Hai un tempo falamos do checo, ese diabólico idioma capaz de crear frases enteiras, como «Strč prst skrz krk», sen empregar unha soa vogal. Un verdadeiro desafío para a gorxa e para a lingua de calquera.
O caso é que sempre me fascinou a facilidade do galego xusto para o contrario: para formar enunciados sen que ningún tipo de obstáculo entorpeza a saída dos sons pola cavidade bucal, é dicir, sen consoantes e unicamente con vogais. Os sons ceibos das sete vogais galegas adoitan entrar en combinación para formar unha chea de palabras e enunciados: «Oíao», «Aí ía eu»...
Unha idea que levaba un tempo a me rebulir na cabeciña e que acabou dando orixe ao seguinte texto, que poderiamos considerar un «microrrelato aconsonántico». Ou, se cadra, o primeiro trabalinguas que non traba lingua ningunha.
Seguro que calquera de vós pode atoparlle aínda máis rendemento ás nosas vogais. Daquela, queda oficialmente convocado o 1º Certame de Microrrelatos Aconsonánticos en Lingua Galega. Quen se anima?


