Amosando publicacións coa etiqueta bioloxía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta bioloxía. Amosar todas as publicacións

02/11/2017

Aspirina, Orfidal, Sintrom, Rinofrenal...


Ás veces, pronunciar o nome dalgún remedio para a dor de cabeza xa produce dor de cabeza. Quen demo lle pon o nome aos medicamentos?

Con ducias de miles novos produtos aprobados polas autoridades cada ano, non é de estrañar que as farmacéuticas invirtan ducias de miles de euros en axencias que lles buscan o mellor nome comercial. Así xorden marcas rexistradas como Calmatel, Tiorfan, Dormidina, Sintrom ou Lucentis, que corresponden a cadanseu principio activo de nome moito máis «trabalingüístico»: piketoprofeno, racecadotrilo, doxilamina succinato, acenocumarol ou ranibizumab.

As regras básicas á hora de bautizar un medicamento son tres: que o nome sexa curto, pegadizo e fácil de pronunciar en moitas linguas diferentes.

Logo, a creatividade xoga tamén o seu papel. Só tres exemplos:
O nome Aspirina fai referencia ás plantas do xénero spiraea, da familia das rosáceas, utilizado para obter o seu principio activo.
Orfidal deriva de Orfeo, personaxe da mitoloxía grega que, cando tocaba a lira, facía acougar as almas dos seus concidadáns.
Seica Viagra xurdiu da combinación de «vigor» e «Niágara». Queda clara a idea de fluxo potente? E, ademais, disque «vyagraa» en sánscrito significa ‘tigre’. Así xa non quedan dúbidas!
E unha orixinal peza como broche de hoxe: o soneto VADEMECUM do poeta salmantino Raúl Vacas (que descubrín grazas a Estíbaliz Espinosa). Unha forma lírica e orixinal de expoñer a farmacodependencia da nosa sociedade.
VADEMECUM
Ardine, Alugelibys, Aspirina,
Ornade, Frenadol, Polaramine,
Feldene, Mucorama, Betadine,
Bio-Hubber, Oralsone, Buscapina,
Prozac, Celestoderm, Maxicilina,
Septrín, Cefalexgobens, Augmentine,
Saldeva, Ferromorgens, Oraldine,
Vaspit, Oftalmolosa, Biodramina,
Isdinium, Hibitane, Nolotil,
Fluidasa, Termalgin, Rinofrenal,
Orudis, Tanakene, Clamoxyl.
Adiro, Conductasa, Senioral,
Profer, Optalidón, Gelocatil,
Zantac, Aureomicina y Hemoal.

14/02/2015

Celso Emilio e os encrucillados crípticos

Adeprender a vida é tan difícil
ou máis que resolver un crucigrama.

           Celso Emilio Ferreiro, «A leución», Viaxe ao país dos ananos
E digo eu... Que tal se lle darían os encrucillados a Celso Emilio Ferreiro? Postos a poñer sobre a mesa as dificultades de aprender a vida e de resolver palabras cruzadas, non fago máis que imaxinar o poeta de Celanova espremendo os miolos cos encrucillados de solución máis arrevesada: os crípticos.

Os encrucillados crípticos, como xa indicamos hai tempo, teñen unha gran tradición no Reino Unido. Son ben máis complicados ca os «comúns». Cada idea desenvolta nas súas definicións é un enigma en si, isto é, cada pista contén algún tipo de xogo de palabras que cómpre resolver: anagramas, calembures, dobres definicións... Hai pouco dei con El críptico, un recuncho (en castelán) ideal para iniciarse deste tipo de pasatempos. Ánimo, non hai mellor ximnasia mental.

E, falando de exercicio mental, lembro agora unha curiosa historia. Aló polo 1986 un tal David Snowdon, neurólogo, decidiu iniciar unha investigación nunha comunidade de 678 monxas do convento de Notre Dame en Mankato, Minnesota. Elixiunas por constituiren un campo de estudo perfecto: ademáis de compartiren un mesmo espazo, bastante illado de influencias externas, tiñan estilos de vida e hábitos moi similares. Despois de quince anos de traballo, Snowdon descubriu que as irmás que mantiñan unha actividade mental constante (as afeccionadas aos encrucillados, as que escribían diarios...) vivían de promedio catro anos anos máis ca as outras. Os seus cerebros amosaban un 40 % máis de sinapses e unha membrana de mielina notablemente máis grosa, vital para a saúde cerebral.


