Amosando publicacións coa etiqueta charada. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta charada. Amosar todas as publicacións

29/09/2016

Ludolingüística en «quadrinhos»






Antonio Eder, ilustrador e humorista gráfico brasileiro, é autor d’O breve verbo, un dos meus blogs ludolingüísticos de cabeceira. Mágoa que nos últimos anos non estea moi activo.

Entre as xoias que se poden atopar nel están as tiras gráficas que encabezan a entrada, deseñadas polo propio Eder. Lipogramas, palíndromos, esopías e outros xogos de palabras explicados de forma visual, amena e sinxela.  Nas súas palabras:
Há um tempo atrás desenhei mais de 90 páginas de HQ sobre jogos verbais. Não saiu por editora alguma, ta lá na gaveta. Formatei o projeto e começo de um formato mais «light». [...] O BREVE VERBO em tiras tem a pretenção de ser aquilo que é: um punhado de curiosidades sobre a PALAVRA, essa unidade mágica que possibilita infinitas interpretações. 
O certo é que esas 90 páxinas de «Historias en Quadrinhos» que non daban atopado editora, por sorte, acabaron vendo a luz en papel: O breve verbo (2012). Unha pequena marabilla bibliográfica que combina dúas das miñas paixóns: os xogos verbais e o humor gráfico. Quen tivera a arte de Antonio Eder!



26/06/2014

Unha curiosa novela enigmística


O reino ideal (2007), de Miguel Anxo Mouriño, é unha desas obras que non podía faltar na nosa «bibliografía ludolingüística básica». Esta novela de aventuras para lectores mozos está protagonizada por Antía, unha nena que sofre un drástico cambio vital ao se separaren os seus pais. Á súa chegada a un novo centro de estudos agárdana numerosas sorpresas que, aos poucos, irán mergullándoa no fascinante mundo da enigmística.

Unha obra que permite a quen a le unha aproximación creativa e atraente aos xogos de palabras: charadas, anagramas, bifrontes, palíndromos, enigmas... Estes enredos acompañan coherentemente o relato e converten a súa lectura nun delicioso xogo de enxeño.

En paralelo ao libro, o autor creou o blog A páxina de Buli, a través do cal os lectores poden participar de forma activa e colaborativa na resolución dos xogos enigmísticos. E no blog tamén podemos atopar un valiosísimo Manual de Enigmística que nos permite coñecer mellor este mundo de creatividade, enxeño e amor polas palabras.

E para facer algo de sa ximnasia mental aquí van uns cantos xogos d’O reino ideal.
Anagrama (reordena as letras para formar un novo enunciado):
Un astro
Palíndromo (crea un enunciado sinónimo do seguinte que teña forma de palíndromo):
Oh, palabra, acaba!
Enigma (descubre o concepto encuberto neste poema cheo de dobres sentidos):
MITIN DOS VERDES
Se florece a esperanza, camiñamos
sen medo do futuro,
por iso os verdes son os máis seguros;
porque se a flor vermella
dos teus pasos errantes se apodera
ou o centro impreciso e dubidoso,
verás, ansioso, 
o progreso que buscas, en espera.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...