Amosando publicacións coa etiqueta gramática xeroglífica. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta gramática xeroglífica. Amosar todas as publicacións

22/09/2012

Xeróglifos [10]


E por fin, con este capítulo 10, finalizamos a nosa «Gramática xeroglífica». Xa sabemos que o xeróglifo pode conter múltiples elementos: unha letra, un número, unha palabra, un debuxo... Na entrada anterior desta serie vimos que, ás veces, é pertinente reparar no que estes elementos fan. Hoxe descubriremos que tamén cómpre prestar atención ao que din.

Noutras palabras, os elementos que compoñen o xeróglifo con frecuencia falan a través dun bocadillo ou globo coma os dos cómics. Tócanos daquela interpretar adecuadamente esas intervencións: o contido do que se di, se se afirma, se se nega, se se mente...

Aquí vos deixo catro xeróglifos para que poñades en práctica estas orientacións. Ánimo, que non son difíciles!

Para quen son eses agasallos?

Que percorrido faredes hoxe coas motos?
       
Cantos días estarás aquí?

Onde naceu ese corredor de fondo?
                    
Completado este curso ludolingüístico avanzado, quedades nomeados membros de honra do «exclusivo» club Xogosdelingua. ;-D 

Ah!, e lembrade que, se queredes seguir rompendo a cabeciña, cada día vos ofrezo un xeróglifo novo na edición en papel de La Voz de Galicia.

Solucións aos xeróglifos (20-7-2012): É covarde (E C o V arde) / Aí anda (A i anda) / Es alta de máis (E salta de máis) / Estevo a Cee (Es te voa ce e).

20/07/2012

Xeróglifos [9]

Pois si, unha entrada máis da nosa «Gramática xeroglífica». Con anterioridade vimos como na resolución dun xeróglifo poden ser pertinentes diversos factores: a posición dos elementos que contén, a súa cantidade, a súa calidade...

Hoxe veremos como, de cando en vez, os xeróglifos presentan os seus elementos en acción; é dicir, as letras, números ou figuras que aparecen neles están a facer algo. Se enunciamos correctamente esa acción, acabaremos dando coa solución do pasatempo. A categoría clave nestes casos adoita ser o verbo:
 Verbo: andar, correr, saltar, voar...
Aí vos deixo catro novos xeróglifos para romperdes a cabeciña. Esta vez, lembrade, todo é unha cuestión «de acción».

Que opinas dese soldado?

Onde está o teu curmán Paulo?
             
Por que cres que non podo durmir nesa cama?

A onde pensaba ir Estevo este domingo?
                                
Solucións aos xeróglifos (25-6-2012): O sogro só (Óso groso) / O noso partido (O nós o partido) / Granate (Gran a te) / Segundo el, é negro (Segundo ele negro).

25/06/2012

Xeróglifos [8]

Velaquí unha nova entrada da nosa «Gramática xeroglífica». No capítulo anterior vimos como a solución dos xeróglifos pode vir determinada polo factor da cantidade. Hoxe analizaremos como esta solución tamén pode depender dunha cuestión de calidade.

Moitas veces son relevantes as características ou propiedades dos elementos (letras, números, figuras...) que aparecen no xeróglifo: o seu tamaño (grande, pequeno/a...), a súa forma (estreito/a, amplo/a, groso/a...), o seu estado (ben, mal, bo/a, malo/a...) ou a súa cor (branco, negro...).

Son moi diversos os recursos lingüísticos que permiten describir estas calidades dos elementos:
Adxectivos: gran/grande, pequeno, bo/a, malo/a, branco, negro, igual, diferente...
Participios: raiado, partido...
Adverbios de modo: ben, mal...
Propoño resolverdes estes catro xeróglifos tendo en conta o anterior.

Cantos parentes de Iria enfermaron?

Quen cres que gañará as próximas eleccións?
                                       
De que cor eran as camisetas daquel equipo?

De que cor dixo Luís que era o seu novo coche?
                                  
