Amosando publicacións coa etiqueta arquitectura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta arquitectura. Amosar todas as publicacións

12/03/2017

Palíndromos ilustrados [15]


Como xa comentamos en varias ocasións, na arte da creación de palíndromos, son estes enunciados reversibles os que acaban por escoller o seu propio camiño. É dicir, por moito que o palindromista esprema os miolos, o texto moitas veces non xorde tanto da súa vontade como do azar, nunha especie de ruleta na que letras e palabras xogan libres.

E así, de forma casual, naceu a oración simétrica de hoxe, cun chisco de humor irreverente. Un palíndromo que suxire «novas técnicas» para atraer fieis aos oficios relixiosos. 

A imaxe, ideal para a ocasión, atopeina en Batzolades, páxina persoal do arquitecto e deseñador gráfico mallorquín Pep Rovira Tolosa. El mesmo fixo a montaxe para ilustrar un comentario seu sobre o Cinema Mignon, un cine para adultos na cidade italiana de Ferrara (Via Porta San Pietro, 18). Esta sala de proxección atópase no interior dunha antiga igrexa. Rovira aproveita este feito para exemplificar a idea de «reprogramación urbanística»: un xeito de permitir que as cidades sigan reinventándose sen necesidade de se expandir nin de destruír espazos naturais; simplemente permitindo que edificios antigos e outros espazos urbanos en desuso poidan ser «reprogramados» para novas funcións. Unha estratexia racional e ecolóxica que supón un grande aforro en materiais, enerxía e tempo.

En todo caso, grazas mil, Rovira, por emprestarme a imaxe para este novo palíndromo ilustrado.

Tradución:
Amenice así misa, es cine.
Make the mass fun. It’s cinema.

24/12/2015

Letras no ceo urbano

 

Chegou o inverno no calendario e a cada pouco miramos o ceo preguntándonos cando chegará o inverno de verdade (a choiva, o frío, a neve...). Se cadra algo así lle ocorreu hai uns anos á deseñadora gráfica alemá Lisa Rienermann, ata que descubriu no ceo urbano todas as letras do alfabeto.

Deste xeito conta ela como deu con esta insólita tipografía (vía microsiervos).
Todo comezou polo Q. Estaba nunha pequena rúa de Barcelona e, ao ollar cara a arriba, vin as casas, o ceo e as nubes. A área escurecida deixaba albiscar unha forma no ceo que parecía un Q. Esa foi a idea da técnica. Pensei que se un Q me atopou a min, eu daría atopado o resto do alfabeto. Daquela pasei semanas ollando para o ceo, esculcando o resto das letras entre as casas.
Unha nova tipografía creativa para a nosa colección.

 
 

  

12/11/2015

Da topografía á tipografía

http://www.geogreeting.com/view.html?yHyqyCUnoUvsxqEkU

De Johann David Steingrüber (1702-1787) eguer a cabeza, quedaría pampo con GeoGreeting, ferramenta creada aló polo 2006 por Jesse Vig, un mozo de Minnesota estudante de informática. Steingrüber imaxinara e deseñara, ao xeito tradicional dos arquitectos, abraiantes e utópicos edificios coa planta en forma de letras. Máis de dous séculos despois, o estadounidense empregou Google Earth para atopar por todo o planeta edificacións que, vistas desde o ceo, son cuspidiñas a letras. E abofé que o conseguiu!

GeoGreeting é unha sinxela aplicación que nos permite escribir mensaxes curtas (máximo 40 caracteres) con fotografías aéreas de edificios. A web, baseada como dixemos en Google Earth, indícanos sobre un mapa do mundo, a localización exacta do edificio que representa cada letra. Despois de escrito o enunciado, facilita unha ligazón para gozarmos da nosa creación animada e compartila. Eu, como comprobades ao pulsar as imaxes ou aquí, xa o probei co nome do blog.

http://www.geogreeting.com/view.html?yHyqyCUnoUvsxqEkU#t

http://www.geogreeting.com/view.html?yHyqyCUnoUvsxqEkU#t

Polo que se ve, ducias de arquitectos ludolingüistas inspirados por Steingrüber deciron espallar letras (e quen sabe se tamén mensaxes) por todo o planeta.

10/10/2015

Fascinantes casas alfabéticas









Deepblue Networks, axencia de comunicación alemá, tirou bo partido da creatividade do deseñador gráfico Florian Schommer. Fíxoo a través do proxecto Das Kreative Haus, unha preciosa serie de edificacións coa forma das oito letras do nome da axencia. Deseños ben fermosos, cheos de detalles e con vida propia grazas aos gifs que inclúen.

Outro abraiante alfabeto arquitectónico que se suma aos de Antonio Basoli, Jing Zhang e Johann D. Steingrübe.

Paga a pena dedicar uns minutos a cada peza, mestura de ilustración, tipografía, arquitectura e animación. Quen dá máis?!

