Amosando publicacións coa etiqueta antroponimia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta antroponimia. Amosar todas as publicacións

19/09/2017

O palindromista Juan Filloy



Juan Filloy é, sen dúbida, unha figura literaria fascinante, como acabamos de ver. Polifacético no profesional (caricaturista, árbitro de boxeo, crítico de cine, avogado, xuíz...) e tamén no literario (poeta, novelista, ensaísta...). E sempre cunha firme vontade ludolingüística, como podemos comprobar, por exemplo, co curioso costume de titular cada obra súa empregando exactamente sete letras: Periplo (1931), ¡Estafen! (1932), Balumba (1933), Op Oloop (1934), Caterva (1937), Finesse (1939), Ignitus (1971), Yo, yo y yo (1971), La potra (1973), Tal cual (1980), Sonetos (1996)...


Froito do seu espírito lúdico xurdiu tamén unha singular forma poética: os megasonetos. Isto é, catorce series de catorce sonetos, dos que publicou 896!

Con todo, a faceta que máis me atrae son os seus palíndromos. Filloy é, con certeza, o mellor e máis prolífico creador arxentino de frases de ida e volta. Chegou a compoñer máis de 8000, algunhas xa moi difundidas:
Acaso hubo búhos acá.
Amigo, no gima.
Amo la pacífica paloma.
Ana lleva al oso la avellana.
Anita, la gorda lagartona, no traga la droga latina.
Así mal oirá Sor Rosario la misa.
Atale, demoníaco Caín, o me delata.
Echele leche.
La ruta nos aportó otro paso natural.
Nos ideó Edison.
¡Ojo! corre poco perro cojo.
Se es o no se es.
Sólo diseca la fe de falaces ídolos.

En «Tratado de palindromía», primeira parte da súa obra Karcino (1988), Filloy repasa a historia do palindromismo e desenvolve a súa teoría palindrómica. Sobre estes enunciados reversibles, á vez creados e descubertos, afirma:
«A súa falta de obrigatoriedade e a súa carencia de beneficios ennobrecen o seu baleiro de alegría incoercible. É unha poesía que se comprace no propio esforzo creador e na satisfacción do éxito logrado. Descubrir é unha das funcións máis dignas do entendemento humano». 
Se cadra, o que menos transcendeu deste mago das palabras é a súa ascendencia galega. Juan Filloy, nado en Córdoba (República Arxentina) en 1894, era fillo de Benito Filloy, un inmigrante galego procedente da parroquia de Cortegada, no concello de Silleda. Máis dunha vez tivo que aclarar Juan a pronuncia correcta do seu apelido, típico da comarca do Deza: «pronúnciase Fiyoy, non Filoy, porque é galego e non irlandés». Paga a pena ler o artigo «Tía Jesusa» onde relata como viviu a viaxe á terra natal dos seus ancestros.

En definitiva, este fillo da emigración galega, admirado por Julio Cortazar ou Jorge Luís Borges, é unha figura senlleira das letras arxentinas. Por certo, falecido no 2000, aos 106 anos de idade, mentres botaba unha sesta! Chapeau!

12/02/2017

Brincadeiras onomásticas


Nomear é unha forma de intervir sobre a realidade. Unha das intervencións lexítimas de calquera pai ou nai é poñerlle nome á súa descendencia. Claro que sempre hai obstáculos, como os que tiveron que padecer os pais de Lela ou de Pepe. Vese que ás veces o celo dalgúns funcionarios vai máis aló do que determina o Artigo 51 da Lei de Rexistro Civil no seu apartado segundo: «non poderán impoñerse nomes contrarios a dignidade da persoa».

No seu día, os caralláns de Tempos Galegos souberon tirarlle proveito á polémica. Visitade esta ligazón e escachade co riso.

Supoño que todo é cousa de equilibrio. Pois rarezas tamén hai abondas no santoral consagrado pola tradición (Exuperancio, Caralampio, Escolástica...).

Claro que a cousa aínda se complica máis cando entra xogo a combinación de nome e apelidos: desde os Luz Cuesta Mogollón ou Grato Amor Jurado, rexistrados nun períodico de tiraxe estatal; ata a lenda urbana dun tal Óscar Allos Fortes, máis de noso.

E penso eu... Que dirían os funcionarios do Rexistro ante o caso do nome de pía Felices? Así se chama un tal Pascuas García, o protagonista do relato «Pascuas de Lurres», inserido en Xente de aquí e de acola (1971), de Álvaro Cunqueiro.
Non se non sabe si a broma foi do pai, o señor Arximiro, ou do padriño, don Pedro Pardo —que asegún il viña en liña direita do Mariscal, seu homónimo, degolado na praza de Mondoñedo—. Ao neno puxéronlle de nome Felices, e como se apelidaba Pascuas García, quedou en Felices Pascuas Garcí­a.
—Onde máis me amolaron foi no servicio. Un sarxento murciano, Jesualdo Fábregas, mandouno, aló por un vinte de decembro, a visitar a todos os outros sarxentos do reximento, e tamén ao cabo cornetas, que era un tipo pequeno e picado das vexigas.
Llegas y dices tu nombre.
Pascuas de Lurres apresentábase e decí­a:
—¡Felices Pascuas!
Muchas gracias —contestábanlle.
—Mandoume de postal por todo Gerona! E chovendo!
Pascuas de Lurres andivo toda a vida amolado coa broma de Felices Pascuas. [...]

