Amosando publicacións coa etiqueta humor gráfico. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta humor gráfico. Amosar todas as publicacións

11 de maio de 2015

O humor de Xaquín Marín






Aló polo 1975, Xaquín Marín Formoso publicou, xunto co desaparecido Reimundo Patiño, 2 viaxes, considerada a obra inaugural do cómic galego. Logo virían moitas outras: Ratas (1977), o inesquecible Gaspariño (1978), Dos pés á testa (1986)... Como humorista gráfico colaborou en diversas revistas especializadas: La Codorniz, Can sen dono, Sapoconcho ou Retranca. Tamén foi fundador e, durante moitos anos, director do magnífico Museo do Humor de Fene.

Desde 1988 ata a actualidade, tamén publica as súas pezas en La Voz de Galicia. É unha honra compartir a diario a páxina de pasatempos do xornal con esta figura emblemática do humor gráfico galego.

As súas viñetas retratan a nosa sociedade con grandes doses de retranca e de compromiso, decote achegándose case á reflexión filosófica. E, de cando en vez, Xaquín Marín deixa florecer nos seus textos o enredo coas palabras. Os de arriba son algúns exemplos dese humor ludolingüístico. Podes identificar en cal deles se empregan os recursos da polisemia, da homonimia, da antonimia e das frases feitas?

29 de abr. de 2015

Pon un palíndromo na túa vida





A cada pouco é bo unha pequena dose de palíndromos: eses engaiolantes enunciados reversibles que estimulan como ningún outro a nosa imaxinación e o noso espírito lúdico. E desta volta, o meu último achado na arañeira: os palíndromos ilustrados de salvaxemente.blogspot.com. Pezas que se achegan ao humor gráfico e que posúen, na liña do propio blog, un aquel alternativo e satírico tan de agradecer.

En comparación con outros idiomas, o galego ten proporcionalmente menos voces palindrómicas. Nisto inflúe, sen dúbida, o querenza da nosa lingua polos ditongos; e o predominio dos decrecentes («oi», «au»...) sobre os crecentes («io», «ua»...). Con todo, sen parar moito a pensar, á cabeza veñen axiña unhas cantas palabras capicúas: oso, ollo, anana, reter, aérea, sopapos...
O Portal das Palabras, esa xoia da ludolingüística galega en liña, ofrécenos unha entrada que non debemos perder sobre algúns dos máis curiosos palíndromos recollidos no Dicionario da Real Academia Galega: esexese, anilina, radar, anona, rañar. seses, reler.

Anímate e pon un palíndromo na túa vida. Non é tan difícil. E, de precisares algo de axuda, lembra que dispós de utilísimos xeradores coma este.

13 de abr. de 2015

O poder da coma


Non hai moito, camiño de volta á casa, tiven esta conversa vía WhatsApp:
—Urxe comprar algo?
—Non comprei pan.
Parei a mercar e, como podedes imaxinar, ao entrar pola porta da casa, descubrín que acababa de gastar nunha barra de máis o que se aforrara comas («Non, comprei pan»).

Unha anécdota sobre o valor da ortografía que deu para unhas risas e que me volveu á cabeza ao descubrir, en tranfegandoronseis, este vídeo sobre a difícil vida da coma, e doutros signos ortográficos, nun mundo rexido pola angustiosa rapidez dos soportes virtuais. Un mundo de crise e de precariedade laboral, sen dúbida. ;-)


E para compensar tanto «desleixo ortográfico», aquí deixo a ligazón dunhas completísimas actividades interactivas elaboradas por José M. Boo Pouso do CEIP de Frións (en Ribeira).

13 de xan. de 2015

De Sótades a Charlie Hebdo

A traxedia do Charlie Hebdo deixoume fondamente conmovido. Quen coñeza Xogosdelingua sabe da miña predilección pola arte do humor gráfico. Con todo, non tiña pensado facer anotación ningunha sobre o tema. Hai pouco dei na rede con varios deses textos que proclaman «Eu non son Charlie» e mudei de idea. E fíxeno, en parte, ao lembrar a triste historia do primeiro palindromista, Sótades de Maronea, un poeta da Grecia clásica, da época do rei Ptolomeo II Filadelfo, contra o século III a. C.


Cóntase que Sótades tivo a ocorrencia de compoñer uns versos palindrómicos nos que satirizaba sobre as relacións incestuosas do rei coa sua irmá, Arsínoe II. «Metes o teu aguillón nun burato impío», seica dicía un dos seus versos.

O sensible Ptolomeo non soubo encaixar ben estas chanzas e mandou que apresasen o poeta. Aínda que inicialmente conseguiu escapar e refuxiarse nunha illa do Exeo, Sótades foi de novo capturado e o rei, aínda ofendido, ordenou executalo de forma cruel: metérono nunha caixa de chumbo que logo guindaron ao mar. Este foi o tráxico destino do primeiro palindromista coñecido, vítima da falta de sentido do humor.

