter o Inferno nun conto de Inverno.
J. Son oriental. Rotundidade sureña.
K. Kilowatios por terra mergullada.
L. Loito: manchas na paisaxe, bólas negras sobre o tapete verde.
M. Lega Mortos o Misterio da Música, pero o Miño vaise levando ese Misterio ao Mar.
N. Norte. Noite. Néboa. Negro: materia poética Nacional.
Ñ. Nh/ gn/ ñ.
O. Oeste: “Galicia atende e obedece á chamada do Oeste” (R. Otero Pedrayo). Tantos séculos de Ofensas e de Esquecemento crean anticorpos no Organismo dun pobo, e esa continua Ofensa da historia xerará no Orgullo deste pobo apracible o destrutivo Osíxeno do Odio, a Obsesión do fracaso e da culpa.
P. Poesía. Patria. Paixón. Perigo de extinción, perdidos en nosa propia Pureza, da necesidade de ser un Pobo. A nosa indiferenza alimentará o Proceso de autoxenocidio que vivimos. Paisaxes dispersas, aliñados entre os Perfís do Pasado, coa Presenza dunha vexetal sensación de eternidade. Paixón e Poses “punk”, reflexos Postmodernos e altas horas nos diques urbáns da noite.
Q. Química da dor Quintaesencia do medo. Aí, pegado a min, quen ri?
R. Río: o Rumor da vida, a Relixión das augas. As Risas xorden sempre onde Reina a calma, na quietud profunda de quen coñece o Risco e domínao. Rural: corre sangue Rural por estas veas; e se algunha vez a Razón opón Resistencia, recoñécese o galego na terra, na lenta vitalidade da árbore, na invencible Resignación da herba.
S. O Son da Soidade e o Silencio. O Salvaxe Sarcasmo dos Soños do presente, e a Silente atracción polo Suicidio: o Sil. O Miño é o noso Sangue, o Sil a súa Sombra. Serenos e Sombríos, finalmente transcende o Sorriso astuto.
T. Terra. E o Tempo, e o Trastorno e as súas Tebras. A Tradición dunha triste Tenrura.
A Terra é o principio, e todo existe nela e para ela.
U. Utopía: compaxinar o desexo e a necesidade dos nosos soños.
V. Vacas en Vales mollados, e a férrea Vontade dos Vellos encadeados á terra, co Vicio do seu fatalismo escéptico. Verde. Verde e máis Verde sobre outros Verdes, e por detrás: Verde.
W. Whisky: noite urbana. Galicia é Wagneriana, ou é máis ben un Wolfgang Amadeus enfermo de paisaxe, soñando con Sibelius?
X. 25 de Xull
Y. e
Z. Fin
Trátase dun guión de Pereiro para un espazo emitido pola TVG o 25 de xullo de 1988, é dicir, cumpre hoxe 27 anos. Unha definición de espírito ludolingüístico que gañou gran difusión coa celebración do Día das Letras Galegas do ano 2011. Velaquí dúas pequenas mostras:

Unha montaxe audiovisual do texto elaborada polo Centro Cultural Rueiro de Vigo (2011).



Unha interpretación a ritmo de hip hop no I Poetry Slam de Vigo (2012) a cargo de Malvares de Moscoso.


Ata setembro!

07/02/2014

Convosco... a «poesía peitoral»!


Emociónavos a poesía dos nosos bardos de onte e de hoxe? Sentides orgullo da lingua de noso? Queredes, coma Curros, ser apóstolos que proclamen ese «Evanxeo» aos catro ventos? Daquela, o voso é... a «poesía peitoral»!

Ou, se non, como chamariades esta marabilla de camiseta de Tinta de Lura? Un texto d’O Leo que reborda beleza, enxeño e gusto polos xogos de palabras (xenial o enredo homofónico raíña - raíña). E non é a única peza de «poesía peitoral», tedes camisetas-poema de Carlos Negro, Estíbaliz Espinosa, Lupe Gómez, Lois Pereiro, Manuel Antonio e Rosalía de Castro. Iso si, seica todas esgotadas.

Non é primeira vez que temos por aquí camisetas con lemas que rachan a pana. Mais, desta volta, lírica para todos os gustos e para todos os torsos.

02/11/2012

Eses curiosos acrósticos

Que teñen en común os poetas galegos Xoán Manuel Pintos e Lois Pereiro? Pois que ambos os dous son autores dos poemas acrósticos máis célebres da nosa literatura. Un acróstico, como seguramente xa saberedes, é unha composición literaria construída de tal xeito que, tomando ordenadamente as letras iniciais, medias ou finais de cada verso, estrofa ou parágrafo, se forma un enunciado que determina toda a peza. 
Queira Dios que esta gaita ben tocada
Un recordo lle valla ó bon gaiteiro,
E que millenta mais unda o primeiro
Veñan tocar tamén a Galicia amada.

Inda premita Dios que sea soada
Voando muy vistoso o meu prumeiro
Arrolando cos chios do punteiro
Garrido se mostrando coa alborada.

Avante vaia en tod'as romerias
Levada polas vilas e arredores.
Inda sea a maestra das folías.


Calada nunca estea. E de primores
Inzando os sons preñados, e alegrías,
A busquen homes legos e doutores.
                                 Xoán Manuel Pintos, A gaita gallega

               Acróstico
Somentes
intentaba conseguir
deixar na terra
algo de min que me sobrevivise

sabendo que debería ter sabido
impedirme a min mesmo
descubrir que só fun un interludio
atroz entre dous muros de silencio

só puiden evitar vivindo á sombra
inocularlle para sempre a quen amaba
doses letais de amor que envelenaba
a súa alma cunha dor eterna

sustituindo o desexo polo exilio
iniciei a viaxe sen retorno
deixándome levar sen resitencia
ó fondo dunha interna
aniquilación chea de nostalxia 
                  Lois Pereiro, Poesía última de amor e enfermidade
No acróstico de Pintos revélase unha vibrante exaltación patriótica («Que viva Galicia!»). No de Pereiro faise evidente a consciencia da enfermidade que o consumía («sida», repetido varias veces). Aquí tedes unha emocionante lectura recitada deste último poema por parte de Xosé Luís Méndez Ferrín, ex-presidente da Real Academia Galega.



Aínda que ás veces os acrósticos son usados como recurso mnemotécnico, é dicir, como técnica para recordar mellor algo, no ámbito da literatura adoitan empregarse como xogo para encriptar todo tipo de mensaxes: o nome do autor, o nome da persoa á que se lle dedica a composición ou, como nos exemplos anteriores, unha idea relacionada co texto.

Na literatura universal podemos atopar os máis variados poemas acrósticos, por exemplo: Fernando de Rojas incluíu a mensaxe «El bachiller Fernando de Royas acabó la comedia de Calisto y Melibea y fue nacido en la Puebla de Montalván» nas iniciais dos versos do prólogo da traxicomedia castelá La Celestina. O texto completo do himno nacional holandés, composto de quince estrofas, tamén é un acróstico, xa que as primeiras letras de cada estrofa forman o nome do seu autor: Willem van Nassov. Lewis Carroll incluíu nun poema acróstico o nome completo de Alice Pleasance Liddell, a nena que lle serviu de inspiración para a personaxe protagonista de Alicia no país de las marabillas e de Alicia a través do espello.

Por último, nesta ligazón, nesta ou nestoutra podemos comprobar como a técnica do acróstico resulta moi rendible á hora crearmos poemas. Animádevos a seguir o exemplo!
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...