Amosando publicacións coa etiqueta fotografía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta fotografía. Amosar todas as publicacións

23/09/2017

Pola rúa e... zas, foto! [3]


Hai unhas semanas, pasaba o día en Melide e o meu ollo ludolingüístico foi dar con este letreiro: O tobo do lobo, restaurante e hospedaría ao mesmo pé do Camiño de Santiago. Que redonda sonoridade monovocálica! Digna do mesmiño Novoneyra! Foi ver o rótulo e... zas, foto! 

Eran as 5 da tarde e xa xantara, moi ben por certo, en Casa Alongos. Con todo, cando volva por aló, fixen o firme propósito de comer n’O tobo do lobo. Se cadra, poderei deleitarme co «Lombo do porco ó modo ostrogodo». Lembrades? A exótica receita creada por Alfonso Álvarez Cáccamo e cociñada a lume lento por Mofa e Befa. Quen sabe?! 
Lombo do porco ó modo ostrogodo, con polbo, chocos, ollomol con noz, polo, ovos; todo con mosto.
Boto: solombo, lombo, morro, mondongo do porco, polbo, ollomol, ron roxo, noz (pós), chocos bos, polo, mosto.
—Como o logro?
—Como prólogo, coloco no fondo do forno o polbo cos ovos cochos (ollo!, ovos cochos no fogo, ovos bos, non ovos chocos!). Tronzo toros do ollomol (non todo), boto noz (os pós).
No fogo poño o mondongo do porco, co solombo, o lombo, o polo. Boto ron roxo.
Provoco fogo no ron ó modo dos bonzos. Sopro. Logo boto o polbo cos chocos.
Como non gozo do soso, boto o morro do porco no mosto. Cozo todo ó modo ostrogodo, ollo: con fogo mol, non con fogo tolo. Collo todo o do forno; bótoo no mosto.
Corto os bolos pr´o mollo. Poño toldos con globos roxos (ollo cos focos nos ollos).
Controlo os óbolos: “Cordón bló”, non. So porrón, con ñocro (roscón do bo); como son goloso, cómoo como o monstro dos roscóns. Jo, jo, jo, jo! 

13/07/2017

Engurras que fan letras




Realmente creativa esta tipografía feita a man, nunca mellor dito. O deseñador gráfico brasileiro Lucas Neumann de Antonio desenvolveu este curioso proxecto, chamado Handwritten Type, co que recrea todas as grafías do alfabeto a través das mans.


Dedos que se entrelazan, mans que se contorsionan... Co plano de detalle axeitado, en cada furadiño, en cada engurra, pode aparecer unha letra.

De novo as mans como materia prima para expresalo todo mediante palabras. Sempre inesgotable a imaxinación dos deseñadores gráficos!

06/05/2017

Tipos móbiles e efémeros


«Os tipos deberían moverse». Pois... si! Como vemos, sobre fondo negro, con roupa negra, cun xersei de cor e con algo de movemento, xa é posible recrear todas a letras. Sen máis.


Cada día convénzome de que o mundo dos alfabetos creativos é un océano infindo. En Xogosdelingua podería facer publicacións un día si e outro tamén cos abecedarios máis alucinantes e non parar.

Hoxe entroume polo ollo este alfabeto de Amandine Alessandra que chamou Letterform for the Ephemeral. Tivo tanto éxito que mesmo chegou a desenvolvelo en campañas publicitarias. 



Amandine é da Provenza, mais no ano 2003 estableceuse en Londres. Fotógrafa e deseñadora gráfica, especializouse, precisamente, en idear orixinais alfabetos fotográficos. Ten un feito a partir dunha cadeira, outro a base de libros, outro coas mans en movemento e mesmo algún feito con píxeles humanos. Abraiante! 

12/03/2017

Palíndromos ilustrados [15]


Como xa comentamos en varias ocasións, na arte da creación de palíndromos, son estes enunciados reversibles os que acaban por escoller o seu propio camiño. É dicir, por moito que o palindromista esprema os miolos, o texto moitas veces non xorde tanto da súa vontade como do azar, nunha especie de ruleta na que letras e palabras xogan libres.

E así, de forma casual, naceu a oración simétrica de hoxe, cun chisco de humor irreverente. Un palíndromo que suxire «novas técnicas» para atraer fieis aos oficios relixiosos. 

