Amosando publicacións coa etiqueta Marx (irmáns). Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Marx (irmáns). Amosar todas as publicacións

1 de set. de 2016

Palíndromos ilustrados [11]


De volta á actividade! E agora que na RAE están a piques de lle ofrecer unhas butacas aos redefinidores da palabra «corrupción», aí vai un palíndromo retranqueiro dedicado ao discurso político. A razón, sinxela: porque o primeiro que me trouxo á cabeza este enunciado reversible foi o hilarante episodio das explicacións da señora Cospedal, secretaria xeral do PP, sobre o pagamento en diferido do finiquito do seu ex-tesoureiro Luís Bárcenas. 



O dicionario da Real Academia Galega define verborrea como ‘abundancia ou exceso de palabras, xeralmente inútiles ou baleiras de contido’. Provén do latín verbum ‘palabra, verba’ e do elemento de orixe grega -rrea 'fluxo', 'acción de manar' (como en seborrea, diarrea ou gonorrea). Unha voz ben acaída para describir a «habilidade» de María Dolores para converter en incomprensible o inexplicable. Claro que xa temos visto noutras ocasións como o discurso político é propicio para esa cháchara baleira e sen sentido.

Como agasallo final, os xenuínos mestres da arte da verborrea cómica, os irmáns Marx na escena clásica da «parte contratante da primeira parte», de Sopa de ganso (1933). Políticos de aquí e de acola, tomade boa nota!


Tradución:

A error, breve verborrea.
For error, short verbiage.

24 de mar. de 2012

Dobraxes lúdicas



Velaquí temos os xeniais irmáns Marx en Plumas de cabalo (1932), mais pasados pola peneira dos irreverentes Pichel Brothers. As súas dobraxes, con escenas de Pulp FictionJackie BrownTrainspotting ou O sarxento de ferro, levan xa varios anos a difundirse pola rede. Tamén circulan pola arañeira os vídeos de AsPelisComaNaCasa con esmendrellantes escenas dobradas de filmes como O padriño, O exorcista ou A chaqueta metálica. Humor sen complexos, enxeño e espírito lúdico.

Postos a xogar coa lingua, estas dobraxes supoñen unha boa alternativa para traballar a lingua oral en grupo a través das novas tecnoloxías. Un traballo sempre pautado: análise do vídeo coa conversa orixinal, creación dun novo guión baseado no humor e na parodia, ensaio e sincronización da dobraxe e, finalmente, gravación. Unha oportunidade ademais para desenvolver na práctica contidos como os niveis de lingua, as xergas, as variedades dialectais ou moitos outros. De feito, hai ben pouco xurdiron magníficas iniciativas como a do concurso de dobraxe organizado polo IES de Mugardos. 

E a xeito de despedida, gocemos destoutra escena d’O Imperio contraataca (dobrada por Hugo e Jose) e descubramos a «implicación» de Luke Skywalker a prol da normalización da lingua galega.

Definicions do Elucidario (21-3-2012):  Tabernícola: Home das tabernas. Bebuíno dos refrescos de cola prénsil. / Perceberancia: Actitude do que porfía na actitude de comer mariscos. / Morfeosintaxe: Rama da lingüística que estuda as frases que pronunciamos mentres durmimos. / Cantorsionista: Dise do cantante ou recitador de salmos que retorce todo o corpo para disimular o seu perfil de marabedí. / Repelento: Dise de certos individuos que se fan insoportables porque van moi amodo. 
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...