Amosando publicacións coa etiqueta ambigrama. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ambigrama. Amosar todas as publicacións

05/02/2018

Camisetas para xirar cabeza






Hoxe, para comezar, un pequeno reto: reparade no texto destas camisetas, todas con personaxes do universo Marvel. Observades algo especial? 

Pois, cun chisco de atención descubririades que cada enunciado é un ambigrama. Os nomes dos superheroes, que aparecen en vertical, ofrecen dúas lecturas: se rotas o texto cara á dereita, tes unha; se o rotas cara á esquerda, outra. Temos Spiderman / Peter Parker, Ironman / Tony Stark, Captain / America, Black / Panther, Doctor / Strange

Todas as pezas son obra do deseñador Mark Palmer. Nado en Os Ánxeles, Palmer sentiu desde moi novo fascinación polo lettering e polos ambigramas. Unha afección que convertería en profesión. Deseña ambigramas para tatuaxes, para portadas de discos, para botellas de cervexa... 

O seu último proxecto foi Red Chapter Clothing: unha empresa dedicada á comercialización de roupa con deseños baseados integramente en ambigramas. Aquí nos fala de como xurdiu a idea que crear as camisetas dos superheroes de Marvel. Creo que lle vai ben o negocio a Mark!

24/03/2017

Ambigramas contra o suicidio



A dor non é sempre obvia. Para amosar como a miúdo omitimos os signos de advertencia, creamos ambigramas e imprimimos os anuncios ao revés en revistas. A primera vista, o lector ve unha frase positiva. Mais cando o anuncio é invertido, a copia revela un sentimento realmente oposto, a revelación dos sentimentos ocultos dos que están perdidos e deprimidos.

«Estou ben» / «Sálvame»

Os sinais están aí se ti sabes lelos. Axúdanos a salvar unha vida antes de que sexa tarde de máis.
Así explican desde a ONG Samaritanos de Singapur, dedicada á prevención do suicidio, a idea que hai detrás da campaña The Hidden Pain (‘A dor oculta’).

Ao xirarmos 180 graos cada imaxe, as frases positivas transfórmanse en mensaxes de dor, desesperación e socorro:
I´m fine / Save me (‘Estou ben’ / ‘Sálvame’)
I feel fantastic / I´m falling apart (‘Síntome xenial’ / ‘Estoume a derrubar’).
Life is great / I hate myself (’A vida é xenial’ / ’Ódiome’)
Realmente expresiva e enxeñosa esta campaña, descuberta en Espejo lúdico.


31/01/2017

Os palíndromos tamén venden

Os nomes comerciais e os deseños de logotipos non adoitan crearse ao chou. A mente sempre fervente dos publicistas sérvese decote da ludolingüística para inspirar as súas creacións. Xa temos visto marcas monogramáticasambigramáticas e monovocálicas

Hoxe, unha listaxe de nomes comerciais palindrómicos, é dicir, que tanto se len do dereito como do revés. Designacións que resultan eufónicas ao oído e brillantes á vista. Outro exemplo máis do enxeño creativo na publicidade. E a orde? Pois sinxelo, dos máis breves aos máis longos. Aí van:

Para moi nostálxicos, deterxente ESE

Máis deterxentes: OMO

Arroz valenciano SOS

Pegamento alemán UHU

Buscador para as vacacións KAJAK

Asistencia sanitaria ASISA


Caramelos suízos SUGUS 

Clara de ovo pasteurizada OVONOVO

Colectivo de deseño internacional OVONOVO

OROBORO, produtora audiovisual compostelá


Marabilla palindrómica e ambigramática
(desenho de logotipo.pt):
OROBORO, bixutería artesanal

17/09/2016

Pola rúa e... zas, foto! [2]


Aquí tedes o fermoso ambigrama que serve de logotipo a unha tenda de decoración no centro da Coruña. O palíndromo «Anna» convértese en ambigrama só con xirar 180 graos o segundo «A». Como xa sucedera tempo atrás, foi ver o deseño e... zas, foto! 

A imaxe quedou gardada á espera de dar con outras semellantes. Por sorte, non tiven que agardar moito. Este mes de agosto, en Lisboa, de visita pola Fundação José Saramago, reparei neste azulexo.


Axiña me decatei de que se trataba do logo da Fundación. Outro logrado desenho ambigramático. O «S» de Saramago formado con dous «J» de José. Mesmo se diría que tamén ten forma de «F» de Fundação. Pódese conseguir máis con menos? Realmente brillante!


