Amosando publicacións coa etiqueta lexicoloxía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta lexicoloxía. Amosar todas as publicacións

23 de xul. de 2013

A neolingua de George Orwell

Algunha vez imaxinaches un idioma que cada ano tivese dicionarios máis reducidos, con menos palabras e menos significados? O escritor inglés George Orwell xa o fixo na súa novela 1984: é a neolingua ou novilingua (newspeak). Velaí vai o tráiler, con subtítulos en castelán, do filme británico baseado na novela orwelliana (estreado precisamente no 1984).



Nun estado totalitario nas mans do INGSOC, partido único liderado polo Grande Irmán, apóstase por impoñer a neolingua, que acabará por substituír a lingua común. Con ela evitarase non só a expresión de ideas contrarias aos principios do Partido senón incluso a posibilidade de que tales ideas sexan imaxinables. O principio subxacente é que a lingua pode modelar o noso pensamento: canto máis reducido e infantilizado é o vocabulario das persoas menos capacidade teñen para o pensamento articulado e máis manipulables se volven.

As poucas voces novas da neolingua viñan xeradas polas necesidades ideolóxicas e represivas do Grande Irmán. Por exemplo:
Impersoa (unperson) persoa non grata, persoa que deixa de existir (os acusados de impersoa eran xeralmente eliminados).
Crimental (thoughtcrime): crime do pensamento (loxicamente o máis grave de todos os crimes sancionados polo Partido, o acusado de crimental convertíase en impersoa).
Facecrime (facecrime): expresión facial impropia (por exemplo, mostrarse incrédulo ante o anuncio dunha vitoria). O facecrime estaba perseguido pola lei.
Duplipensar (doublethink): ter simultaneamente dúas crezas contraditorias e aceptar ambas as dúas (saber que un está errado e, a pesar diso, convercerse de que está no certo).
Ao escoitar decote nos medios cousas como «tropas de paz» en lugar de «exércitos», «danos colaterais» en lugar de «vítimas inocentes» ou «mobilidade exterior» en lugar de «emigración», non deixo pensar na neolingua orwelliana. Convén estarmos espertos ante estas perigosas mostras da manipulación das ideas a través linguaxe. Lembras esta ou estoutra? Ollo!! Cada vez temos máis preto o ollo do Grande Irmán!!

1 de xul. de 2013

A xogar co Portal das Palabras


Como moitos de vós xa saberedes, botou a andar o Portal das Palabras, un proxecto en liña da Real Academia Galega e da Fundación Barrié que busca difundir o noso léxico de forma dinámica e lúdica. O portal inclúe vídeos divulgativos, xogos, recursos didácticos e mesmo unha actualización do dicionario virtual da RAG (con sistemas de busca avanzada, sinónimos e versións para dispositivos móbiles).

Como xa comentei nalgunha ocasión, botábanse en falta na arañeira iniciativas que permitisen un achegamento lúdico á nosa lingua. Por sorte, este imaxinativo proxecto vén encher un chisco ese baleiro. Deseguido preséntovos os xogos en liña que ofrece o Portal das Palabras e a súa descrición:
Canto sabes?
Hai que escoller os sinónimos ou as palabras que se relacionan entre si. O nivel vén indicado polas barras da iconiña (inicial, unha; medio, dúas; superior, tres).
Dimo con letras
Despois de escoitar un termo hai que escribilo correctamente. É para comprobares a ortografía que sabes.
Apunta ben
Temos unha serie de imaxes ás que lles hai que poñer nome. Estes escóllense dunha listaxe de termos que presentamos.
A ver se dás...
Sobre un termo, hai que escoller a definición que mellor se achegue ao seu significado.
Verdadeiro ou falso
Preséntase unha frase na que se destaca un termo. Hai que dicir se a oración é verdadeira ou falsa. Podes escoller o nivel que che interese.
Opa!
Hai que lles dar a volta ás cartas e sinalar as que se relacionan entre si.
Só unha vale
Achégase unha definición e hai tres termos entre os que escoller un. É dicir, das tres palabras, só unha vale!
Parabéns á RAG e á Fundación Barrié por sacar adiante un proxecto tan valioso como necesario. Unha delicia para maiores e pequenos con gusto por xogar coa lingua e por aprender!
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...