Con certeza hai quen pode considerar moi duras e mesmo ofensivas as bromas dos debuxantes franceses sobre as crenzas de millóns de persoas. Tamén é posible que alguén interprete certo ton racista nalgunhas bromas do semanario. Porén, nun mundo civilizado, a única alternativa válida ante esta «provocación» é ignorala ou responder no mesmo plano: debuxando, escribindo... Mais neste caso, o salto cualitativo é tan obvio como inhumano: ao debuxo ofensivo respondeuse con disparos asasinos.

Só por iso: «Eu tamén son Sótades», «Eu tamén son Charlie».

6 de nov. de 2014

Webcedário, pura lambetada!






Descubrín Webcedário e aló foi, dereitiño á listaxe de «Lambetadas». Un recuncho máis para visitar por gusto, polo simple pracer de enredar coa lingua.

Trátase dun espazo de letras falantes cheas de personalidade e de moito, moito, sentido do humor. Naceu no 2005 a xeito de blog, máis tarde faríase web e hoxe alóxase en Pinterest e en Facebook (mesmo con versión inglesa). O tremendo éxito de Webcedário fixo que acabase editado tamén en papel (que proeza!).
   
Os seus creadores orixinais foron os deseñadores gráficos lisboetas João Cóias e Miguel Velhinho. O esforzo de escribiren publicacións con regularidade levounos a admitir colaboracións esporádicas doutros autores. Dous deles, José Nunes e Marco António, foron convidados a participar regularmente co seu humor gráfico. Así, hoxe son catro os pais da criatura.

Se vos gusta o humor ludolingüístico e intelixente, non deixedes de visitar Webcedário: sorrisos garantidos! Déixovos co vídeo que crearon para lle dar a benvida a este ano 2014. Que vos preste!

14 de xuño de 2014

A nómada mono, nómada mona


Vía Movemento Rever dei con esta peza de humor gráfico palindrómico: que curiosas relacións amorosas revelan estes enunciados simétricos! O seu autor, o palindromista mexicano Christian Díaz, defínese así no seu blog persoal:
Christian (DX) Anacoreta mexicano. Aficionado al humor, historietas, caricaturas y palíndromos. Casi todo lo de este blog es mío y muy personal.
De vos mergullardes un anaco na súa bitácora, poderedes atopar outras pezas palindrómicas e tamén unha sección con orixinais anagramas. Humor e enxeño ludolingüístico. Totalmente recomendable!

22 de maio de 2014

O humor de Xoán Andrade



O betanceiro Xoán Andrade é humorista gráfico e profesional do ensino. As súas viñetas, apegadas á realidade en que vivimos, combinan un humor crítico e agudo cunha limpa feitura gráfica.

Se queredes gozar do seu humor podedes acudir ao seu magnífico blog persoal: Pingas de humor crítico. Ou tamén podedes seguilo no diario dixital Praza Pública. Mais o certo é que Andrade leva unha chea de tempo a colaborar en diferentes publicacións periódicas (A Nosa Terra, La Región, Revista Galega de Educación...) e medios dixitais (O Imperdíbel, Eivados, Enchufados...).

As pezas que temos atrás seleccioneinas polo su miolo ludolingüístico. Cada unha baséase nun recurso diferente: a antítese, a polisemia, a paronimia e o eufemismo. Es quen de identificalos?

7 de maio de 2014

The art of pun






Ás veces é a imaxe a que mellor revela as posibilidades humorísticas e conceptuais da linguaxe. Xa o temos visto moitas veces (aquí, aquí...). E así o demostra tamén o artista gráfico e ilustrador omaní Nabhan Abdullatif con pezas como as que encabezan a entrada e que comparte con todos nós en DeviantArt. Todo lle vale: frases feitas (He’s so cool!, You can count on me), calembur (choco-late), polisemia (sweet ‘do sabor do azucre’- ‘larpeirada’) ou simetrías gráficas (ME - WE).

Adiante! Botade unha ollada e seguro que gozaredes con estas ilustracións cheas de creatividade e sentido do humor. Poucas veces resultou tan acaído o lema de cabeceira deste recuncho: In the beginning was the pun. E non fai falta ter un gran nivel de inglés.

19 de mar. de 2014

Agasallos para xentiña «nikelada»



Se cadra, comeza a poñerse de moda o obsequio do sacho. En tempos de crise, non é mala cousa! En todo caso, atoparedes agasallos a eito en Nikkis Galicia Style: camisetas, mandís, cuncas, paraugas, calzóns...

Un grupo de deseñadores e ilustradores, entre os que se atopa o noso admirado Luís Davila, participan neste proxecto comercial. Xa trouxemos por aquí outras iniciativas semellantes e todas con ese aquel de orgullo enxebre e moito, moito sentido do humor.

Como podemos ver deseguido, tampouco lles falta arte á hora de xogar coa lingua. Repara nestas estampas de camisetas de Nikkis Galicia Style. Localiza nelas os recursos da homofonía, homonímia, paronimia, e calembur.




