Amosando publicacións coa etiqueta lettering. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta lettering. Amosar todas as publicacións

8 de feb. de 2017

O engado da letra gótica


Sabido é que o libreiro Pedro Vindel deu casualmente, aló por 1914, co pergamiño das sete cantigas de Martín Codax. Mentres folleaba un códice de Cicerón, debeu quedar pampo ao ver que o seu forro era unha lámina de pel escrita a catro columnas con texto e partituras, e co nome do xograr Martín Codax no encabezado. Ao parecer, Vindel, experto en libros antigos, deduciu a antigüidade daquelas cantigas ao reparar na súa pulcra escrita gótica, un tipo de letra propio dos copistas de finais do século XIII e comezos do XIV.

Estas letras góticas aínda hoxe seguen a estar entre as favoritas dos afeccionados á caligrafía e ao lettering. Trazos finos, trazos grosos, ángulos, adornos... Para deseñalas adoitan usarse os chamados «parallel pens».



Ou, como vemos deseguido, un simple lapis de carpinteiro.



Unha acnédota curiosa conta que algún escriba medieval de mala uva, para demostrar que a letra gótica, máis alá da súa beleza, podía ser fatigosa de ler, inventou a seguinte frase-brincadeira en latín.


Ao estaren escritos estes caracteres góticos sen puntos sobre os «i» e con «v» escrito como «u», o enunciado convértese nun enigma de primeira clase.

A frase latina seica di: Mimi numinum niuium minimi munium nimio uini muniminum imminui uiui mínimo uolunt. Iso si, eu renuncio a intentar a tradución, o meu latín non dá para tanto. Alguén se anima?

30 de xuño de 2016

«Lettering», Coca-Cola e tradución



Abraiante, non si!? Seguíndolle a pista aos mestres do lettering, dei con este vídeo de Seb Lester que amosa a súa incrible habilidade para debuxar á man os logos dunha chea de empresas. Que pulso! Non canso de velo!

Por certo, o logo de Coca-Cola que deseña ao comezo tróuxome á memoria unha acécdota (unha máis) que nos fala das «dificultades» da tradución.

Sabido é que conquistar o mercado chinés é un obxectivo prioritario para calquera grande empresa. Disque cando a multinacional Coca-Cola intentou entrar na China buscou traducir o seu nome a un enunciado que para o oído chinés soase similar.

O primeiro nome foi kekoukela 嗑口蝌蠟. Grande erro: coa campaña publicitaria xa en marcha, caeron na conta de que os chineses, dependendo da súa variedade dialectal, interpretaban ‘morde o cágado de cera’ ou ‘egua rechea de cera’. Cousas da perigosa homofonía chinesa!

Coca-Cola dedicouse entón á titánica tarefa de buscar, entre os 40.000 caracteres do chinés, unha combinación que se aproximase foneticamente ao nome orixinal sen xerar traducións tan estrañas. Finalmente deron con kěkǒukělè 可口可乐. A primera sílaba 可 () significa ‘aprobar ou permitir’. A segunda 口 (kǒu) quere dicir ‘boca’. Xuntas, 可口 (kě kǒu) significan ‘delicioso, saboroso’. E a derradeira sílaba 乐 () expresa ‘felicidade’ ou ‘alegría’.

Así xurdiu, ao cabo, o nome da Coca-Cola chinesa, que combinaba á perfección similitude fonética e lema publicitario: ‘deliciosa felicidade’ ou ‘felicidade na boca’.

 

29 de abr. de 2016

Coñeces o «lettering»?

 

A técnica de rotular á man non é nova. Así se creaban tradicionalmente carteis, letreiros, logotipos... Coa chegada da fotografía e dos ordenadores esta forma de traballar foi caendo en desuso. Quedou en cousa duns cantos nostálxicos: debuxantes de cómic, tatuadores, graffiteiros...

Con todo, hoxe o movemento do «feito á man» revitalizou esta técnica levándoa á vangarda no eido do deseño gráfico. Todo na busca de orixinalidade, autenticidade e personalización. Claro que, como pasa con tantas cousas tocadas pola variña máxica da modernidade, acabou sendo designada por un anglicismo: o lettering

Falamos, en definitiva, de rotulación artística á man. A dìferenza da caligrafía, non estamos a escribir senón a «debuxar» letras. En esencia, o lettering trata de crear unha peza de arte combinando a forma das letras, a composición, a cor ou a textura.

Unha volta ás orixes que nos permite gozar marabillados, por exemplo, de artistas como Abbey Sy, Chris Yoon e Glen Weisgerber, coas súas respectivas técnicas (lapis, xiz e pincel).





Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...