Solucións aos xeróglifos (9-6-2012): Sobre Ana, Darío (Sobre a nada, río) / No cuarto de Iria (No cuarto de i, ría) /  Sopa (Só pa) / Novenos (Nove nós).

09/06/2012

Xeróglifos [7]


No capítulo de hoxe da nosa «Gramática xeroglífica» toca abordar outra clase de pistas que axudan a interpretar os xeróglifos. Trátase da cantidade de elementos que aparecen neles. A solución nestes casos inclúe referencias sobre se un elemento está só, se aparece un determinado número de veces, se aparecen elementos en exceso ou de sobra, se hai unha carencia ou falta algo...

Estas alusións á cantidade fanse mediante diferentes clases de palabras:
Pronomes numerais cardinais: un/unha, dous/dúas, tres, dez, doce, vinte, cen...
Pronomes numerais ordinais: primeiro/a, segundo/a, cuarto/a, décimo/a...
Pronomes numerais partitivos: metade, terzo/a, cuarto/a...
Pronomes cuantificadores: moito/a/os/as, algo, nada...
Verbos: sobrar, faltar...
Adverbios de cantidade: só, soamente, moi, menos, máis...
Velaí van outros catro xeróglifos nos que cómpre ter en conta este factor da cantidade. Quen se anima a resolvelos?

Que tomaches antes do churrasco?

Onde está a durmir o avó?

Quen falaba sobre Ana?

Acabastes nun bo posto a carreira?

Solucións aos xeróglifos (21-5-2012): Desconfío de Iria (Des con fío dei ría) / Nos ollos (Nó sol los –sol ao revés–) / Ana co seu pai (Anacos e u pa i) / Antes irei a Lugo (Ante si rei alugo)

21/05/2012

Xeróglifos [6]


Neste novo capítulo da nosa «Gramática xeroglífica» centrarémonos nas palabras que aparecen no pasatempo e en como interpretalas. O significado destas voces ofrece a chave para darmos coa solución. Toca, daquela, falarmos das relacións semánticas

Ás veces cómpre recorrermos á sinonimia (relación entre varios significantes que coinciden nun só significado).
Sinonimia
arrendar = alugar
regalo = agasallo

Noutras ocasións intervén a hiponimia (relación entre un termo concreto con outro máis amplo que inclúe o anterior) ou a hiperonimia (relación entre un termo amplo con outro máis concreto incluído no anterior).

                                            Hiponimia                                             Hiperonimia
                                     Eume, Lérez... < río                               mes > xaneiro, febreiro...   
                                     luns, martes... < día                                      nota > dó, re...      

Se en cada caso substituímos as palabras dos xeróglifos polo sinónimo, polo hipónimo ou polo hiperónimo correcto, xa temos boa parte do camiño percorrido.

Tendo en conta o visto nesta entrada e nas anteriores, propoño «romperdes a cabeciña» con outros catro xeróglifos:

Quen cres que che roubou o anel?

Onde che deu a pelota?

Con quen foi Ana ao médico?

Vas ir agora a Sarria?

Solucións aos anagramas (17-5-2012): Virus alemán – Manuel Rivas / Arlequín ou corvo – Álvaro Cunqueiro / Salto de corsaria – Rosalía de Castro / Ser eu a morte – Teresa Moure
Solucións aos xeróglifos (2-5-2012): Atrasa (A tras a) / Debe entregalos o luns (De be entre galos o L uns) / Desconfío da noiva (Des con fío dá noiva –avión ao revés–) / Iria en Ribadavia (I ría enriba da vía)

02/05/2012

Xeróglifos [5]

E velaquí un capítulo máis da nosa «Gramática xeroglífica». Á hora de descifrar os xeróglifos, outro factor que convén considerar é a posición dos elementos que os forman. Noutras palabras, é pertinente a relación espacial entre eses signos: un elemento pode estar sobre outro, ou baixo outro, ou con outros, ou entre outros... Estas posicións poden ser descritas por distintos procedementos gramaticais:

    Adverbios de lugar: arriba, abaixo, fóra... 
    Preposicións: ante, baixo, con, en, entre, sobre, tras, enriba de...