Álvaro Cunqueiro, «Pascuas de Lurres», Xente de aquí e acolá (1971)
E non me estraña: o pobre Felices condenado a cargar ata a sepultura (nunca mellor dito) coa brincadeira onomástica argallada polo seu pai ou polo seu padriño. Quen sabe se daquela a lei permitía cambiar de nome coa maioría de idade?!

A imaxinación e o humor do mestre Cunqueiro reflíctese en todo o seu esplendor neste pequeno conto pertencente a Xente de aquí e de acola. Colección de retratos da paisanaxe máis enxebre do país deliciosamente narrados e que, na miña opinión, constitúen, xunto con Escola de menciñeiros (1960) e Os outros feirantes (1979), a mellor triloxía das nosas letras. 

Só por iso, aquí queda outro título máis para a nosa «bibliografía ludolingüística básica».

20/11/2015

Coñeces a Frankensteinstein?











Coas imaxes anteriores queda claro o talento gráfico e ludolingüístico do deseñador e ilustrador sueco Kalle Mattson. E tamén, por suposto, o seu sentido do humor!

A idea de xogar a mesturar nomes de persoeiros famosos (reais ou de ficción) non é nova. O realmente orixinal e efectivo é facelo con tanta graza e co apoio desas colaxes.

Os nomes de Frankensteinstein, Pelégolas ou Putintín son xa ocorrentes en por si, mais ver como se materializan eses «binóminos fantásticos» en forma fotográfica garante, cando menos, un bo sorriso. Algo moi de agradecer!

A idea seica xurdiu, ollo!, un día en que o autor perdeu a conexión a internet. O aborrecemento resultante levouno a fedellar coas imaxes gardadas no disco duro do seu ordenador. «Un día pensei en George Michael Jackson e tiven que ver como sería de forma inmediata», explica Mattson. «Por alguna razón, ideei unha irrazonable morea de novas combinacións. Quizais porque estaba aborrecido e quedara sen Internet. Simplemente tiña que ver como quedaban».

Sobre o proceso de traballo, Mattson comenta: «Sempre comenza co nome. É necesario que haxa algo que o faga absolutamente xenial. [Tipo duro + rapaz doce] é un clásico. Ou [debuxo animado + case calquera cousa], aínda que os políticos dan moito xogo. [Debuxo animado + debuxo animado] probablemente non tería sentido. É obrigado que haxa tensión. [...] A nivel visual, trátase de seleccionar as dúas fotos correctas, atopando o mesmo ángulo da cabeza. Cando dou con dúas fotos que cadran, cólloas e colócoas xuntas. Non edito demasiado con Photoshop, agás para igualar a luminosidade ou a escuridade das imaxes».

Grazas mil, Kalle, por estas maxistrais brincadeiras. Podedes atopar a totalidade delas aquí e ademais tamén se poden comprar. Son pósters.

Proposta de actividade: aproveitando a idea da amiga Pilar Ponte coas Casas Alfabéticas, propoño facerdes descricións de persoas (prosopografías, retratos, caricaturas...) a partir das imaxes desta entrada. Escollede unha e adiante! A poñerlle imaxinación!

31/10/2015

Os pinacogramas de GEF







Xa vimos aquí ou aquí que para facer bos retratos basta con situar estratexicamente diferentes letras e en diferentes posicións. É o que denominamos pinacogramas. 

Hoxe preséntovos a Gilles Esposito-Farese, físico teórico no Institut d'Astro-physique de París e fervoroso ludolingüística no seu tempo de lecer. Na súa páxina persoal podemos ver anagramas, ambigramas ou pangramas da súa colleita. Mais o que me deixou marabillado foron pinacogramas como os anteriores, froito da súa paixón por explorar as posibilidades gráficas do alfabeto. 

Como vemos, Esposito-Farese ten predilección nos seus retratos por grandes nomes da literatura e da ludolingüística. O singular destas pezas é, sobre todo, que o autor «debuxa» unicamente coas letras do propio nome de cada persoeiro. Unhas grafías que adapta en tamaño e forma segundo as necesidades.

Unha curiosidade para rematar: reparade na animación da dereita. Nela, o físico e deseñador francés forma o seu autorretrato coas iniciais do seu propio nome (GEF). Pois a mesma correspondencia entre letras e rostros podédela descubrir noutras dúas animacións ao facerdes clic nestas ligazóns: Georges Perec e Eugene Ionesco. Unha proeza abraiante!

