Amosando publicacións coa etiqueta Xosé Lois. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xosé Lois. Amosar todas as publicacións

26 de nov. de 2017

Paronimia e humor





Volve un clásico de Xogosdelingua: os xogos de palabras dos nosos humoristas gráficos. Hoxe toca a paronimia, esa relación entre dúas palabras con significados diferentes mais con significantes relativamente próximos (testo - textoarteira - arteria, agradar - agardar...). Como xa temos visto en máis entradas, esa semellanza formal é o factor que propicia a confusión, a ambigüidade e, ao cabo, a graza.

Arriba tedes catro pezas de catro mestres do chiste gráfico galego: Luís Davila, Xosé Lois, Santy Gutiérrez e María José Mosquera. Todas elas baseadas no recurso da paronimia. Poderías explicar como actúa este mecanismo en cada caso?

15 de xan. de 2017

Polisemia, humor e prexuízos





O xogo de palabras é unha das ferramentas básicas dos humoristas gráficos, como xa temos visto. De cando en cando propoñemos aquí unha breve reflexión lingüística para descubrir eses mecanismos verbais que xeran a comicidade. 

Un dos recursos máis habituais é a polisemia. O maxín humano, que anda a enredar a cada pouco, axuda a aproveitarmos palabras que xa posuímos para designar novos elementos: gañan así novos significados. Por exemplo, para nomear a ‘peza móbil que pode pulsarse’ das primeiras máquinas de escribir, alguén decidiu usar a mesma voz «tecla» dos instrumentos musicais. Ou cando alguén visualizou unha «araña» nun tipo de ‘lámpada con brazos’, decidiu nomeala co nome do becho.

Moitos chistes baséanse na capacidade destas palabras con diversos significados para producir interpretacións ambiguas e sorprendentes. Desa confusión e desa sorpresa xorde a hilaridade. 

Arriba tedes catro pezas gráficas de grandes debuxantes galegos: Luís Davila, Sabela Arias, Xosé Lois e María José MosqueraPodedes explicar como actúa en cada unha a polisemia como recurso humorístico? Lembrade que un bo dicionario, como o da RAG, pode axudar.

E, por certo, coñecedes o novo calendario do 2017 da Universidade de Vigo con pezas de Luís Davila? Un almanaque (aquí en PDF) editado desde a Área de Normalización Lingüística baixo o lema «Na Universidade, en galego sen prexuízos» con doce deseños de Davila que convidan á reflexión, con humor, sobre os prexuízos lingüísticos. Nas súas palabras:
A idea principal que pretendo transmitir é a autoestima e que aprendamos a valorar máis o que temos e que falemos galego con orgullo.



Un compromiso dos humoristas gráficos co noso idioma que vén de vello, como podemos ver neste especial preparado hai xa 20 anos no antigo Vieiros.

3 de nov. de 2016

Palíndromos ilustrados [13]


TU QUOQUE, FILI MI (‘tamén ti, meu fillo’), seica dixo Xulio César (100-44 a. C.) ao ver entre os traidores que o asasinaban o seu propio sobriño, Bruto, ao que amaba como un fillo.

De Pedro Sánchez falar galego, ben poderiamos pensar que esta frase reversible foi a última que pronunciou, antes de dimitir como deputado, ao se despedir, por exemplo, do seu estimado compañeiro Antonio Hernando.

Só hai sete días do último palíndromo ilustrado, mais, co cadáver político de Pedro Sánchez aínda quente, urxía dar saída a esta nova peza. Porque xa se sabe, que cando «non» deixa de ser «non», a «abstención» pasa a ser «si».


Tradución:
¡Oye! ¡No es no! ¡Lo es!
Hey! No means no! It is!

28 de xuño de 2013

O humor de Xosé Lois


En Lingua de Alcaián dei con esta peza de humor gráfico de Xosé Lois. É do ano 1995 mais, por desgraza, ten plena actualidade. Un berro de carraxe en triple versión dialectal. Xenial!

Xosé Lois, como xa vimos hai tempo, é o pai do Carrabouxo, ese popular personaxe alto e fraco que non se despega da súa boina nin da súa cabicha. A súa percepción do mundo, lúcida e mordaz, sempre é capaz de espertar en nós un sorriso. Podedes gozar do humor do Carrabouxo nas páxinas de La Región ou na súa web oficial. E aquí tedes tamén unha entrevista a Xosé Lois para sabermos máis do seu fillo, que xa fixo 30 anos.



E para rematar, unha proposta: descubride a arte ludolingüística de Xosé Lois identificando nas seguintes pezas estes recursos: polisemia, paronimia, homonimia e calembur.




8 de mar. de 2012

Xenial Carrabouxo


Neste 2012 no que andamos o Carrabouxo fai xustiño trinta anos, aínda que pareza maior. Tráenos un sorriso diariamente desde as páxinas de La Región da man do seu creador Xosé Lois. Tamén o temos en formato libro e mesmo nunha serie de animación. Un Carrabouxo cargado de retranca e de «saber ludolingüístico», como demostra a súa capacidade de revirar as nosas palabras ata lles atopar os sentidos máis hilarantes. Entre os seus recursos máis habituais: a polisemia, a homonimia, a paronimia e o calembur.

Polisemia: unha palabra que posúe diferentes significados (folla ‘da árbore’ - folla ’de papel’).
Homonimia: dúas palabras diferentes que coinciden, casualmente, no seu significante (saia ‘verbo saír’ - saia ’peza do vestiario’).
Paronimia: relación entre dúas palabras distintas con significantes moi parecidos (absolver - absorber).
Calembur: xogo de palabras que xorde ao segmentar doutro xeito as sílabas dunha ou de máis palabras de xeito que estas cambian de significación (claramente - Clara mente).

Seguro que sodes quen de descubrir que exemplos destes recursos se empregan deseguido:



Solucións aos xeróglifos (3-3-2012): Segundo de dereito / Arriba non cho ve (Arriba non chove)

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...