Por outra banda, eses elementos (letras, números, figuras...) poden aparecer en posición invertida, é dicir, poden aparecer boca a abaixo. Isto supón que na solución do xeróglifo se inclúe tamén ao revés a palabra con que designamos ese elemento (un - nu, río - oír...). Esta inversión de palabras recórdanos á técnica do palíndromo vista nunha entrada anterior.

Poñamos en práctica todo isto. Alguén se anima a resolver os seguintes xeróglifos?

Que tal funciona o teu reloxo?

Cando ten que entregar Xoán os informes?
          
Quen cres que desvelou eses segredo de Paulo?

Onde naceu Paula?

Solucións aos xeróglifos (19-4-2012): Vinte animalo (Vinte animal o) / Nove repetidores (Nove repetido res) / Xogando (X o gando) / Eva catorce (E vaca torce)

18/04/2012

Xeróglifos [4]

Sen dúbida, o máis prolífico autor de xeróglifos e o seu o maior divulgador foi Pedro Ocón de Oro. En 1948, con só 16 anos, gañou un concurso de encrucillados convocado polo diario Madrid e ese mesmo ano comezou a crear os seus propios pasatempos. Do seu enxeño xurdiron diferentes tipos de xogos: xeróglifos, transfusións de letras, encrucillados brancos, sopas de letras... Co tempo, acabaría por fundar unha empresa dedicada á creación de pasatempos para a prensa e para editoriais. Faleceu en 1999 e hoxe as súas fillas, Chelo e Paloma, continúan o seu labor.

Mais retomemos a nosa «gramática xeroglífica». Xa vimos nunha entrada anterior que os xeróglifos máis sinxelos son os formados por un único elemento ou por varios que simplemente se xustapoñen. Agora cómpre falarmos do valor «polisémico» destes elementos, é dicir, as letras, números, palabras ou debuxos que se presentan adoitan ter varias interpretacións posibles e só unha delas é a correcta. Poñamos uns exemplos:

  
              ene / consoante / letra          dez / un o / X / número                             can / animal

Tendo en conta isto, aquí van outros catro xeróglifos. Para resolvelos, é preciso descubrir o diferente valor dese elemento común a todos eles (o debuxo da vaca). Animo!

Por que sabes que intentei que Xurxo non se desgustase?

Que alumnos van ser expulsados?

Como perdeu Xoán a súa fortuna?

Cantos anos fai mañá Eva?

Solucións aos xeróglifos (30-3-2012): Doces e té (Doce sete) / Semella barato (Semellaba rato) / De Nigrán a Lugo (Denigran alugo) / As de ouro só (Ás de ouros o)

30/03/2012

Xeróglifos [3]

Os primeiros xeróglifos en galego dos que teño noticia foron publicados da man de Paco Martín no suplemento educativo semanal en galego Axóuxere, do xornal La Región (editado entre xullo de 1974 e xaneiro de 1975). Os primeiros pasos dun pasatempo que, nunca mellor dito, dá moito xogo.

Mais sigamos coa nosa «gramática xeroglífica». Despois de vermos os xeróglifos compostos por un único concepto, toca falar dos que posúen dous ou máis (lembremos que poden ser letras, palabras, números, debuxos...). Dentro destes, os máis sinxelos son aqueles que se resolven pola simple adición ou xustaposición dos seus elementos (A + B). É dicir, sen facermos referencia ás súas características ou a súa posición, a solución xorde simplemente ao unirmos as designacións destes elementos e poñermos tamén en xogo outras técnicas que xa mencionamos na anterior entrada (calembur, sinonimia, dobres sentidos...)

Tendo en conta todo isto, aquí van uns «deberes» para estes días que se aveciñan. Á volta da Semana Santa xa darei as solucións.

Que che ofreceron de merenda?

Como ves o prezo deste coche?
                      
Que percorrido faredes mañá co autobús?

Roubáronvos todas as vosas xoias?
                 
Solucións aos xeróglifos (19-3-2012): É minúsculo (e minúsculo) / Falta un cuarto para as dúas / Nove nomes (noveno mes) / A ti nada (atinada).

