Amosando publicacións coa etiqueta hebreo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta hebreo. Amosar todas as publicacións

10 de xuño de 2015

Escribir coma os bois



Seguramente non entendiches nin papa do texto anterior, ou case. Proba agora a ler cada liña nun sentido, é dicir, a primeira da esquerda á dereita, a segunda da dereita á esquerda, e así sucesivamente. 


Agora mellor!

Este sistema de escritura, como acabas de ler, tivo a súa difusión hai miles de anos. De feito, algúns considérano unha etapa previa á fixación dun sentido de escritura definitivo: da dereita á esquerda (fenicio ou hebreo) ou da esquerda á dereita (grego ou latín). 

O seu nome, bustrófedon, procede do latín boustrophēdon, e este do grego βουστροφηδόν (de βοῦς, ‘boi’; στρέφειν, ‘dar a volta’, ‘virar’; e -δόν, ‘ao xeito de’). É dicir, unha escritura en zigzag ao xeito en que os arados van formando, un tras outro, novos regos na terra.

Anímaste a crear os teus propios textos en bustrófedon? Na rede podes atopar un xerador automático.

10 de nov. de 2014

Camaleóns lingüísticos



Abraiante! Deixa a un pampo esa facilidade para aprender idiomas e para falalos saltando dun a outro coma quen pestanexa: todo un camaleón lingüístico. Mais abraia e admira tamén esa fantástica actitude aberta e desprexuízada cara a outras linguas. Todo un exemplo este Matthew Youlden, profesor en babbel.com, que fala nove idiomas fluidamente, comprende case unha ducia máis e entre os seus vindeiros obxectivos está... o galego!  Parabéns!

Preguntado sobre o seu segredo, Matthew deu estes 10 consellos:
1. Ten claro por que o estás a facer.
De non teres unha boa razón para aprender outro idioma, é moi probable que, a medio prazo, desapareza a motivación. O realmente importante é comprometerse ao máximo.
2. Mergúllate.
Non importa as ferramentas que uses para aprender a lingua, a chave está en practicares todos os días.
3. Atopa un compañeiro.
Un irmán, un amigo... alguén que te acompañe e te empurre a estar motivado e a seguir un pouco máis.
4. Manteno relevante.
Máis alá de libros e manuais, falares coa xente fará que o proceso de aprendizaxe siga a ser relevante para ti.
5. Divírtete.
Usa o teu novo idioma de calquera forma que sexa creativa: grava cancións, fai un programa de radio, debuxa un cómic, escribe un poema...
6. Actúa como un neno.
Aprendemos a base de nos equivocar. Cando somos nenos, espérase que cometamos erros mais, cando somos adultos, os erros convértense nunha especie de tabú. Admite que non o sabes todo, acepta sen medo o erro. Libérate das túas barreiras de adulto.
7. Abandona a túa zona de confort.
Non ter medo a equivocarse significa estar preparado para poñerse en situacións potencialmente difíciles ou embarazosas. Isto pode dar un chisco de medo, mais é necesario para mellorar.
8. Escoita.
Tes que aprender a escoitar antes de aprender a falar. Calquera idioma soa raro a primeira vez, porén, canto máis o escoitas, máis familiar se volve e máis doado será falalo.
9. Mira a outros falando.
Idiomas distintos demandan cousas distintas da túa lingua, labios e garganta. A pronunciación é tanto física como mental. Observa e imita falantes nativos en vivo, en películas estranxeiras, en televisión en versión orixinal...
10. Fala contigo.
Se non tes a ninguén con quen falar no idioma que estás a aprender, non hai nada malo en falar contigo mesmo. Isto pode axudarche a aprender novas expresións e a estar máis confiado cando teñas que usalas con outra persoa.
Compromiso, inmersión, espírito lúdico, desinhibición, desdramatización do erro... pautas simples para aprendermos novos idiomas. Pregúntome se Matthew coñecerá estoutra camaleoa de noso: a pequena Xulia, que cando gravou este vídeo tiña só sete anos e falaba xa seis idiomas (e mais outro inventado). Unha xoia!