Ah! E se vos presta, podedes practicar a arte dos pinacogramas utilizando estes dous xeradores automáticos: robotype e superveloz. Adiante!

06/06/2015

O mestre dos anagramas

Nuno Fernandez Torneol
TEN UN SON LEDO NO REFRÁN
Pero de Ambroa
BO É PODER AMAR
Álvaro Cunqueiro Mora
QUERO IR AO VAL CUN AMOR
Rosalía de Castro
ASTRO, CELIDA ROSA
Manuel Antonio Pérez Sánchez
PENSA: NO MAR AZUL ENCHE O ZÉNIT
Se reparades nos nomes dos autores anteriores e nos enunciados que os seguen, veredes que posúen as mesmas letras, mais noutra distribución. Son só algúns dos anagramas que forman parte d’A mensaxe secreta dos nomes, de Xosé María Álvarez Blázquez. Este Pórtico da Gloria da «anagramática» galega permaneceu inédito, en forma de folios manuscritos, ata que no ano 2008 foi recollida nun volume especial do caderno Grial (con anotacións de Gonzalo Navaza). Un novo e valiosísimo título para a nosa «bibliografía ludolingüística básica».

Mediante a transposición de letras, Álvarez Blázquez, desvela o significado oculto de cada antropónimo: unha visión case adiviñatoria sobre o carácter ou o destino da persoa, sempre cun aquel irónico ou poético. É o que se coñece como onomancia.

Por sorte para todos, o gusto do escritor tudense polo xogo verbal foi transmitido, por vía de ADN, aos seus fillos Xosé María, Alfonso e Celso. A maior saga de ludolingüistas do noso país, abofé!

02/11/2014

Atropónimos que dan moito xogo


Velaquí un título máis para a nosa «bibliografía ludolingüística básica»: Enredando nos antropónimos (2012), da filóloga Xulia Marqués Valea. Este volume, editado magnificamente por Galebook, pretende achegarlle ao alumnado de Educación Primaria, de xeito lúdico, o mundo dos nosos nomes propios, apelidos, hipocorísticos e alcumes.

O libro inclúe 13 fichas con actividades para desenvolver nas aulas, ademais dun CD cunha sección dedicada aos apelidos galegos e cun compendio de material didáctico en formato dixital. 

Xeróglifos, trabalinguas, acrósticos, lipogramas e moitos outros recursos ludolingüísticos son a base de boa parte das propostas didácticas. E outras teñen como punto de partida unha coidada selección de textos literarios de autores como Xoán Babarro, Ana María Fernández, Paula Carballeira, Xelís de Toro, Lewis Carroll ou Gianni Rodari.
O poeta Sorellini, que se chama de primeiro nome Alberto e de segundo Alberto, é o xefe dunha banda de poetas que escriben letras para cancións e de músicos que escriben cancións para letras. Tamén coñecido por «o Poeta Chorón»...
Gianni Rodari, Contos á máquina 
Unha proposta ben fermosa que se ve complementada con outra ferramenta da mesma autora: Antroponimizando. Proposta dixital educativa para traballar cos nomes e apelidos

13/11/2013

Taxonomía ludolingüística

Despois de que un primeiro entomólogo (Sturtevant, 1942) bautizase un tipo de mosca co nome de Dorsilopha, anagrama da súa subespecie (Drosophila), outros colegas foron sucesivamente dando novos nomes a outras moscas emparentadas empregando o mesmo recurso ludolingüístico: Phloridosa (Sturtevant, 1942), Siphlodora (Patterson & Mainland, 1944), Lordiphosa (Basden, 1961) e Psilodorha (Okada, 1968). Outro entomólogo (Erwin, 2002) decidiu darlle o nome de Agra Schwarzeneggeri a un escaravello con grosas patas semellantes aos xigantescos bíceps de Arnold Schwarzenegger. Que caralláns!

Cada ano, toda clase de biólogos nomea 15 mil novas especies animais descubertas, das máis de 30 millóns que se cre que quedan por atopar e catalogar. A Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica ten uns códigos ben relaxados: mentres non resulten ofensivas, as novidades taxonómicas non teñen límite, todo depende da imaxinación, do humor e do enxeño ludolingüístico do científico en cuestión.

Aí van máis exemplos:
Anagramas 
Pitnus, Niptus e Tipnus, tres tipos diferentes de coleópteros.
Palinurus, Linuparus, Panilurus e Palurinus, diferentes variedades de crustáceos.
Palíndromos
Afgoiogfa, un tipo de molusco.
Orizabus subaziro, tamén un coleóptero.
Sesquipedalismo
Cancelloidokytodermogammarus, crustáceo de 28 letras.
Kimmeridgebrachypteraeschnidium, cabaliño do demo fósil de 31 letras.
Homenaxes antroponímicos
Gaga germanotta, fento dedicado a Lady Gaga.
Arthurdactylus conandoylensis, dinosauro do Brasil na honra de Arthur Conan Doyle.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...