11/07/2015

O «Alfabeto pittorico» de Basoli



Antonio Basoli (1774-1848), pintor, gravador e escenógrafo italiano, publicou en 1839 un fantástico conxunto de litografías para o seu libro Alfabeto pittorico. Trátase de vinte e catro elaborados debuxos arquitectónicos, tanto en estilos clásicos e como orientais, que integran cadansúa letra do alfabeto. Escenas realizadas cunha imaxinación desbordante, cheas de detalles e que permiten imaxinar, a través desas vinte e catro grafías, outros tantos universos reais ou imaxinarios.

Un novo alfabeto arquitectónico que a moitos vos lembrará aqueloutro de Steingrüber no que cada letra formaba a planta dun edificio.

Deseguido deixo unha selección desas litografías e aquí unha ligazón para poderdes gozar de todas elas.







03/05/2015

Palabras cruzadas no pavimento


Ás veces, un libro marca para sempre. Calquera bo lector ou boa lectora podería citar cando menos unha desas obras. Algo así debeu ocorrerlle a David Azpurgua, profesor de Diseño de Produto na ESDIR (Escuela Superior de Diseño de La Rioja). No seu caso, ese texto foi Fragmentos dun discurso amoroso (1977) de Roland Barthes, considerado título de culto da literatura francesa do século XX.

A súa fascinación por esa obra foi tal que decidiu renderlle unha homenaxe no Festival de Arquitectura e Deseño de Logroño, coñecido tamén polo nome de Concéntrico. A súa instalación consistiu en deseñar un inmenso encrucillado sobre o patio da sede da Policía Local de Logroño empregando nel un puñado de palabras clave tomadas do vocabulario da tradución ao castelán da obra de Barthes: «lágrimas», «sincronía», «devoción»... Voces que denotan e proxectan todo un universo afectivo.


Non é a primeira vez que por aquí pasan encrucillados xigantes. Desta vez, sen dúbida, toda unha peza artística que como o propio Azpurgua di, «está atada a un lugar e feita ex profeso para el». 

25/01/2015

«Alphabet Grand Central»



Pois si, de novo a voltas coas letras dispersas polos recunchos máis inverosímiles. E desta vez da man da deseñadora de Taiwan Tien-Min Liao: si, aquela das «máxicas mans tipográficas». Hai cousa dun ano editou unha pequena alfaia titulada Alphabet Grand Central, un libriño que recompila unha serie de fotografías tomadas na centenaria Grand Central Estation de Nova York. En cada imaxe a autora descobre, campante, unha letra do abecedario inglés.

Construída no 1913 e situada no Midtown Manhattan, a Grand Central Estation é a estación de trens máis grande do mundo en número de plataformas: 44. Unha marabilla arquitectónica convertida nun de tantos símbolos da cidade dos rañaceos.

Velaquí algunhas destas letras, descubertas polos prodixiosos ollos-radar de Tien-Min Liao. Creo que mañá mesmo comezarei a deambular polas rúas á esculca destas grafías semiocultas.




06/03/2014

Letras e piscinas





Jing Zhang aprendeu a nadar e para celebralo decidiu crear un alfabeto piscineiro e recreativo. Á vista do fascinante resultado, a serie tipográfica «Resort type», é de agradecer que Jing Zhang fose unha das máis brillantes ilustradoras, tipógrafas e deseñadoras gráficas internacionais. De orixe chinesa, hoxe traballa en Londres con proxectos que se centran sobre todo na publicidade e na industria editorial.

Aquí podedes gozar do resto deste alfabeto e aquí de máis pezas de Jing Zhang, sempre orixinais, coloridas e cheas de detalles.

De novo un alfabeto arquitectónico que encherá o ollo dos amantes das piscinas, da prácida lectura en hamacas e das sonecas baixo o parasol. Xa me tardan as vacacións do verán! Vade retro, cicloxénese!

26/04/2013

O alfabeto arquitectónico de Steingrüber





Cando vin estas fabulosas edificacións, imaxinei os ditadores das máis variadas épocas e lugares a encher o seu ego erguendo suntuosos palacios coa planta das súas iniciais: o S de Stalin, o H de Hitler, o M de Mugabe...

Mais o certo é que estes deseños do arquitecto alemán Johann David Steingrüber, publicados en 1773, constitúen un dos máis curiosos xogos de lingua dos que teño noticia. Trátase do coñecido como «alfabeto arquitectónico de Steingrüber», unha serie de trinta plantas de edificios coa forma exterior das letras do alfabeto. Proxectos nunca realizados que son un simple exercicio de virtuosismo no deseño. Esta mestura de arquitectura e tipografía é un fascinante exemplo das posibilidades da imaxinación humana.

Máis alá das funcións egocéntricas das que falaba ao comezo, se cadra, tamén podemos imaxinar enxeñosos urbanistas utilizando estes planos para idear cidades-texto lexibles ao percorrer rúas e prazas. Quen non andaría a fedellar decote no google maps sobre esta utópica urbe na procura das súas mensaxes?
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...