A imaxe, ideal para a ocasión, atopeina en Batzolades, páxina persoal do arquitecto e deseñador gráfico mallorquín Pep Rovira Tolosa. El mesmo fixo a montaxe para ilustrar un comentario seu sobre o Cinema Mignon, un cine para adultos na cidade italiana de Ferrara (Via Porta San Pietro, 18). Esta sala de proxección atópase no interior dunha antiga igrexa. Rovira aproveita este feito para exemplificar a idea de «reprogramación urbanística»: un xeito de permitir que as cidades sigan reinventándose sen necesidade de se expandir nin de destruír espazos naturais; simplemente permitindo que edificios antigos e outros espazos urbanos en desuso poidan ser «reprogramados» para novas funcións. Unha estratexia racional e ecolóxica que supón un grande aforro en materiais, enerxía e tempo.

En todo caso, grazas mil, Rovira, por emprestarme a imaxe para este novo palíndromo ilustrado.

Tradución:
Amenice así misa, es cine.
Make the mass fun. It’s cinema.

08/03/2017

Un novo alfabeto urbano



Unha forma ben sofisticada de escribir, abofé! Unhas cantas rectas e curvas co Renault e, listo, xa temos un enunciado a vista de satélite. Iso si, en combustible deixaremos unha pasta. Ao parecer, ultimamente os creativos de anuncios de automóbiles insisten en aproveitar a escritura para salientar as súas novidades tecnolóxicas.



Nestoutro caso o Citröen tamén escribe, a base de fotos. Unha nova alternativa para o fotógrafo cazaletras. Xa temos visto como é posible atopar, cun ollo atento, o alfabeto completo en recunchos urbanos de Nova York, de Barcelona, de Lisboa... Mais facelo comodamente sentado ao volante dun coche é algo novo. Ou, se cadra, non tanto: xusto iso foi o que fixo Eric Tabuchi polas autoestradas francesas.

Quen sabe se algunha das imaxes que presentamos deseguido, de Malou Pictures, tamén foi feita ao volante dalgún vehículo? En todo caso, velaquí un novo e engaiolante alfabeto urbano para Xogosdelingua. 


Do tal Malou só sei que é un fotógrafo francés, residente na cidade de Chambery e cunha especial predilección polas letras que emerxen nos espazos urbanos por aquí e por acolá. Aquí, en Flickr, podedes descubrir a galería completa do seu alfabeto urbano. Extraordinario!

03/01/2017

O alfabeto tráiler





Para comezar o ano, un afabeto realmente insólito, obra de Eric Tabuchi. Este fotógrafo francés goza elaborando series de imaxes que recollen variantes dun mesmo elemento. Unha especie de obsesión creativa baseada na acumulación de escenas equivalentes.

Unha mostra desta «pulsión coleccionista» son os abraiantes abecedarios que presentamos deseguido. Letras da parte traseira de grandes tráilers fotografadas en movemento. Todas tomadas na mesma posición e distancia. Imaxino o pobre Eric percorrendo miles de quilómetros de autoestrada á busca camións con logos de grandes letras ata completar o abecedario. Un esforzo colosal, co azar como aliado, que tivo como culminación os libros Alphabet Truck (2008) e Alphabet Truck. Vol. 2 (2009)




25/09/2016

Tipografía emocional



Como vimos hai tempo, non é a primeira vez que o corpo humano se emprega como lenzo para xerar unha nova tipografía. Desta volta, a ilustradora e directora parisiense Béatrix de Gevigney decidiu ir un chisco máis aló co seu proxecto Human Type.

Primeiro pintou sobre o rostro de vinte e seis persoas cadansúa letra. Despois asignoulle a cada modelo un estado ou emoción que comezase pola súa letra, por exemplo: A de ahuri (aparvado), D de dubitatif (dubitativo), F de fatigué (canso), R es de rageur (rabioso), S de suprise (sorprendido)... Deseguido os «actores e actrices» interpretaron ese concepto e, clic!, unha foto (ou varias). Así, só restou escoller imaxe máis acaída. «Cando o suxeito cobra vida, a letra prégase á expresión da súa faciana», explica Béatrix. Todo conta: cellas arqueadas, boca entreaberta, ollos regalados... 


Aquí vedes unhas mostras en detalle. Unha tipografía emocional ideal, tamén, para practicardes o campo semántico dos sentimentos en francés.