7 de set. de 2014

«Supercalifraxilisticoespialidoso»



Con todos vós, «Supercalifraxilisticoespialidoso», na súa versión orixinal inglesa. Quen non coñece esta campanuda palabra de 32 letras e a canción á que lle dá título? Mary Poppins, a aia máxica, fíxoa universal aló por 1965. Os compositores da canción, os irmáns Richard e Robert Sherman, seica se inspiraron nun xogo infantil que compartían e que consistía en inventar palabras.

No filme, a protagonista, despois de gañar unha carreira de cabalos, é acosada por unha manda de reporteiros. Un deles pregúntalle se ten palabras que definan o que está a sentir e Mary Poppins comeza a cantar a famosa palabra. Na ficción, o seu significado ben sendo algo así como ‘o que un sente cando queda sen palabras’.

O máis curioso é que o Oxford English Dictionary deu entrada a supercalifragilisticexpialidocious en 1986 co significado de ‘extraordinariamente bo, marabilloso’. A súa raíz etimolóxica sería máis ou menos esta: super- ‘enriba’ + -cali- ‘beleza’, -fragilistic- ‘delicado’, -expiali- ‘para expiar’ + -docious- ‘educable’.

E que pasou cando houbo que facer versións deste filme musical en diferentes linguas? Pois que os tradutores comezaron a botar fume polas orellas! Deseguido tedes unha breve mostra co comezo da canción en inglés, portugués e castelán.
It's supercalifragilisticexpialidocious
Even though the sound of it is something quite atrocious
If you say it loud enough, you'll always sound precocious
Supercalifragilisticexpialidocious
Supercalifragilistiexpialidoce
Sei que o som dessa palavra não é nada doce,
A criança que falar vai parecer precoce
Supercalifragilistiexpialidoce
Supercalifragilisticoespialidoso,
aunque suene extravagante, ¡raro y espantoso!
Si lo dice con soltura sonará harmonioso,
supercalifragilisticoespialidoso!
 
E a guinda final, un vídeo impagable co mesmo fragmento dobrado en diferentes idiomas. Boísimo!

12 de xul. de 2014

De Cicerón a Paco Martín


De non haber probas fotográficas, calquera diría que a anécdota que ocupa a entrada de hoxe puido ser froito do maxín do seu protagonista, Paco Martín. Mais o caso é que a imaxe aí está, para dar fiel testemuño do ocorrido hai agora tres anos.

Nun solleiro día de xullo do 2011, o escritor lucense Paco Martín foi homenaxeado na súa cidade pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. O acto central desta homenaxe era o descubrimento dun monolito conmemorativo. Nel debía aparecer un fragmento dun clásico de Martín, Das cousas de Ramón Lamote, mais no seu lugar estaba gravado o «Lorem ipsum», texto orixinalmente escrito por Ciceron e que se emprega como recheo en probas tipográficas e de edición.

Así se describe o acontecido na propia web da AELG:
Javier Hita e David Soengas, traballadores da pedra ou, dito doutro xeito, escultores e artesáns, recibiron a encarga de preparar un monolito en homenaxe ao escritor Paco Martín. Botando a vista ao procedemento que seguiron, os artistas explican que nun principio lles resultou estraño que un escritor galego contemporáneo acudise ao latín para escribir. [...] David di: «Home, eu cando o vin dixen ‘mira ti para os escritores galegos’, porque non cría que Das cousas de Ramón Lamote estivese escrito en galego...». E a Javier soáballe de algo o de «Lorem ipsum» pero non traballou máis esa sensación pasaxeira. Incluso durante o proceso de gravado chanceaban entre eles dicindo «mira que ben o fago eu, sabemos latín e todo».
Chegou o día da homenaxe en vida ao escritor. A pedra foi colocada no seu sitio e cuberta cunha lona e a bandeira galega. No momento de retirar a lona que cubría a peza de solemnidade todo o mundo quedou moi sorprendido. [...] Non houbo asubíos, nin reproches, nin malos xestos, nin malos modos porque todos acudiron ao sentido do humor para xustificar a equivocación. O primeiro foi Paco Martín e logo o resto dos seus compañeiros que non pararon un minuto de facer chanzas coa gran equivocación e o escritor homenaxeado foi quen deu as grazas ao público congregado. 

