Amosando publicacións coa etiqueta agudeza visual. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta agudeza visual. Amosar todas as publicacións

16 de mar. de 2014

O alfabeto agochado



Unha nova e creativa forma de ver o alfabeto (outra máis). Esta vez, en forma de libro: The Hidden Alphabet (2010), da ilustradora estadounidense Laura Vaccaro Seeger.

Cada letra do «alfabeto agochado» asóciase a unha palabra e a un elemento visual que, a xeito de xogo, cómpre descubrir. Así, de sorpresa en sorpresa, imos poñendo a proba a nosa agudeza visual: a punta de frecha (arrowhead) na letra «a», os globos (balloons) na letra «b», a nube (cloud) na letra «c»...

Un delicioso álbum ilustrado para os máis pequenos (e para non tan pequenos tamén) que combina a beleza das imaxes, a orientación lúdica e oportunidade da aprendizaxe.

20 de xan. de 2014

O gato surfeiro e os logos ludolingüísticos



Con todos vós, o gato surfeiro de Becker. Disque a cousa comezou como unha lenda urbana... 

Imaxínome algún ocioso bebedor de cervexa, se cadra xa afectado polo alcohol, descubrindo nas primeiras letras da marca Becker un gato a surfear sobre unha onda. Aí estaban a cabeza, os brazos, as pernas, a táboa e mesmo a onda mariña. 

E, como non, os publicistas da marca chilena de cervexa crearon o anuncio de televisión para lle dar ás ao mito do gato surfeiro. Brillante!

E todo isto fíxome lembrar algúns logos célebres deseñados co mesmo espírito ludolingüístico. Moito enxeño que xoga coa forma e coa posición das letras para crear «imaxes ocultas».


Velaí a festa dos amigos a gozar duns nachos mexicanos! Que fame!


FedEx: un clásico. A frecha entre o «e» e o «x» achega idea de movemento e precisión.


O esforzado ciclista do Tour de France. Que duro o Alpe d'Huez!


Algo menos coñecido, o logo da LSO (London Symphony Orchestra). 
Mais... vedes o director da orquestra?

14 de xan. de 2014

Axúdasme a atopar o can?


De visita por unaracnidounacamiseta, un dos mellores recantos ludolingüísticos que coñezo, dei con esta sopa de letras. Ao comezo non lle prestara moita atención, mais acabei por reparar nalgo estraño: só contiña as letras D, G e O. Lin entón o sucinto encabezado: Pode unha sopa de letras na que hai que atopar só unha palabra de tres letras ser difícil?

E xa non o puiden resistir: mergulleime na sopa na busca dese «can» (DOG), que tamén podía ser a busca dun «deus» (GOD), a súa voz bifronte inglesa.

Ao cabo, teimudo, dei con ela. Tempo levou!

Alguén se atreve a intentalo? Mergulládevos tamén na sopa, mais non esquezades saír de cando en vez a respirar! Ollo, nos vos desanimedes por eses GOOD, DOO, BOD, OGO... que aparecerán decontino! E, de os necesitardes, lembrade os consellos que dera aló atrás.

19 de nov. de 2013

Unha letra, mil debuxos


Es quen de ver nun «A» o chapeu dun pallaso? Nun «B», o fociño dun porco? Nun «F», unha bandeira ao vento? Nun «L», as agullas do reloxo? Ou nun «W», os cairos dun vampiro? Nas imaxes anteriores podes atopar estas posibilidades e moitas máis. Un xogo sinxelo, para grandes e pequenos, cun único requisito: deixar voar a imaxinación.

Aprender o alfabeto, practicar as habilidades no debuxo e mesmo mellorar a agudeza visual son só algunhas das posibilidades didácticas desta técnica, que lembra moito aquel xogo dos pinacogramas.

E para verdes como se poden crear, paso a paso, algúns destes dexeños, aquí van dous vídeos: un con letras e outro con números. Ánimo: papel, lapis e... creatividade!

10 de out. de 2013

Podes ler esta pabrala? E estoutra P4L48R4?


É curioso como traballa o cerebro. Durante o proceso da lectura, o noso hemisferio esquerdo analiza e le as letras (que forman palabras) mentres que o dereito ve o conxunto das letras (as palabras) como unha imaxe visual. Mais ambos os dous hemisferios colaboran constantemente entre eles.

Os científicos conseguiron demostrar que os cerebros dos lectores con certo nivel de experiencia e de destreza, cando se poñen a ler, non activan tanto o hemisferio esquerdo (máis lóxico), senón que, para aforrar tempo e esforzo, se apoian máis na aparencia da palabra e no seu contexto, é dicir, no hemisferio dereito (máis visual). Así, cando lemos metaitámcas, o noso cerebro activa automaticamente o concepto abstracto matemáticas.