Visto en unapalabra.


24/05/2016

Pola rúa e... zas, foto! [1]

 

En exclusiva, o novo logo da Real Academia Galega, na súa reformada sede da rúa Tabernas da Coruña. Sen dúbida, un deseño cun aire máis dinámico e actual. Un vibrante globo de exclamación que quere representar vitalidade e modernidade. Xeitoso, non si?

Brincadeiras á parte, a fotografía corresponde en verdade ao letreiro dunha zapataría de Viena. Hai un par de veráns, de paseo polo centro da cidade, dei casualmente co rótulo. Foi velo e... zas, foto! Non puiden evitar lembrar a sigla da nosa Academia!

     

Así, de cando en vez, o ollo do ludolingüista atento descobre rarezas por aquí e acolá. Ocorreume algo semellante hai uns días na rúa Luís de Camões da Coruña. Ao pasar pola beirarrúa, un trazos inconexos de cores no enreixado dun local de tatuaxes ían collendo forma segundo me arredaba deles. Ao ollar a fachada desde un punto de vista lateral, aparecía a palabra «Tatoo». Un fermoso xogo de anamorfose, se cadra involuntario, pois coa reixa pechada a lectura xa non dependería da perspectiva. En todo caso, apañei o mobil e de novo... zas, foto!

 

E está claro que non son o único con esta «deformacion» da ollada ludolingüística, como vemos nesta xoia fotografada en Ourense. Pablo Grande, un dos creadores do xenial Un arácnido unha camiseta, descubriu na entrada dun bar ourensán esta ocorrente expresión da ambigüidade homonímica: «Hoxe morro». Entre publicidade gastronómica e a predición fatalista. Que marabilla! Zas, foto!

14/02/2016

«Reading the ABCs from Space»


Grazas á Churrusqueira, descubrín este incrible alfabeto. O complemento perfecto para aqueloutro de Jesse Vig formado por edificacións humanas vistas desde centos de quilómetros de altura.

Fedellando un chisco na rede souben que foi unha columna de fume en forma de «V» a que lle deu a Adam Voiland, do Observatorio da Terra da Nasa, a idea de recompilar un alfabeto con imaxes capturadas enteiramente desde o espazo.

«E coa axuda de lectores e colegas comencei a recompilar imaxes de elementos efémeros como nubes, florecementos de fitoplancton e nubes de po que creaban formas que lembraban letras», comenta Voiland.

Do vasto arquivo de imaxes do que dispón este Observatorio, tomadas por telescopios, satélites e astronautas, foron xurdindo todas as grafías do abecedario (inglés) ata lle dar forma a Reading the ABCs from Space. Polo visto as que lle resultaron máis difíciles de atopar foron o «A», o «B» e o «R».

Velaí vai unha selección das que máis me gustaron. Quen se anima a buscar a través de Google Earth e sobre a xeografía galega as 23 letras do noso alfabeto? Se cadra, con tempo, algunha vogal ou consoante pode aparecer por aquí.

Letra D. Illa Akimiski. Bahía James (Canadá)

Letra E. Florecemento de fitoplancton (Nova Zelandia)

Letra P. Delta do río Mackenzie (Canadá).

Letra Q. Cráter Lonar (India)

Letra S. Formacións nebulosas sobre o océano Atlántico.

Solucións ás pezas de humor gráfico de Sesé (10-2-16): sufixación (vendedor, nadador, aspirador...), antonimia (alegre - cabreada), calembur (chovendo - cho vendo), polisemia (chourizo embutido’ / chourizo ‘ladrón’), campo semántico (profesións: cociñeira, chofer, enfermeira, policía...), frase feita («mexan por nós e temos que dicir que chove»).

20/11/2015

Coñeces a Frankensteinstein?











Coas imaxes anteriores queda claro o talento gráfico e ludolingüístico do deseñador e ilustrador sueco Kalle Mattson. E tamén, por suposto, o seu sentido do humor!

A idea de xogar a mesturar nomes de persoeiros famosos (reais ou de ficción) non é nova. O realmente orixinal e efectivo é facelo con tanta graza e co apoio desas colaxes.

Os nomes de Frankensteinstein, Pelégolas ou Putintín son xa ocorrentes en por si, mais ver como se materializan eses «binóminos fantásticos» en forma fotográfica garante, cando menos, un bo sorriso. Algo moi de agradecer!