Daquela, xa está claro, para vivirmos catro aniños máis co cerebro perfectamente san, dereitiños a un convento ou a un mosteiro cunha chea de encrucillados crípticos. Ben... Se cadra, non pasa nada por vivir algo menos.

13/11/2013

Taxonomía ludolingüística

Despois de que un primeiro entomólogo (Sturtevant, 1942) bautizase un tipo de mosca co nome de Dorsilopha, anagrama da súa subespecie (Drosophila), outros colegas foron sucesivamente dando novos nomes a outras moscas emparentadas empregando o mesmo recurso ludolingüístico: Phloridosa (Sturtevant, 1942), Siphlodora (Patterson & Mainland, 1944), Lordiphosa (Basden, 1961) e Psilodorha (Okada, 1968). Outro entomólogo (Erwin, 2002) decidiu darlle o nome de Agra Schwarzeneggeri a un escaravello con grosas patas semellantes aos xigantescos bíceps de Arnold Schwarzenegger. Que caralláns!

Cada ano, toda clase de biólogos nomea 15 mil novas especies animais descubertas, das máis de 30 millóns que se cre que quedan por atopar e catalogar. A Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica ten uns códigos ben relaxados: mentres non resulten ofensivas, as novidades taxonómicas non teñen límite, todo depende da imaxinación, do humor e do enxeño ludolingüístico do científico en cuestión.

Aí van máis exemplos:
Anagramas 
Pitnus, Niptus e Tipnus, tres tipos diferentes de coleópteros.
Palinurus, Linuparus, Panilurus e Palurinus, diferentes variedades de crustáceos.
Palíndromos
Afgoiogfa, un tipo de molusco.
Orizabus subaziro, tamén un coleóptero.
Sesquipedalismo
Cancelloidokytodermogammarus, crustáceo de 28 letras.
Kimmeridgebrachypteraeschnidium, cabaliño do demo fósil de 31 letras.
Homenaxes antroponímicos
Gaga germanotta, fento dedicado a Lady Gaga.
Arthurdactylus conandoylensis, dinosauro do Brasil na honra de Arthur Conan Doyle.

10/10/2013

Podes ler esta pabrala? E estoutra P4L48R4?


É curioso como traballa o cerebro. Durante o proceso da lectura, o noso hemisferio esquerdo analiza e le as letras (que forman palabras) mentres que o dereito ve o conxunto das letras (as palabras) como unha imaxe visual. Mais ambos os dous hemisferios colaboran constantemente entre eles.

Os científicos conseguiron demostrar que os cerebros dos lectores con certo nivel de experiencia e de destreza, cando se poñen a ler, non activan tanto o hemisferio esquerdo (máis lóxico), senón que, para aforrar tempo e esforzo, se apoian máis na aparencia da palabra e no seu contexto, é dicir, no hemisferio dereito (máis visual). Así, cando lemos metaitámcas, o noso cerebro activa automaticamente o concepto abstracto matemáticas.

De aorcdo con itso, non ipomtra en que odren etsaen as lrteas dhuna plrabaa, a úncio iprotmatne é que a piremria e útmlia lrteas eteasn na pisocóin cocrrtea. Andía que o rseto sxea un ttaol baullro, a lceruta pdoe farcese sen pobrlmea.

0 M35M0 5UC3D3 C4ND0 U54M05 4LGÚN5 NÚM3R05 3N LUG4R D3 L37R45. 4P4R3N73M3N73, 4 L3C7UR4 D35735 3NUNC14DO5 4P3N45 4C71V4 45 4R345 C3R38R415 QU3 C0RR35P0ND3N 4 1N73RPR374C10N D05 D1X1705. 3S74 F0RM4 D3 3SCRI8IR CH4M4S3 4LF48370 L337.

Incrible! Non si?

Xogade a intercambiar SMS con calquera destas opcións. Cun chisco de práctica, évos ben doado.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...