Amosando publicacións coa etiqueta Luís Davila. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Luís Davila. Amosar todas as publicacións

26/11/2017

Paronimia e humor





Volve un clásico de Xogosdelingua: os xogos de palabras dos nosos humoristas gráficos. Hoxe toca a paronimia, esa relación entre dúas palabras con significados diferentes mais con significantes relativamente próximos (testo - textoarteira - arteria, agradar - agardar...). Como xa temos visto en máis entradas, esa semellanza formal é o factor que propicia a confusión, a ambigüidade e, ao cabo, a graza.

Arriba tedes catro pezas de catro mestres do chiste gráfico galego: Luís Davila, Xosé Lois, Santy Gutiérrez e María José Mosquera. Todas elas baseadas no recurso da paronimia. Poderías explicar como actúa este mecanismo en cada caso?

15/01/2017

Polisemia, humor e prexuízos





O xogo de palabras é unha das ferramentas básicas dos humoristas gráficos, como xa temos visto. De cando en cando propoñemos aquí unha breve reflexión lingüística para descubrir eses mecanismos verbais que xeran a comicidade. 

Un dos recursos máis habituais é a polisemia. O maxín humano, que anda a enredar a cada pouco, axuda a aproveitarmos palabras que xa posuímos para designar novos elementos: gañan así novos significados. Por exemplo, para nomear a ‘peza móbil que pode pulsarse’ das primeiras máquinas de escribir, alguén decidiu usar a mesma voz «tecla» dos instrumentos musicais. Ou cando alguén visualizou unha «araña» nun tipo de ‘lámpada con brazos’, decidiu nomeala co nome do becho.

Moitos chistes baséanse na capacidade destas palabras con diversos significados para producir interpretacións ambiguas e sorprendentes. Desa confusión e desa sorpresa xorde a hilaridade. 

Arriba tedes catro pezas gráficas de grandes debuxantes galegos: Luís Davila, Sabela Arias, Xosé Lois e María José MosqueraPodedes explicar como actúa en cada unha a polisemia como recurso humorístico? Lembrade que un bo dicionario, como o da RAG, pode axudar.

E, por certo, coñecedes o novo calendario do 2017 da Universidade de Vigo con pezas de Luís Davila? Un almanaque (aquí en PDF) editado desde a Área de Normalización Lingüística baixo o lema «Na Universidade, en galego sen prexuízos» con doce deseños de Davila que convidan á reflexión, con humor, sobre os prexuízos lingüísticos. Nas súas palabras:
A idea principal que pretendo transmitir é a autoestima e que aprendamos a valorar máis o que temos e que falemos galego con orgullo.



Un compromiso dos humoristas gráficos co noso idioma que vén de vello, como podemos ver neste especial preparado hai xa 20 anos no antigo Vieiros.

13/01/2015

De Sótades a Charlie Hebdo

A traxedia do Charlie Hebdo deixoume fondamente conmovido. Quen coñeza Xogosdelingua sabe da miña predilección pola arte do humor gráfico. Con todo, non tiña pensado facer anotación ningunha sobre o tema. Hai pouco dei na rede con varios deses textos que proclaman «Eu non son Charlie» e mudei de idea. E fíxeno, en parte, ao lembrar a triste historia do primeiro palindromista, Sótades de Maronea, un poeta da Grecia clásica, da época do rei Ptolomeo II Filadelfo, contra o século III a. C.


Cóntase que Sótades tivo a ocorrencia de compoñer uns versos palindrómicos nos que satirizaba sobre as relacións incestuosas do rei coa sua irmá, Arsínoe II. «Metes o teu aguillón nun burato impío», seica dicía un dos seus versos.

O sensible Ptolomeo non soubo encaixar ben estas chanzas e mandou que apresasen o poeta. Aínda que inicialmente conseguiu escapar e refuxiarse nunha illa do Exeo, Sótades foi de novo capturado e o rei, aínda ofendido, ordenou executalo de forma cruel: metérono nunha caixa de chumbo que logo guindaron ao mar. Este foi o tráxico destino do primeiro palindromista coñecido, vítima da falta de sentido do humor.

Con certeza hai quen pode considerar moi duras e mesmo ofensivas as bromas dos debuxantes franceses sobre as crenzas de millóns de persoas. Tamén é posible que alguén interprete certo ton racista nalgunhas bromas do semanario. Porén, nun mundo civilizado, a única alternativa válida ante esta «provocación» é ignorala ou responder no mesmo plano: debuxando, escribindo... Mais neste caso, o salto cualitativo é tan obvio como inhumano: ao debuxo ofensivo respondeuse con disparos asasinos.

