Amosando publicacións coa etiqueta fotografía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta fotografía. Amosar todas as publicacións

25/01/2015

«Alphabet Grand Central»



Pois si, de novo a voltas coas letras dispersas polos recunchos máis inverosímiles. E desta vez da man da deseñadora de Taiwan Tien-Min Liao: si, aquela das «máxicas mans tipográficas». Hai cousa dun ano editou unha pequena alfaia titulada Alphabet Grand Central, un libriño que recompila unha serie de fotografías tomadas na centenaria Grand Central Estation de Nova York. En cada imaxe a autora descobre, campante, unha letra do abecedario inglés.

Construída no 1913 e situada no Midtown Manhattan, a Grand Central Estation é a estación de trens máis grande do mundo en número de plataformas: 44. Unha marabilla arquitectónica convertida nun de tantos símbolos da cidade dos rañaceos.

Velaquí algunhas destas letras, descubertas polos prodixiosos ollos-radar de Tien-Min Liao. Creo que mañá mesmo comezarei a deambular polas rúas á esculca destas grafías semiocultas.




02/06/2014

Letras por aquí e acolá



Quen se entretería na busca de letras en canto recuncho hai ao noso arredor? Un «N» no marco dunha porta, un «O» na roda dun coche, un «L» no banco dun parque, o «E» nos madeiros dun valado... Pois alguén de alphaartdesigns propúxose poñer en práctica este xogo e comezou a fotografar letras, letras e máis letras.

A web comercial alphaartdesigns ofrece fotografías artísticas de letras formando palabras, e ademais enmarcadas. Escribes a túa palabra, ata un límite de oito letras, e despois só tes que decidir se che gusta o resultado ou prefires trocar algunhas das letras na súa ampla galería.

Para saberdes máis, velaquí o vídeo que promociona este sitio.


Solución aos chistes de Xoán Andrade (22-5-2014): antítese (pequenas - grandes), polisemia (dixitalrelativo ou pertencente aos dedos’ - dixitalque codifica os datos con números que se expresan co sistema binario’), paronimia (tensión - pensión), eufemismo (lavadura - residuos orgánicos).

04/12/2013

Foto-haikus


O pasado mes de maio, a compostelá Asociación Cultural Gentalha do Pichel organizou o concurso de foto-haikus «A minha língua quero na tua boca». Unha proposta lúdica e creativa de grande aceptación e que deu orixe a pezas cheas de forza visual e verbal. A imaxe que encabeza a entrada foi o foto-haiku gañador.

Lembraredes, porque xa o vimos aló atrás, que o haiku é ese poema de orixe xaponesa que só ten tres versos, de 5, 7 e 5 sílabas. Un enunciado hiperbreve que busca trasmitir emoción a partir escenas da natureza ou da vida cotiá.

De todas as definicións de poeta, unha das que máis me atrae é esta de Jorge Luís Borges (por certo, en forma de tanka, o irmán maior do haiku): 
No haber caído,
como otros de mi sangre,
en la batalla.
Ser en la vana noche
el que cuenta las sílabas.

        [Jorge Luís Borges, El oro de los tigres]
Ben se ve que entre nós hai abondos «contadores de sílabas» dispostos a dicir o máximo co mínimo. E vós? Animádevos a crear os vosos propios foto-haikus?

14/11/2012

Alfabetos antropomorfos

A voz «alfabeto» provén das letras alfa e beta, as dúas primeiras da serie alfabética do grego. O seu sinónimo «abecedario» provén das letras a, be, ce e de, as catro primeiras da serie alfabética do latín. O alfabeto galego posúe 23 letras: a (a), b (be), c (ce), d (de), e (e), f (efe), g (gue), h (hache), i (i), l (ele), m (eme), n (ene), ñ (eñe), o (o), p (pe), q (que), r (erre), s (ese), t (te), u (u), v (uve), x (xe), z (zeta).

A orixe da orde alfabética é un misterio para os expertos en paleografía. Disque os primeiros abecedarios coñecidos proveñen das escavacións de Ugarit, en Siria, e datan do 1400 a. C. A orde que amosan coincide de forma notable coa do posterior alfabeto fenicio, que serviu de base para o grego, este para o estrusco e este, á súa vez, para o latino. A orde alfabética galega herdámola, como é sabido, da latina.

Na rede, como xa vimos aquí, haivos unha chea de vídeos que presentan o alfabeto de xeito orixinal e atraente. Entre os meus preferidos están os dos «alfabetos antropomorfos», é dicir, os alfabetos representados a través do corpo humano. Velaí van tres destas pezas:

Na primeira, aparece unha única persoa, o bailarín estadounidense Toby Towson.



Na segunda, intervén un grupo de estudantes de deseño gráfico de Newcastle (Inglaterra).



Na terceira, vemos todo o proceso creativo co que o fotógrafo Benning Arjan reproduciu The Body Type, unha tipografía elaborada a partir de modelos espidas ideada en 1969 polo deseñador holandés Anthon Beeke.



Se cadra, tamén vós podedes animarvos a crear os vosos propios «alfabetos antropomorfos». Ánimo!

Solución ao titultexto (8-11-2012):  [A dona do corpo delgado], despois de [elevar as pálpebras], ollou [arredor de si]. Para ela, por mor do [crime en Compostela], as [cousas] xa non eran igual. Desde [a fiestra baldeira] d[un hotel de primeira sobre o río] pensaba saudosa: [«non vexo Vigo nin Cangas»]. Só podía contemplar [os eidos] da [Terra Chá]: [herba aquí ou acolá], [un millón de vacas] e [xente ao lonxe]. Poñíase [o sol do verán]: era [o crepúsculo. E as formigas] a pasear polas paredes. Xa se imaxinaba pasando [unha longa noite de pedra] [á lus do candil]. Por sorte, chegou un [Land Rover]; e nel, [Cándido Branco e o Cabaleiro Negro], [os dous de sempre]. Por fin xa podía comezar [a esmorga]!
A dona do corpo delgado, Álvaro Cunqueiro. / Elevar as pálpebras, Yolanda Castaño. / Arredor de si, Otero Pedrayo. / Crime en Compostela, Carlos G. Reigosa. / Cousas, Castelao. / A fiestra baldeira, Rafael Dieste. / Un hotel de primeira sobre o río, Xohana Torres. / Non vexo Vigo nin Cangas, Bernardino Graña. / Os eidos, Uxío Novoneyra. / Terra Chá, Manuel María. / Herba aquí e acolá, Álvaro Cunqueiro. / Un millón de vacas, Manuel Rivas. / Xente ao lonxe, Eduardo Blanco Amor. / O sol do verán, Carlos Casares. / O crepúsculo e as formigas, Xosé L. Méndez Ferrín. / Longa noite de pedra, Celso Emilio Ferreiro. / Á lus do candil, Anxel Fole. / Land Rover, Suso de Toro. / Cándido Branco e o Cabaleiro Negro, Darío Xohán Cabana. / Os dous de sempre, Castelao. / A esmorga, Eduardo Blanco Amor.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...