Amosando publicacións coa etiqueta lectoescritura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta lectoescritura. Amosar todas as publicacións

9 de abr. de 2014

Éncheo todo coas túas palabras!






Hoxe, unha simple brincadeira. De paseo por InnovArte Educación Infantil (moi recomendable), dei cun divertido xerador de textos en imaxes. Un enredo en liña que, como vemos arriba, permite incluír as palabras que desexemos nos lugares máis insólitos. Cortesía de RedKid.net.

Aí vai tamén o seu comentario:
RedKid.net é un espazo dedicado ao entretemento educativo. Aí atopamos un xerador de palabras en sitios como un prato de sopa de letras, nos encerados do menú do día, en sinalizacións das estradas, etc, e vímoslle grandes posibilidades de traballo coa lingua escrita, en especial co propio nome.
Adiante! A chantar palabras por todas partes! Seguro que vós tamén lle atopades unha chea de posibilidades.

31 de mar. de 2014

Do outro lado do buratiño

 

Sempre estou atento a ese fervedoiro de proxectos e actividades que é Ollapoloburatiño, a bitácora da miña boa amiga Susana Lamela. Desta vez, do outro lado do burato aparece o «Proxecto tableTTeando», unha iniciativa que busca aproveitar as posibilidades didácticas dos dispositivos móbiles na aula.

A chegada de 14 tablets ao seu grupo de 2º de EP foi o punto de partida. Con elas, búscase poñer en práctica «outro xeito de favorecer a lectura e a comprensión lectora a través dunha aprendizaxe colaborativa». Xa levan traballado cunhas cantas apps, como ColarMix (para lle daren vida aos seus debuxos) ou SoundCloud (para gravaren as súas lecturas). E hai pouco deron a coñecer unha curiosa iniciativa ludolingüística: os nenos e nenas puxéronse a xogar ao Letris 2, a nova versión dese xogo no que hai que formar palabras coas letras que van caendo (ao xeito do clásico Tetris).

Unha grande idea para facer ximnasia mental á vez que se practica o vocabulario e a ortografía. Seguro que os nenos agradeceron ese refacho de aire fresco. Parabéns!

24 de dec. de 2013

Escola de escritura con Xabarín


Foi unha das grandes novidades do último Culturgal: a «Escola de escritura co Xabarín». Un xogo en galego para a aprendizaxe da lectoescritura con divertidas actividades guiadas polo célebre porco bravo. Inclúe catro encerados plastificados, un crebacabezas, dous rotuladores borrables e un caderno con actividades educativas.

Hai cousa dun ano a empresa luguesa Galileo Nenos comezou, con «A cidade do Cenorio», a aventura de entrar no mercado do xoguete educativo apostando pola nosa lingua. Estas son as palabras da súa propia páxina web.
Os xoguetes poden ser máis ou menos caros, estar feitos de cartón ou de plástico, ter luces ou cancións, pero sempre lles transmiten aos nenos algo do mundo dos seus pais. E falan o mesmo idioma dos seus pais.
Sexa alemán, inglés, castelán ou portugués, todos os xoguetes lle falan ao neno na lingua da súa casa. Deste xeito, os xoguetes entran a facer parte do fogar onde se cría o neno, xunto coa súa familia, o seu leitiño e as súas pequenas cousiñas, que ata entón son todo o seu mundo. Fóra espérao un mundo moito máis difícil, quizais feito doutros idiomas e doutros pobos, pero o neno sempre saberá recoñecer o seu fogar pola lingua coa que os seus pais o agarimaban e lle cantaban no berce.
Por esa razón, cando nos demos de conta de que os nenos de Galicia non tiñan xoguetes que lles falasen en galego, decidimos crealos!
Parabéns para Galileo Nenos e, asemade, parabéns para todos nós. Un boa nova e un bo agasallo para estas datas! Por fin!

10 de out. de 2013

Podes ler esta pabrala? E estoutra P4L48R4?


É curioso como traballa o cerebro. Durante o proceso da lectura, o noso hemisferio esquerdo analiza e le as letras (que forman palabras) mentres que o dereito ve o conxunto das letras (as palabras) como unha imaxe visual. Mais ambos os dous hemisferios colaboran constantemente entre eles.

Os científicos conseguiron demostrar que os cerebros dos lectores con certo nivel de experiencia e de destreza, cando se poñen a ler, non activan tanto o hemisferio esquerdo (máis lóxico), senón que, para aforrar tempo e esforzo, se apoian máis na aparencia da palabra e no seu contexto, é dicir, no hemisferio dereito (máis visual). Así, cando lemos metaitámcas, o noso cerebro activa automaticamente o concepto abstracto matemáticas.

De aorcdo con itso, non ipomtra en que odren etsaen as lrteas dhuna plrabaa, a úncio iprotmatne é que a piremria e útmlia lrteas eteasn na pisocóin cocrrtea. Andía que o rseto sxea un ttaol baullro, a lceruta pdoe farcese sen pobrlmea.

0 M35M0 5UC3D3 C4ND0 U54M05 4LGÚN5 NÚM3R05 3N LUG4R D3 L37R45. 4P4R3N73M3N73, 4 L3C7UR4 D35735 3NUNC14DO5 4P3N45 4C71V4 45 4R345 C3R38R415 QU3 C0RR35P0ND3N 4 1N73RPR374C10N D05 D1X1705. 3S74 F0RM4 D3 3SCRI8IR CH4M4S3 4LF48370 L337.

Incrible! Non si?

Xogade a intercambiar SMS con calquera destas opcións. Cun chisco de práctica, évos ben doado.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...