De aorcdo con itso, non ipomtra en que odren etsaen as lrteas dhuna plrabaa, a úncio iprotmatne é que a piremria e útmlia lrteas eteasn na pisocóin cocrrtea. Andía que o rseto sxea un ttaol baullro, a lceruta pdoe farcese sen pobrlmea.

0 M35M0 5UC3D3 C4ND0 U54M05 4LGÚN5 NÚM3R05 3N LUG4R D3 L37R45. 4P4R3N73M3N73, 4 L3C7UR4 D35735 3NUNC14DO5 4P3N45 4C71V4 45 4R345 C3R38R415 QU3 C0RR35P0ND3N 4 1N73RPR374C10N D05 D1X1705. 3S74 F0RM4 D3 3SCRI8IR CH4M4S3 4LF48370 L337.

Incrible! Non si?

Xogade a intercambiar SMS con calquera destas opcións. Cun chisco de práctica, évos ben doado.

26 de maio de 2013

«Música ligera» en ambigramas


Enigmáticos retratos, non si? Cunha rotación de 180º pasamos do rapaz sorrinte e imberbe ao vello serio e barbudo.

Dun xeito semellante funcionan os ambigramas. Esas palabras ou frases escritas de tal modo que admiten cando menos dúas lecturas diferentes despois de xiralas. Poden ser simples ou dobres:
Simples: ofrecen unha nova lectura da mesma palabra ao rotala 180º.
Dobres: de maior complexidade, xa que, mediante o mesmo deseño, ofrecen a lectura dunha palabra nunha posición e a doutra diferente despois da rotación de 180º.

En fin, exemplos do que poderiamos chamar tipografía lúdica. Por se queres descubrir que ambigramas pode incluír o teu nome ou outras voces, aquí vai a ligazón do xerador ambigram.matic, en liña e de balde.

Por certo, lembras aqueles marabillosos exemplos do deseñador venezolano John Moore? Pois hai xa uns anos o grupo arxentino Soda Stereo encargoulle a Moore un vídeo musical para a súa canción «Música ligera». E aquí deixo o abraiante resultado, un video feito enteiramente con ambigramas que representan a letra completa da canción. Por certo, «Música ligera» é considerado un dos temas máis populares e emblemáticos do rock latinoamericano. A gozar!

29 de abr. de 2013

Xogo das diferenzas (Dylan / Yankovic)




Como andas de agudeza visual? Seguro que, por miope que sexas, atoparás sen problema as diferenzas. Arriba, Bob Dylan interpretando o seu tema «Subterranean Homesick Blues» aló polo 1969. Abaixo, un imitador con debilidade polos palíndromos, o humorista e cantante estadounidense Weird Al Yankovic a parodiar no 2006 o xenial poeta de Minnesota.

Yankovic fíxose popular nos EEUU polas súas versións cómicas de cancións populares. Neste caso, se cadra inspirado polo nome capicúa de Dylan (BOB), decidiu facer unha parodia a base de palídromos, un para cada verso. Trinta e oito enunciados en inglés perfectamente reversibles e das máis variadas procedencias: Madam, I’m Adam ou Rats live on no evil star (populares, que eu saiba), Go hang a salami, I'm a lasagna hog (de Jon Agee), Was it a car or a cat I saw? (versión doutro palíndromo de Lewis Carroll)...

Un videoclip cheo de humor e de enxeño que, ademais, homenaxea un dos artistas máis influentes do século XX. Ah!, e para debotos ludolingüistas aquí deixo este curioso xerador de palíndromos que axuda a visualizar e crear estes singulares textos capicúa.

31 de dec. de 2012

A lacónica historia do mundo: mapa de palabras


Nunca a frase «Con poucas palabras, bastan» foi máis acaída. Vía microsiervos.com, coñecín este mapa, deseñado polo cartógrafo Martin Elmer e que simboliza miles de anos de historia da humanidade mediante da representación de cada país cunha soa palabra.

Para realizalo, o autor consultou primeiro na Wikipedia a sección de historia da entrada de 176 países. Posteriormente, tomou todos eses textos, pasounos por un software deses que crean nubes de palabras e quedou coa voz máis repetida en cada un. Logo só tivo que deseñar o mapa dándolle forma a eses vocábulos.

Aquí temos a versión ampliable e navegable do mapa e aquí algunhas curiosidades (en inglés) que deseguido vos ofrezo:
O 16% dos países do mapa están representados pola palabra war (guerra), entre eles case todos os da Europa occidental.
O 25% de todos os países levan unha palabra que fai referencia ao poder colonial que os dominou: british (británico), spanish (español), french (francés), portuguese (portugués)...
A nobreza que encarna o poder é a voz que representa unha vintena de países: sultan (sultán), kingdom (reino), dynasty (dinastía), empire (imperio)...
A palabra máis común dalgúns países é o nome dun Estado veciño. Convén non trabucarse: Hungría é en realidade Eslovaquia, India é Pakistán, Etiopía é Eritrea...
Moi poucos países están representados pola súa denominación precolonial ou pola que nomea a súa poboación indíxena: berber en Marrocos, maorí en Nova Zelandia, oghuz en Turcomenistán...
En fin, con esta peza podemos comprobar que ás veces as explicacións máis sinxelas poden ser tamén as máis reveladoras.