O propio presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, explicou ao Xornal de Galicia que «foi unha simple anécdota» e recordou que no momento da inauguración ao ver o monolito explicou: «Isto foi cousa de Ramón Lamote, que en compañía e coa complicidade do canteiro decidiu facer esa trasnada, algo propio de Lamote». Para o escritor «foi un detalle simpático e co que nos rimos todos».
Unha feliz conxunción a de Cicerón e Paco Martín a través dese estraño texto que é usado desde o século XV como modelo para simular espazos escritos na edición tradicional en papel, e hoxe tamén na edición dixital. O curioso é que o texto latino hoxe difundido non é o orixinal xa que foi sufrindo unha chea de supresións, trocos e alteracións. Tanto, que nin sequera ten sentido. Nin falta que lle fai!

Iso si, como podemos ver aquí ou aquí, a do monolito non foi a única vez que alguén esqueceu eliminar este texto provisional.

Ah!, e para encherdes de texto ficticio os vosos escritos, aquí deixo a ligazón dun xerador de «Lorem ipsum» en varias linguas (latín, grego, árabe, hebreo, hindi, quenya...) e mesmo en código morse.

20 de xul. de 2013

Lingua do P: «twelve points», «douze points»



A «lingua do P» é ese xogo que consiste en falar engadíndolle ás palabras, antes ou despois de cada sílaba, outra que comece coa letra «p», ben cunha única vogal (música = múpesipecape), ben repetindo a mesma vogal da sílaba orixinal (música = múpusipicapa).
Lempebropo xopogarpa apa ispitopo depe pepequepenopo. Epe vóspo? Apaínpidapa quepe nonpo seipe sepe epesepe eperapa opo nopomepe quepe llepe dapabapamospo.
Como acabamos de ver, este enredo ten o seu aquel criptográfico. Usada de forma fluída e rápida, esta forma lúdica da fala pode resultar case incomprensible para non iniciados.

O mellor é que para falar a «lingua do P», isto é, para identificar e separar sen grandes dificultades cada sílaba, ninguén necesita saber a súa definición. De feito, penso que é máis difícil definir sílaba que distinguila. Digamos que para o falante a sílaba é un concepto máis intuitivo ca científico.

E volvendo ao xogo: sabiades que é internacional? Co mesmo funcionamento básico, podémolo atopar en castelán (jerigonza), en italiano (alfabeto farfallino), en xaponés (babigo), en húngaro (madárnelv), en hebreo (bet-language)...

Por certo, falando do hebreo, unha curiosidade: Coñecedes a canción israelí «Abanibi»? Os dinosauros coma min e os fans eurovisivos lembrarán este tema pegadizo que gañou o Festival de Eurovisión de 1978 e logo arrasou por toda Europa. Pois no seu miolo está a versión hebrea do xogo. Así, o seu refrán Abanibi obohebev obotabach é en realidade Ani ohev otach (Ámote). Aí queda iso!
 


Ah! E non perdades esta noticia sobre a recente entrada da voz abanibí no dicionario da Real Academia Española. Unha xoia do mellor humor ludolingüístico do esmendrellante elmundotoday.com. Ha! Ha!

Solución adiviñas (17-7-2013): A pereira tiña unha soa pera (xógase co número do substantivo: non comeu «peras», nin baixou «peras», nin deixou «peras»). / A letra «m» (está en «minuto», «semana» e «mes» mais non en «ano»). / Dúas zocas e dúas medias (xógase coa hominima de «media» ‘Peza de roupa’ e «media» ‘Que constitúe a metade de algo’).

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...