A idea seica xurdiu, ollo!, un día en que o autor perdeu a conexión a internet. O aborrecemento resultante levouno a fedellar coas imaxes gardadas no disco duro do seu ordenador. «Un día pensei en George Michael Jackson e tiven que ver como sería de forma inmediata», explica Mattson. «Por alguna razón, ideei unha irrazonable morea de novas combinacións. Quizais porque estaba aborrecido e quedara sen Internet. Simplemente tiña que ver como quedaban».

Sobre o proceso de traballo, Mattson comenta: «Sempre comenza co nome. É necesario que haxa algo que o faga absolutamente xenial. [Tipo duro + rapaz doce] é un clásico. Ou [debuxo animado + case calquera cousa], aínda que os políticos dan moito xogo. [Debuxo animado + debuxo animado] probablemente non tería sentido. É obrigado que haxa tensión. [...] A nivel visual, trátase de seleccionar as dúas fotos correctas, atopando o mesmo ángulo da cabeza. Cando dou con dúas fotos que cadran, cólloas e colócoas xuntas. Non edito demasiado con Photoshop, agás para igualar a luminosidade ou a escuridade das imaxes».

Grazas mil, Kalle, por estas maxistrais brincadeiras. Podedes atopar a totalidade delas aquí e ademais tamén se poden comprar. Son pósters.

Proposta de actividade: aproveitando a idea da amiga Pilar Ponte coas Casas Alfabéticas, propoño facerdes descricións de persoas (prosopografías, retratos, caricaturas...) a partir das imaxes desta entrada. Escollede unha e adiante! A poñerlle imaxinación!

09/09/2015

Os haikus de Helena Villar Janeiro


Conta Helena Villar Janeiro que, despois de ter lido sobre poética nipona, o primeiro momento inspirador dun haiku xurdiulle nunha saída ao monte na procura de cogomelos:
O desenvolvemento deste proceso [...] realizouse fundamentalmente no monte, cando saín á rebusca dos cogomelos e contemplei cos novos ollos a morte aparente da natureza outonega. Foi así como, cabo dunha cesta de cantharellus cibarius, naceu unha primeira estrofa de 17 sílabas (5/7/5) de artificiosa elaboración e resultado simple.
A esa primeira peza seguíronlle outras dominadas pola mesma necesidade de recoller, cunha enorme sensibilidade poética, o sentimento, a beleza e o misterio dun momento en apenas 17 sílabas. Coa natureza e a sensualidade como temas recorrentes.
O castiñeiro,
cantor do dó do souto,
chora castañas.
Noite e xasmín:
no xadrez dos amantes
móvese a lúa.
Da recompilación deses haikus naceu o poemario Pálpebra azul (2003), que tendo en conta a nosa predilección por esta forma poética xaponesa, pasa a engrosar a «bibliografía ludolingüística básica».

Mais a fértil relación de Helena Villar co haiku non quedou aí. A cada pouco, a escritora de Becerreá obséquianos cunha nova creación no seu blog persoal. Coidadas pezas nas que a imaxe e o texto viven á par: sería difícil dicir se son haikus ilustrados ou fotografías cun pé en forma de haiku.

Erguer os ollos
e alpeirar coa Ave Fénix
que suca o ceo.











A fealdade
non se produce ao chou:
segue unhas regras.











Son lindas follas
que aprenden xaponés
facendo haikus.

25/07/2015

Con Lois Pereiro, ata setembro


Ao dar con este graffiti nese cofre dos tesouros que é Zarampagalegando, lembrei o fermoso texto «Que é Galicia?», de Lois Pereiro. Unha emocionante descrición alfabética e tautogramática do noso país que aínda non tivera a súa entrada en Xogosdelingua. Imperdoable!

