Amosando publicacións coa etiqueta María Fumaça. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta María Fumaça. Amosar todas as publicacións

26/07/2017

A lenga-lenga do Xanduca



Un chisco de cante e baile como despedida, ata setembro. Unha peza ben alegre, composta polo «brasilego» Sérgio Tannus, que se suma ao noso karaoke: «A lenga-lenga do Xanduca». Aparecía naquel marabilloso libro-CD de Maria Fumaça do 2012.

O dicionario Infopédia define unha lenga-lenga como un «texto transmitido de geração em geração, constituído por palavras que geralmente rimam e com muitas repetições, conferindo-lhe um carácter musical que facilita a rápida memorização». Unha voz procedente do quimbundo kulenga («correr»).

Polo que puiden descubrir, a parte que se asemella a un trabalinguas é unha lenga-lenga tradicional que cantan os nenos de Cabo Verde e do Brasil.
Tum-tum,
piscatunga tá,
piscatunga laribê,
piscatungatinga,
Oê beri beri beri bê,
piscatunga laribê,
piscatunga tá.
A gozar do verán! 

21/12/2016

Dous agasallos musicais





E seguimos cos agasallos natalicios. Grazas, outra vez, a Carta Xeométrica, decubrín estas dúas pezas que acrecentan o fondo musical do noso karaoke. Seguro que nestas semanas atoparemos ocasión para cantar estas e outras cancións, especialmente ideadas para os máis pequenos.

A primeira, «Peixiños do mar», de Magin Blanco, é un complemento do libro Os peixes e outra fauna mariña. Este proxecto da Mesa pola Normalización Lingüística forma parte dunha serie máis ampla que busca achegarlles aos nenos o noso léxico patrimonial. Neste caso, a fauna mariña (peixes, crustáceos, moluscos...). 

A segunda, «A horta de Balbina», é un anticipo do novo libro-CD dos fabulosos María Fumaça, Aire, que estes días están a piques de presentar. Unha canción ideal, tamén, para traballar o vocabulario dos produtos da horta.

Boa mestura chea de vitaminas: xureliños, verzas, ameixas, cebolas, bacallaus, allos, castañetas, leitugas, camaróns, tomates, linguados, xudías, nécoras, cenorias... Ingredientes ideais para unha gorentosa caldeirada coa que aprender e normalizar cantando.

Bo proveito!

02/04/2013

«María Fumaça» arrasa por onde pasa



Por aí lin (ou escotei) este slogan: «María Fumaça arrasa por onde pasa» que, ademais de sonoro e brillante, resulta totalmente certo. María Fumaça é un fantástico proxecto musical que nos agasalla con libro-CD, karaoke, videoclips, xira de concertos... A canción anterior, «O mercado», é unha das pezas deste volume editado por Galaxia no 2012. 

Con todo, a locomotora de María Fumaça xa botara a andar moito antes. Inicialmente xurdiu a xeito de obsequio de Uxía Senlle para Rui, un afillado seu cunha forte discapacidade. Dende hai anos, polo Nadal, Uxía e outros artistas amigos xuntábanse na casa de Rui para agasallalo con cancións cheas de alegría e vitalismo.

No coidado produto final participa unha presa dos mellores músicos e actores do país: Uxía Senlle, Sérgio Tannus, Magín Blanco, Carlos Blanco, Quico Cadaval… e o propio Rui. Un tren festeiro que desexamos sexa de «longo percorrido» e que siga arrasando polas nosas escolas, auditorios e teatros.

E volvendo á canción inicial, velaí queda outro tema para o noso karaoke particular, que ademais permite traballarmos o campo semántico das partes do corpo (, cu, man, orellas, nariz) e dos produtos do mercado (café, xampú, azafrán, lentellas, regaliz). A cantar!
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...