Só por iso: «Eu tamén son Sótades», «Eu tamén son Charlie».

19/03/2014

Agasallos para xentiña «nikelada»



Se cadra, comeza a poñerse de moda o obsequio do sacho. En tempos de crise, non é mala cousa! En todo caso, atoparedes agasallos a eito en Nikkis Galicia Style: camisetas, mandís, cuncas, paraugas, calzóns...

Un grupo de deseñadores e ilustradores, entre os que se atopa o noso admirado Luís Davila, participan neste proxecto comercial. Xa trouxemos por aquí outras iniciativas semellantes e todas con ese aquel de orgullo enxebre e moito, moito sentido do humor.

Como podemos ver deseguido, tampouco lles falta arte á hora de xogar coa lingua. Repara nestas estampas de camisetas de Nikkis Galicia Style. Localiza nelas os recursos da homofonía, homonímia, paronimia, e calembur.




20/04/2013

O humor de Luís Davila [2]





Fervíame o corpo! Xa me tardaba traer de novo a Xogosdelingua as tiras cómicas de Luís Davila. Como non aproveitar o seu inesgotable enxeño ludolingüistico!

Sempre me gustou a expresividade cómica dos seus debuxos: eses ollos fóra das órbitas, eses narices superlativos... Con todo, o que realmente me admira é a arte que ten para converter os máis sinxelos xogos de palabras en maxistrais pezas de humor gráfico.

Arriba temos algunhas perlas coas que Davila nos agasalla n’O bichero, blog no que pendura as súas colaboracións no Faro de Vigo. Só catro, aínda que prometo volver con máis no futuro.

As viñetas anteriores baséanse nos seguintes recursos: calembur, paronimia, polisemia e homonimia. Poderiades identificar cal é o que corresponde a cada unha?

06/01/2013

De Gondorriño a Verín Osborne


Sempre xenial Davila! Mágoa que, a estas alturas, aos nosos cativos haberá que lles explicar onde está a graza. Que era iso das caixas? Que era iso da fusión? En fin, unha feliz ocorrencia:
Gondorriño, Cangoaña, Ponteariz...
O caso é que este cadriño de Luís Davila vén de marabilla para introducir outro caso de xogo coa toponimia galega. Hai xa uns meses, a través do blog Xavedes! (do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac, de Ferrol) souben dun hashtag que por unha noite arrasou en Twitter (segundo din, mesmo chegou a ser Trending Topic estatal): #PobosGalegosFamosos. Os usuarios que participaron nel puxéronse a xogar cos nosos nomes de lugar de xeito que se convertesen en calquera outra cousa: títulos de filmes, nomes de artistas famosos, topónimos doutros países... Aí van algunhas desas divertidas creacións:
Lugo Boss, Palmeira Anderson, University of Cambre, Verín Osborne...
Un bo exemplo do rendemento lúdico da paronimia (Hugo - Lugo; Pamela - Palmeira; Cambridge - Cambre; Bertín - Verín...). 

Tócavos agora a vós xogar cos topónimos. Quen se anima a crear hilarantes creacións como as anteriores?

12/04/2012

O humor de Luís Davila [1]





Luís Davila publica as súas viñetas diarias no Faro de Vigo. Este humorista gráfico agasállanos cada mañá cunha ocorrente escena cómica, sempre co protagonismo da xente de a pé da súa terra natal, o Morrazo, e as súas vicisitudes cotiás: a crise económica, o desemprego, o fútbol, a terceira idade, as infraccións de tráfico, as contradicións entre modernidade e tradición... Uns personaxes e unhas situacións nas que todos nos vemos reflectidos. Podemos gozar da recompilación das súas creacións no blog O bichero ou tamén no volume impreso Jalisia Kaníbal.

Como xa vimos na entrada sobre o «Xenial Carrabouxo», un dos recursos máis frecuentes no ámbito do humor gráfico son os xogos de palabras. Os dobres sentidos que estes orixinan sempre dan pé a un sorriso.

En cada unha das catro viñetas anteriores domina un dos seguintes recursos: prefixación, homofonía, polisemia ou paronimia. Poderiades descubrir que recurso corresponde a cada unha?

Con seguridade, se vos mergullades no blog ou no libro citados, gozaredes de momentos de gran diversión e atoparedes algún outro exemplo destes recursos.
Solucións aos xeróglifos (30-3-2012): Doces e té (Doce sete) / Semella barato (Semellaba rato) / De Nigrán a Lugo (Denigran alugo) / As de ouro só (Ás de ouros o)
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...