Amosando publicacións coa etiqueta bertsolari. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta bertsolari. Amosar todas as publicacións

12/04/2014

Bertsolarismo, arte ludolingüística





Arriba tedes o documental piloto (en dúas partes) do que despois sería a longametraxe Bertsolari (2011), dirixida por Asier Altuna. Cando o vin, non puiden deixar de sentir unha mestura de emoción e de envexa sa. Catorce mil persoas, nun silencio respectuoso e admirado, contemplando unha competición de bertsolaris, orgullosos do propio. Xente de toda condición: homes e mulleres, anciáns e rapaces, aldeáns e urbanitas... a gozar desta sublime arte ludolingüística. Unha multitude que, como di John Miles Folley, o experto estadounidense en tradición oral, «sentía que debía estar alí»: o bertsolarismo como marca de identidade, como instrumento de unión do grupo. 

E así vai o documental esfollando esta irmá vasca da nosa regueifa: a súa relación con outras manifestacións de arte improvisada (poetry slam, jazz..), o exercicio de axilidade mental que supón, o caracter amigable da competición...

Unha peza fantástica na que ben podedes inverter un minutos. Paga a pena!

26/05/2012

Robots bertsolaris

Ano tras ano, día tras día, os avances na lingüística computacional déixanme abraiado. Bancos de datos terminolóxicos, procesadores de texto, correctores ortográficos, tradutores automáticos, programas de recoñecemento e de síntese de voz... e agora a guinda: os «robots bertsolaris».

Os bertsolaris son os equivalentes dos nosos regueifeiros. A esencia común da súa arte é a disputa dialéctica a base de coplas creadas coas ferramentas do enxeño, da retranca, do dominio da palabra e da capacidade de improvisación.

Velaquí a noticia, do 18-04-2012


A información que circula pola prensa conta que os robots que competiron ese día, Galtzagorri e Tartalo, son froito das investigacións de tres grupos de traballo da UPV (Universidade do País Vasco). Case nada: instalar memorias de bertsos clásicos, buscadores semánticos, programas de creación de versos e de rimas, sintetizadores de voz... e xa temos uns verdadeiros bertsolaris robóticos.

O xogo constaba de varias probas: dadas unhas palabras, improvisar un verso; cantar un verso surrealista aleatorio ao que se debía responder; compoñer versos cun número concreto de sílabas e cunha rima determinada... Finalmente, os bertsolaris humanos resultaron vencedores, mais... por canto tempo?! Quen non lembra a derrota do campión xadrecista Garri Kasparov «a mans» do computador Deep Blue?!

Desde aquí, unha animosa suxestión para os avantaxados investigadores do Seminario de Lingüística Informatica da Universidade de Vigo: Non sería fantástico seguir o exemplo dos colegas vascos e crear robots que emulen as nosas regueifas populares ou as nosas tenzóns medievais?

Solucións aos xeróglifos (21-5-2012): Desconfío de Iria (Des con fío dei ría) / Nos ollos (Nó sol los –sol ao revés–) / Ana co seu pai (Anacos e u pa i) / Antes irei a Lugo (Ante si rei alugo)
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...