28 de feb. de 2014

Días de ideas

ascensor

 
bigota

 
nubres

 
té-rrorífico

Agudos xogos de palabras ilustrados, cunha chea de humor e de creatividade. Así é thehaydiasblog, un espazo que recomento ferventemente visitar. O seu autor é o deseñador gráfico malagueño Álvaro Fernández Maldonado, coñecido tamén polo alcume de Un buen tipo.

Ao ler as palabras que presentan o seu blog, non podo deixar de me identificar con elas.
Días de ideas. Hai días nos que se che ocorre algo enxeñoso e o apuntas nun anaco de papel. Pode ser nun post-it, nun caderno cotroso ou mesmo nunha flamante Moleskine. Na maioría dos casos estas ideas acaban esquecidas e nunca chegan a se desenvolver. Ás veces, ao reencontrarse o autor con elas, estas chegan a resultarlle totalmente indescifrables. thehaydiasblog loita contra ese esquecemento.
Mire, pense e (se o cre conveniente) ría.

10 de feb. de 2014

O humor de Santy Gutiérrez [2]


De novo por aquí unha de humor gráfico. E de novo tamén unha das miñas debilidades: Santy Gutiérrez, un dos máis prolíficos e brillantes debuxantes do país (co que tiven a sorte de colaborar). Ilustrador, autor de cómics, caricaturista e humorista gráfico con máis de 20 anos actividade profesional. Recoméndovos seguir os seus pasos na súa web santygutierrez.com ou gozar do seu humor na sección «A viñeta» de De Luns a Venres.

Ás veces pode resultar un misterio a orixe do riso (ou do sorriso). Con todo, como xa vimos outras veces, un dos recursos máis comúns do humor gráfico son os xogos de palabras. As catro pezas anteriores empregan esta técnica. Aí vai o reto: descubride en cada peza estes xogos de palabras. Onde está o eufemismo? E a paronimia? E a polisemia? E a frase feita?

4 de nov. de 2013

Supercampionato de palíndromos


Recoiro co duelo de palindromistas! Así é, a ollos do Ricardo Yoshio Okama Tokumoto, un supercampionato de palíndromos.

A un «Anilina!», respóndese cun «Sopapos!».

A un «Livre do poder vil!», retrúcase cun «A mala nada na lama!».

E así in crescendo ata que se alza o brazo do vencedor.

Unha singular peza de humor palindrómico, como outras que xa vimos hai tempo.

Ricardo Yoshio Okama Tokumoto (ou Ryot) é un ilustrador, caricaturista e humorista gráfico brasileiro. Desde o ano 2007, publica as súas tiras cómicas na moi recomendable web ryotiras.com. Visitádea e gozade a pracer do seu humor lúcido e intelixente.

7 de set. de 2013

O humor de Gogue


Se pasades pola Praza de Arriba do Grove, poderedes atopar a escultura dun homiño tomando unha cunca de viño sentado a unha mesa. É Floreano, a creación máis popular do humorista Gogue. Unha pequena homenaxe a este artista gráfico da súa vila natal.

Floreano, coa súa boina ata as cellas, feo coma o demo e amante do tinto de Barrantes, leva case 25 anos a alegrarnos as mañás desde as páxinas do Faro de Vigo. Nun galego popular (cheo de dialectalismos, castelanismos...), este paisano conversa coa súa xente de sempre (a súa muller Moncha, o seu amigo Epifanio ou o cura don Ramón) e dálle o seu toque de retranca e enxeño a todo o que se move: a actualidade sociopolítica, o deporte, as leas entre sexos...

Gogue, pseudónimo de José Ángel Rodríguez López, colabora como humorista gráfico en medios galegos, estatais e internacionais. Ademais é un recoñecido caricaturista e ultimamente tamén lle dá á escultura. Que fenómeno!

Aquí vos deixo cinco pezas do ocorrente Floreano. O seu humor é bastante doado e directo; ademais nestas viñetas emprega tamén recursos ludolingüísticos: paronimia, polisemia, homofonía, vulgarismos (asimilación, disimilación, metátese...)  e calembur. Indica en cal atopas cada un.





28 de xuño de 2013

O humor de Xosé Lois


En Lingua de Alcaián dei con esta peza de humor gráfico de Xosé Lois. É do ano 1995 mais, por desgraza, ten plena actualidade. Un berro de carraxe en triple versión dialectal. Xenial!

Xosé Lois, como xa vimos hai tempo, é o pai do Carrabouxo, ese popular personaxe alto e fraco que non se despega da súa boina nin da súa cabicha. A súa percepción do mundo, lúcida e mordaz, sempre é capaz de espertar en nós un sorriso. Podedes gozar do humor do Carrabouxo nas páxinas de La Región ou na súa web oficial. E aquí tedes tamén unha entrevista a Xosé Lois para sabermos máis do seu fillo, que xa fixo 30 anos.



E para rematar, unha proposta: descubride a arte ludolingüística de Xosé Lois identificando nas seguintes pezas estes recursos: polisemia, paronimia, homonimia e calembur.




Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...