Amosando publicacións coa etiqueta escrita especular. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta escrita especular. Amosar todas as publicacións

23/01/2014

O jabberwocky de Lewis Carroll



Fermosa recitación de «Jabberwocky», o poema máis coñecido de Lewis Carroll (1832-1898), que aparece ao inicio de Alicia do outro lado do espello (1872). A protagonista, Alicia, atopa este poema nun libro, mais co texto invertido. Só pode lerse ao enfrontalo a un espello.


A peza conta a historia dun mozo enviado a matar unha temible criatura coñecida como Jabberwocky. Aquí podedes atopar a peza orixinal completa acompañada da súa versión en galego. A maior parte do texto contén unha linguaxe sen sentido, cunhas palabras froito da fusión de voces reais (frumious: fuming ‘fumegante’ e furious ‘furioso’) e con outras totalmente inventadas (brillig, tulgey...). Con todo, o curioso é que, como sucedía co gíglico de Cortazar, a súa liña narrativa é doada de seguir.

Hoxe o «Jabberwocky» é utilizado no ensino primario e secundario como ferramenta didáctica na aprendizaxe da lingua inglesa: o uso das contraccións, a morfoloxía verbal e nominal...

Un poema extraordinario de Carroll, ludolingüista impenitente, que nos permite ampliar a nosa escolma de idiomas de ficción.

29/07/2013

Co alfabeto 3D, ata setembro!



Fermoso e orixinal, non si?! ABC-3D (2009) é un libro pop-up, xa sabedes, un deses libros con elementos que emerxen ao ir abrindo as súas páxinas. 

A deseñadora francesa Marion Bataille é a autora desta peza excepcional. Grazas á súa creatividade e a un sofisticado traballo de arquitectura do papel (próximo ao origami), gozamos dun marabilloso alfabeto tridimensional: un C que se converte nun D, un E que se transforma nun F, un I e unha J que comparten o punto superior, un V que se amplía a W ao verse no espello... 

Unha obra para todas as idades, para para ollar e tocar, a medio camiño entre o libro e o xogo. Nun tempo de febre polo dixital, este tesouro ludolingüístico demóstranos a maxia do libro como obxecto físico. Porque as pantallas non o resolven todo!! Ha, ha!! Ata setembro!!

08/07/2012

Da Vinci e a escrita especular


Leonardo da Vinci (1452-1519) é, posiblemente, o xenio máis polifacético do Renacemento: destacou como matemático, enxeñeiro, inventor, anatomista, pintor, escultor, arquitecto, botánico, poeta, músico...

Como vemos na imaxe inicial, un dos trazos máis peculiares dos manuscritos que reúnen os seus estudos e descubrimentos é que están redactados de dereita á esquerda, é dicir, para lelos con facilidade cómpre utilizar un espello. É o que se coñece como escrita especular.

Segundo algúns estudosos, a razón disto era, simplemente, que Leonardo era zurdo é así evitaba esborranchar o escrito pasando a man sobre a tinta fresca.

Para outros, a súa verdadeira motivación era un afán críptico. Sen chegar a ser un código secreto, a escrita especular permitíalle ocultar os seus descubrimentos facendo difícil a súa comprensión para os non iniciados.

Neste enderezo podedes atopar un xerador automático de escrita especular. E aquí outro xerador que ademais imita a caligrafía do propio Leonardo. Podedes descubrir que frase célebre de Castelao aparece deseguido en escrita especular ao xeito do xenio italiano?


Hoxe, a escrita especular ten certos usos prácticos, como cando vemos a palabra «AMBULANCIA» escrita do revés neses vehículos de emerxencias para que os condutores que os preceden poidan ler a palabra no sentido normal nos seus retrovisores e afastarse así do seu camiño.

Con todo, a faceta lúdica da escrita en espello tamén está a gañar adeptos. Un divertimento co que demostrarmos a habilidade de escribir do dereito e do revés, e moitas veces... a dúas mans! Reparade no vídeo e a practicar! Ánimo!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...