19/03/2012

Xeróglifos [2]


Os xeróglifos constituíron o sistema de escritura dos antigos exipcios entre o 3300 a. C. e o século IV d. C. Hoxe, con este nome, designamos tamén un pasatempo que consiste en interpretar os signos (letras, números, debuxos...) contidos nun recadro para lle dar resposta a unha cuestión dada. Noutras palabras, podemos definilo como unha «adiviña gráfica».

Hai quen di que, fronte ao encrucillado (baseado máis no «saber cultural»), o xeróglifo ten un carácter máis «intelectual», xa que nel participa decisivamente a imaxinación e a creatividade. Eu concordo con esta idea. O xeróglifo é, no sentido máis literal, un «xogo de enxeño». Con todo, ao longo de diversas entradas intentarei ir amosando que, como toda linguaxe, o xeróglifo posúe certa «gramática»: un conxunto de regras que rexen a súa construción e a súa interpretación. Isto pode axudarnos a gozar máis á hora de resolvelos e tamén, por que non, á hora crealos. E comezaremos polas estruturas máis sinxelas: 

Todo xeróglifo presenta cando menos un único signo; é dicir, consta como mínimo dun elemento. Este pode ser, como xa indicamos, unha letra, un número, unha palabra, un debuxo... A resolución nestes casos consiste en nomear, definir ou dar sinónimos dese elemento, para logo descubrir nesas palabras (a través de dobres sentidos, do calembur ou doutras técnicas) a resposta á pregunta correspondente. Tendo en conta isto, poderiades resolver estes catro exemplos?

Que tamaño ten o tumor que lle detectaron?

Que problema tiñan Inés e Ana na recepción do hotel?
                                  
Revelouvos algún dato o confidente?

Canto me corresponde a min da herdanza?
                                                    

Canción completa (14-3-2012): Da banda de alá do río, / pin!, zas!, fogo, Nicolás! / sempre cantar escoitei, / rascataplás e, aghora, aghora, ai!, ai!, pum! / Eran os meus compañeiros / pin!, zas!, fogo, Nicolás! / rapaces que cantan ben. / rascataplás e, aghora, aghora, ai!, ai!, pum! // Da banda de alá do río, / pin!, zas!, fogo, Nicolás! / teño un can e unha cadela, / rascataplás e, aghora, aghora, ai!, ai!, pum! / Cando me escoitan cantare, / pin!, zas!, fogo, Nicolás! / unha laia e outro berra, / rascataplás e, aghora, aghora, ai!, ai!, pum!

04/03/2012

Xeróglifos [1]


O 1 de xullo de 1988 aparecía en La Voz de Galicia este meu primeiro xeróglifo. 

Uns meses antes, no xornal coruñés, comezara a publicar o seu encrucillado diario Darío Xohán Cabana. A casualidade quixo que, grazas a unhas mostras de pasatempos que eu enviara xusto nese tempo, Siro López, o ilustrador e humorista gráfico, me propuxese crear unha sección diaria de xeróglifos en galego.

Xeróglifos? Un diario? A verdade é que os xeróglifos nunca me entusiasmaran como pasatempo e pensei que facer só 30 para o primeiro mes ía ser misión imposible. Mais aquel rústico planeta Terra feito a man que encerraba a voz «NOTA» (Resposta: Enterrado / En Terra dó) acabou por se converter no primeiro dunha serie ininterrompida que axiña chegará aos nove mil.

Dos debuxos a man, letras adhesivas e textos escritos coa vella Olympia portátil, pasamos agora ao ordenador e ao quarkxpress. Con todo, a maxia destas «mensaxes cifradas» segue a ser a mesma. Unha maxia que intentarei trasladar en vindeiras entradas.

Aquí deixo, a xeito de xogo, dous xeróglifos máis daquel arredado mes de xullo do ano 88 do século pasado. Sodes quen de resolvelos?

Que estuda teu irmán?
     
Por que llo teño que agochar arriba?
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...