Por certo, de irdes por Lisboa, é unha visita que non podedes perder. Está situada na Casa dos Bicos, un antigo palacete totalmente restaurado na parte baixa do barrio de Alfama. Acolle unha ampla exposición permanente dedicada á vida e á obra do Premio Nobel portugués, titulada «A semente e os frutos», e tamén outras actividades culturais como presentacións de libros, representacións teatrais, conferencias e coloquios.

16/05/2016

10.000 días despois

1. Había moitos homes espidos na praia?

Como xa contei hai tempo, o 1 de xullo de 1988 tiven a oportunidade de comezar unha inesperada aventura ludolingüística: publicar os xeróglifos na sección de pasatempos de La Voz de Galicia.

Encabezando a entrada de hoxe, o xeróglifo 10000! Aí queda, como celebración doméstica dunha serie diaria ininterrompida que alcanzou xa este número redondo. Case 28 anos! Que vertixe!

E peza non foi seleccionada ao chou. Trátase dun xeróglifo sinxelo, mais cunha chea de calidades ludolingüísticas: pola súa solución monovocálica e palindrómica e polo seu deseño ambigramático.


E como con estas pistas resulta doado dar coa resposta, aquí vai un pequeno reto para todos vós: resolver tamén estoutros 10 xeróglifos. Animádesvos?

2. Que percorrido faredes mañá coas motos?

3. Sabes de onde son esas rapazas?

4. Non cres que Xoán lle dá moito á lingua?

5. De que faleceu a túa bisavoa?

6. Que compraches no supermercado?

7. Que tomaches antes do banquete?

8. Por que dis que tes poderes paranormais?

9. A que negocio se dedican os teus amigos?

10. Por que me mandaches para a cama?

11. Como debe acudir o neno ao novo colexio?

30/03/2016

Os 10 mellores logos ambigramáticos

Para facer un logotipo que sobresaia dos demais, os deseñadores deben espremer ben os miolos e tirar todo o proveito da súa creatividade. Unha das técnicas máis efectivas neses deseños é o ambrigama. Xa sabedes, un texto que pode ser lido na posición normal e tamén cando a imaxe xira 180 graos.

Hai tempo trouxemos por aquí o que posiblemente foi o primeiro logo ambigramático: o dos mistos Chump, que vemos á dereita, publicado en 1908.

Pescudando na arañeira, é posible dar cunha boa cantidade de ambigramas que serven de distintivo a todo tipo de marcas. De entre eles, seleccionei os dez que máis me gustaron. De non concordardes coa miña escolla, podedes facer visitar, por exemplo, a galería de Logopond e elaborar as vosas propias listaxes.

10. Oysho
 

 

8. Odigo
 

 

6. Pig
  

 

4. Dynamo 
 

3. New man
  

2. Be bop
 

05/09/2015

De Neuquén a Arra


Hoxe quería falarvos desta pequena marabilla que atopei en Juegosdeingenio. Todo un logro da ludolingüística: un logotipo ambigramático para unha localidade de nome palindrómico. Foi o deseño elixido polas autoridades da cidade arxentina de Neuquén para a súa web oficial.

E a partir de Neuquén, viñéronme á cabeza algúns artigos lidos pola arañeira sobre o tema dos topónimos con forma de palíndromo. Uns minutos de navegación despois, xa rebulían os datos sobre lugares de todas as latitudes do planeta con nomes simétricos. Aí van uns cantos.

A cidade andina de Oruro (Bolivia).


A setentrional Qaanaaq (Groenlandia).


Akasaka, distrito comercial de Tokio (Xapón).


Kinikinik, unha pequena localidade na montaña de Colorado (EUA).


O pantano de Wassamassaw, o topónimo capicúa más longo do mundo, en Carolina do Sur (EUA).


A lista de localidades de nome reversible, como podedes ver aquí, é moito máis ampla: Itatí (Arxentina), Ruppur (Bangladesh), Ellemelle (Bélxica), Nerren Nerren (Australia), Assamassa (Portugal)...

E diredes: Que pasa cos topónimos galegos? Pois aínda que me custou, acabei dando cun par de localidades de noso ideais para fervorosos palindromistas: Orro, parroquia do concello de Culleredo, e Arra, aldea do concello de Sanxenxo. Polas dúas teño pasado unha chea de veces sen reparar no tesouro que encerran os seus nomes.



Axudádesme a atopar máis topónimos palindrómicos galegos? Seguro que se poden tirar outros do infindo universo dos nosos nomes de lugar. Unha ferramenta útil para pescudardes é o buscador de topónimos da Xunta de Galicia. A por eles!
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...