Amosando publicacións coa etiqueta escultura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta escultura. Amosar todas as publicacións

02/10/2015

«Iroha», poema-pangrama xaponés


O poema tradicional nipón Iroha (いろは歌), atribuído ao monxe budista Kobo Daishi (774-835) (空海), recolle nos seus oito versos, sen repetición ningunha, todos os sons do xaponés. Este pangrama milenario, que podedes escoitar aquí, é empregado no Xapón como silabario para a aprendizaxe da súa lingua.

Velaquí o texto coa caligrafía arcaica hiragana:
いろはにほへと
ちりぬるを
わかよたれそ
つねならむ
うゐのおくやま
けふこえて
あさきゆめみし
ゑひもせす
Transcrición (e tradución aproximada):
I-ro-ha-ni-ho-he-to (Incluso as flores que florecen)
Chi-ri-nu-ru-wo (tarde ou cedo se esvaecerán.)
Wa-ka-yo-ta-re-so (Que hai neste mundo)
Tsu-ne-na-ra-mu (que podería durar eternamente?)
U-i-no-o-ku-ya-ma (As montañas profundas da vaidade)
Ke-fu-ko-e-te (nós cruzámolas hoxe.)
A-sa-ki-yu-me-mi-shi (Eu non verei máis soños superficiais)
E-hi-mo-se-su-n' (nin me deixarei enganar por eles.)
Na imaxe inicial vemos o poema en forma de mural-puzzle cerámico decorando un monolito da Praza do Pendón en Cabana de Bergantiños. Un monumento erixido aló por marzo de 2013 en solidariedade co pobo nipón ao se facer dous anos do sismo e da posterior catástrofe nuclear de Fukushima.


Esta obra é froito da colaboración entre o alumnado de bacharelato do IES Adormideras da Coruña e a Escola de Cerámica de Sargadelos. O proceso de fabricación foi laborioso: moldear as 429 pezas do crebacabezas, pasalas polo forno a 700 graos, pintar as letras, darlles un baño de esmalte e cocelas de novo a 1430 graos.

Un mosaico único, no esteiro do río Anllóns, que tamén homenaxea, en último termo, o espírito ludolingüista dun monxe do Xapón medieval.

11/06/2014

Entre o «si» e o «non»


Abraiante gif dunha escultura do suízo Markus Raetz (1943), célebre por crear pezas que encerran paradoxos visuais. De todas elas, a que máis me gusta é esta YES / NO, que convida a reflexións filosóficas: Que distancia hai entre o «si» e o «non»? É a realidade un concepto absoluto ou vén dada polo noso punto de vista?

Convídovos a coñecer as enigmáticas ilusións ópticas deste artista conceptual. Verdadeiros ambigramas tridimensionais que, sen dúbida, provocan a perplexidade do espectador. Podedes comprobalo neste vídeo con varias pezas súas. Un agasallo para os ollos... e para a mente.


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...