Amosando publicacións coa etiqueta diglosia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta diglosia. Amosar todas as publicacións

02/06/2017

21 Días En Galego


Pilar Ponte e a xente do IES da Pobra do Caramiñal botaron a andar aló polo 2013 unha experiencia normalizadora moi atraente: «21 DÍAS CO GALEGO». Unha iniciativa deseñada para reflexionar sobre a propia relación coa lingua e, sobre todo, para falar, falar, falar... Con todo merecemento recibiu no 2015 o premio de innovación outorgado pola Consellería de Educación. 

Este ano, no Fogar de Santa Margarida, animámonos a seguir o seu ronsel e un grupo de alumnos e alumnas de 3ESO afrontaron o reto do noso particular «21 DÍAS EN GALEGO». Nun ámbito tan fortemente castelanizado como o da Coruña, estes rapaces viviron as tres semanas procurando desenvolverse en galego e gravando diariamente a súas reflexións e os retos lúdicos que se lle ían propoñendo.

Un destes xogos foi o «Pasagalego», outra invención xenial dos da Pobra baseada no popular concurso de televisión. Eles ofrecéronnos a nós este primeiro en vídeo. 



E ao cabo dunhas semanas, desde o Fogar devolvémoslles o agasallo.



Das moitas horas de gravación acumuladas, seleccionamos menos de 30 minutos que veñen resumir unha experiencia fantástica que esperamos repetir nos vindeiros cursos. 



Se cadra, axiña veremos o reto de «21 DÍAS EN GALEGO» espallado por máis centros do país. Por que non? Paga realmente a pena!

24/03/2015

O galego contraataca



Aló polo ano 2009, Lucas Arcodavella, Pailán Vader e a princesa Olaia percorreron a xeografía galega presentándonos a peza «O galego contraataca». Nela, ese triángulo familiar intergaláctico ofrecía unha visión humorística do noso tan peculiar autoodio diglósico. «Pero no ves que si no hablas castellano no tienes futuro, carallo!»: e aí, traizoado pola súa lingua orixinal, Pailán Vader comezou a volver onda nós. Unha peza feita na casa e realmente xenial!

Cos anos, viñeron decretazos desgaleguizadores, publicáronse novos datos que confirman o progreso dese autodesprezo, anunciáronse novos capítulos a saga Star Wars e o grupo Chévere... recibiu o Premio Nacional de Teatro 2014.

Parabéns para a lexión de friquis seguidores das aventuras da familia Skywalker e, sobre todo, para a xente de Chévere por un premio estatal que recoñece tantos anos de esforzo, compromiso e coherencia. Para todos os demais, por desgraza, pouco hai que felicitar. Agardemos que o espírito rebelde de Lucas Arcodavella sirva de exemplo e poidamos con el arredarnos para sempre do lado escuro da forza.

E lembra, hai un galego en ti!
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...