Aí vai o texto orixinal completo:
QUÉ É GALICIA?. Por Lois Pereiro.
Galicia... data Run...
A. Auga. Aire. A Amnesia do vencido, a Atracción do Abismo, a Árbore xunta á Árbore, e a alegría do espazo circundante. A alma é o Atlántico e é o cantil o corpo da súa chamada Atroz.
B. Barroco: a Beleza usual feita materia en pedra no Bordo do Bosque omnipresente.
C. Calma. Castelao, Curros, Cunqueiro, Cultura, Celebración e Culpa: unha conciencia Céltica do Cosmos.
D. Difícil definir esa Dor, Dobregar o Destino, conseguir que o Desexo nos siga sendo útil. (Diluvia)
E. Espiral no Espazo Esférico. Emigración: Estímulo do noso Exilio interior que nos leva polo leste cara a Europa, polo mar cara ao Éxito e cara á Enfermidade, e sempre cara ao Eterno Extrañamento do Espírito.
F. Fogo de Fogar. Fantasía. Fábricas, Febre e Formas do Futuro, Figuras do pasado. O Fenómeno atmosférico da Felicidade, e todas as Festas do mañá…
G. Gráficas do Granito, auga e silencio, onde transborda a alma da Gulfstream. O xemir das Gaitas, e no carácter esa amable presenza da Graxa.
H. Historia: Herbicida o esquecemento. A Humidade, o “Horror vacui” e a Humildade impídennos converter a Historia en Heroísmo. Nosa Herdade adestrada na fuxida, coa sabedoría das feridas vellas, por nosas propias mans soamente vencidos.
I. Ironía: arte de converter o Inferno nun conto de Inverno.
J. Son oriental. Rotundidade sureña.
K. Kilowatios por terra mergullada.
L. Loito: manchas na paisaxe, bólas negras sobre o tapete verde.
M. Lega Mortos o Misterio da Música, pero o Miño vaise levando ese Misterio ao Mar.
N. Norte. Noite. Néboa. Negro: materia poética Nacional.
Ñ. Nh/ gn/ ñ.
O. Oeste: “Galicia atende e obedece á chamada do Oeste” (R. Otero Pedrayo). Tantos séculos de Ofensas e de Esquecemento crean anticorpos no Organismo dun pobo, e esa continua Ofensa da historia xerará no Orgullo deste pobo apracible o destrutivo Osíxeno do Odio, a Obsesión do fracaso e da culpa.
P. Poesía. Patria. Paixón. Perigo de extinción, perdidos en nosa propia Pureza, da necesidade de ser un Pobo. A nosa indiferenza alimentará o Proceso de autoxenocidio que vivimos. Paisaxes dispersas, aliñados entre os Perfís do Pasado, coa Presenza dunha vexetal sensación de eternidade. Paixón e Poses “punk”, reflexos Postmodernos e altas horas nos diques urbáns da noite.
Q. Química da dor Quintaesencia do medo. Aí, pegado a min, quen ri?
R. Río: o Rumor da vida, a Relixión das augas. As Risas xorden sempre onde Reina a calma, na quietud profunda de quen coñece o Risco e domínao. Rural: corre sangue Rural por estas veas; e se algunha vez a Razón opón Resistencia, recoñécese o galego na terra, na lenta vitalidade da árbore, na invencible Resignación da herba.
S. O Son da Soidade e o Silencio. O Salvaxe Sarcasmo dos Soños do presente, e a Silente atracción polo Suicidio: o Sil. O Miño é o noso Sangue, o Sil a súa Sombra. Serenos e Sombríos, finalmente transcende o Sorriso astuto.
T. Terra. E o Tempo, e o Trastorno e as súas Tebras. A Tradición dunha triste Tenrura.
A Terra é o principio, e todo existe nela e para ela.
U. Utopía: compaxinar o desexo e a necesidade dos nosos soños.
V. Vacas en Vales mollados, e a férrea Vontade dos Vellos encadeados á terra, co Vicio do seu fatalismo escéptico. Verde. Verde e máis Verde sobre outros Verdes, e por detrás: Verde.
W. Whisky: noite urbana. Galicia é Wagneriana, ou é máis ben un Wolfgang Amadeus enfermo de paisaxe, soñando con Sibelius?
X. 25 de Xull
Y. e
Z. Fin
Trátase dun guión de Pereiro para un espazo emitido pola TVG o 25 de xullo de 1988, é dicir, cumpre hoxe 27 anos. Unha definición de espírito ludolingüístico que gañou gran difusión coa celebración do Día das Letras Galegas do ano 2011. Velaquí dúas pequenas mostras:

Unha montaxe audiovisual do texto elaborada polo Centro Cultural Rueiro de Vigo (2011).



Unha interpretación a ritmo de hip hop no I Poetry Slam de Vigo (2012) a cargo de Malvares de Moscoso.


Ata setembro!
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...