Amosando publicacións coa etiqueta Markos Gimeno. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Markos Gimeno. Amosar todas as publicacións

4 de mar. de 2017

Zerorajasoa de Markus


Quen teña a sorte de dominar o éuskaro poderá gozar de Zerorajasoa, a web ludolingüística do ermuarra Markos Gimeno (Markus), que xa nos visitou por aquí en dúas ocasións

Este proxecto na rede naceu no 2007 e contén propostas diversas: desde promocións dos seus espectáculos á venda de produtos como camisetas ou bolsas; desde sonetos a obradoiros de palíndromos...




Con todo, o que máis me gusta de Zerorajasoa é o reto palindrómico semanal. Markos Gimeno ofrece cada luns un «palíndromo oculto» que debe ser desvelado mediante tres axudas: o título (que anticipa sumariamente o tema do palíndromo), a pista (que achega, normalmente en forma de pareado, información adicional) e os números (que precisan o número de letras que contén cada unha das palabras do texto capicúa). 
Título:
Trigonometrika librean
Pista:
Berbez eta patsadaz, sinbolo sikua.
Bi hanka berdin daukazu, triangelua.
Números:
4, 6, 4 6. 6 2, 8.
Unha proposta lúdica que cada semana pon á proba o enxeño dos seus seguidores. Así o explica o propio Markus:
Cada luns meto un exercicio que consiste en acertar o «palíndromo oculto». Hai una estrutura numérica que di o número de palabras e cantas letras. [...] Animeime a incluír versos e a xente responde. Tómoo con seriedade e cada luns ás 8 da mañá inclúo un palíndromo, porque hai xente que está aí.
Mágoa que eu de éuscaro, de momento, nin papa. 

2 de mar. de 2016

«Me morías de África»

 
«Hipo y Condrias» son dous doutores, doutos en varias materias que nos explican a diferenza entre a hipocondría e o hipopótamo (supoñendo que esta diferenza exista). Departen sobre humores humanos, iniciativas iniciais e ocasos ocasionais…
O non.
Así se presenta o dúo cómico «Hipo y Condrias» na súa web. Afincados en Ermua (Biscaia), levan en activo desde o ano 2011. Nos seus espectáculos, os médicos Hipo (Markus Gimeno, que xa coñecemos como poeta palindrómico) e Condrias (Juanma Rodríguez) falan sobre enfermidades, sobre tratamentos e sobre o que faga falta, sempre co enredo coas palabras como ferramenta fundamental. Uns ludolingüistas consumados que, ao xeito doutros que xa vimos aquí ou aquí, fan exhibición da súa arte ao vivo sobre un escenario.

Deseguido, unha mostra realmente brillante: o sketch «Me morías de África», un exemplo esmendrellante do rendemento do calembur, da polisemia e da paronimia en combinación co sentido do humor e coa creatividade. E todiño sustentado sobre topónimos africanos!

Ollo! Se cadra tedes que darlle ao play dúas veces para pillar todos os xogos de palabras.

20 de dec. de 2015

«Ezinize najan», canción-palíndromo


Xa vimos nesta entrada ou nestoutra algunhas asombrosas cancións-palíndromo. Hoxe toca outra, mais esta vez... en éuscaro!

Grazas á web do Club Palindromista Internacional souben do grupo vasco de rock alternativo PAM (de nome completo Puto Amoak Matematiketan; en galego: Putos Amos das Matemáticas) e da súa canción «Ezinize najan» (ou «Ezin izena jan»; en galego: «Non pode comerse o nome»). Trátase da versión musicada dun poema palindrómico do ludolingüista Markus Gimeno. Este é o primeiro single do seu novo álbum, financiado mediante crowdfunding.

Aquí podedes ler, completo, ese texto reversible:
Igel izan ezinez ia,
ni naizena onar,
eta beti martziano naiz.
Tramite batera noanez,
ia ni naizen izena
zilegi.
Que podería traducirse así:
Ao non poder case ser ra,
aceptar o que son,
e sempre son marciano.
Como vou a un trámite,
o nome que case son
vale.
E este é o audio.



Outra incrible proeza musical do palindromismo!
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...