Propoño un xogo: descubride que países do mapa se identifican con estas palabras: oil (petróleo), northern (do norte), period (período), norse (nórdico), south (sur).

E se queredes, xogade a facer o mesmo copiando e pegando nun destes xeradores de nubes de palabras o texto completo da sección de historia da entrada «Galicia» da Wikipedia. Cal será o resultado?

Ah, por certo, os mellores desexos para o 2013!

21 de dec. de 2012

Do 20022002 ao 02022020


Que tempos aqueles, hai xa máis de 10 anos! Con todo, Lorenzo Milá equivocábase: a efémeride da seguinte data simétrica non se repite hoxe (21-12-2012), senón que o fixo o pasado 21 de febreiro (21-02-2012). E a próxima data capicúa non será no 2013, xa que non existe o 31 de febreiro (31-02-2013). Pola mesma razón tampouco se dará no 2014, nin no 2015... A proxima data deste tipo terémola no 2020 (02-02-2020). Iso si, agradécese a definición concisa e clara de ambigrama que nos ofrece Milá. Xa abordamos este xogo lingüístico e visual nunha entrada anterior. A verdade é que sempre asociei os ambigramas a esas hipnóticas imaxes que presentan dúas interpretacións ao rotalas 180º. Por exemplo:


E tamén me lembran os debuxos paradóxicos do xenial artista gráfico Maurits C. Escher.

En todo caso, para os amantes destes enredos aí van unhas ligazóns de interese. Nesta ligazón, nesta e nestoutra tedes fermosos exemplos de voces ambigramáticas. Nesta páxina podedes atopar ambigramas dunha gran cantidade de nomes propios. E aquí é posible ver como se crea, paso a paso, un ambigrama cun sinxelo programa de deseño gráfico.

11 de xuño de 2012

Arte e palabras para transformar o mundo


A anamorfose é un efecto empregado nas artes visuais que consiste na representación deformada pola perspectiva dun elemento que só se manifesta nas súas proporcións reais desde un punto ou ángulo específico. Na historia da arte, como vemos aquí, temos diversos exemplos deste xogo visual. E tamén temos experiencias escolares próximas como esta ou estoutra.

Hai pouco dei cunha fermosa iniciativa baseada nesta técnica da anamorfose. O colectivo artístico madrileño Boa Mistura tivo a oportunidade de convivir coa comunidade dunha favela dos arrabaldes de São Paulo. Alí, dunha forma colectiva e participativa, puxeron en marcha unha das súas intervencións de arte urbana. Despois de elixiren un puñado de palabras significativas para os «moradores» do lugar (BELEZA, FIRMEZA, AMOR, DOÇURA e ORGULHO), deseñaron, con cores ben vivas, os trucos visuais aproveitando o espazo daquelas calellas ou «vielas». O impacto, como vemos na imaxe superior, resulta evidente.

O proxecto, que recibiu o nome de «Luz nas vielas», buscaba empregar a arte e a palabra como forma de traspasar valores, como ferramenta de cambio e de inspiración. Unha iniciativa recollida nesta fermosa curtametraxe documental.


24 de maio de 2012

O poder das palabras e das imaxes

Anthony Nold é un mozo estadounidense cun gran talento para a ilustración. Nesta web podes atopar brillantes mostras do seu traballo e, de todas elas, a que máis me fascina é a que vemos deseguido. Unha semente que xermola e medra ata se converter nun orixinal xogo de agudeza visual. O propio Nold presenta o reto ao comezo da animación: «Intenta descubir todas as palabras ocultas no debuxo». Ánimo e a exercitar a agudeza visual.



Que? Como foi a pescuda? Epic, awesome, notorious, freedom, stupid, hate... e moitas outras. E para rematar, unha lúcida cita do autor sobre o poder das palabras: Words aren´t just a bunch of letters. They are quite powerfull. Be sure to choose the ones you use carefully («As palabras non son só unha morea de letras. Elas son moi poderosas. Asegúrate de escoller as que usas con coidado»).

O vídeo anterior está elaborado, como outros de Anthony Nold, mediante stop motion, unha vella técnica de animación que logra crear ilusión de movemento mediante fotografías sucesivas de obxectos estáticos lixeiramente modificados.

Moitas escenas animadas que circulan pola rede están realizadas deste xeito, tan laborioso como efectivo. Velaquí outra mostra das posibilidades desta técnica cun fermoso vídeo do obradoiro de stop motion da aula de Plástica do IES As Barxas (Moaña) e tamén un titorial sobre como foi o proceso de creación.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...