Amosando publicacións coa etiqueta linguas élficas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta linguas élficas. Amosar todas as publicacións

12 de xul. de 2014

De Cicerón a Paco Martín


De non haber probas fotográficas, calquera diría que a anécdota que ocupa a entrada de hoxe puido ser froito do maxín do seu protagonista, Paco Martín. Mais o caso é que a imaxe aí está, para dar fiel testemuño do ocorrido hai agora tres anos.

Nun solleiro día de xullo do 2011, o escritor lucense Paco Martín foi homenaxeado na súa cidade pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. O acto central desta homenaxe era o descubrimento dun monolito conmemorativo. Nel debía aparecer un fragmento dun clásico de Martín, Das cousas de Ramón Lamote, mais no seu lugar estaba gravado o «Lorem ipsum», texto orixinalmente escrito por Ciceron e que se emprega como recheo en probas tipográficas e de edición.

Así se describe o acontecido na propia web da AELG:
Javier Hita e David Soengas, traballadores da pedra ou, dito doutro xeito, escultores e artesáns, recibiron a encarga de preparar un monolito en homenaxe ao escritor Paco Martín. Botando a vista ao procedemento que seguiron, os artistas explican que nun principio lles resultou estraño que un escritor galego contemporáneo acudise ao latín para escribir. [...] David di: «Home, eu cando o vin dixen ‘mira ti para os escritores galegos’, porque non cría que Das cousas de Ramón Lamote estivese escrito en galego...». E a Javier soáballe de algo o de «Lorem ipsum» pero non traballou máis esa sensación pasaxeira. Incluso durante o proceso de gravado chanceaban entre eles dicindo «mira que ben o fago eu, sabemos latín e todo».
Chegou o día da homenaxe en vida ao escritor. A pedra foi colocada no seu sitio e cuberta cunha lona e a bandeira galega. No momento de retirar a lona que cubría a peza de solemnidade todo o mundo quedou moi sorprendido. [...] Non houbo asubíos, nin reproches, nin malos xestos, nin malos modos porque todos acudiron ao sentido do humor para xustificar a equivocación. O primeiro foi Paco Martín e logo o resto dos seus compañeiros que non pararon un minuto de facer chanzas coa gran equivocación e o escritor homenaxeado foi quen deu as grazas ao público congregado. 

O propio presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, explicou ao Xornal de Galicia que «foi unha simple anécdota» e recordou que no momento da inauguración ao ver o monolito explicou: «Isto foi cousa de Ramón Lamote, que en compañía e coa complicidade do canteiro decidiu facer esa trasnada, algo propio de Lamote». Para o escritor «foi un detalle simpático e co que nos rimos todos».
Unha feliz conxunción a de Cicerón e Paco Martín a través dese estraño texto que é usado desde o século XV como modelo para simular espazos escritos na edición tradicional en papel, e hoxe tamén na edición dixital. O curioso é que o texto latino hoxe difundido non é o orixinal xa que foi sufrindo unha chea de supresións, trocos e alteracións. Tanto, que nin sequera ten sentido. Nin falta que lle fai!

Iso si, como podemos ver aquí ou aquí, a do monolito non foi a única vez que alguén esqueceu eliminar este texto provisional.

Ah!, e para encherdes de texto ficticio os vosos escritos, aquí deixo a ligazón dun xerador de «Lorem ipsum» en varias linguas (latín, grego, árabe, hebreo, hindi, quenya...) e mesmo en código morse.

28 de out. de 2013

O dothraki de David J. Peterson


 
Esa estraña fala do tipo hipermusculado, Drogo (para os que coñecedes Xogo de Tronos), é dothraki, o idioma dunha tribo de guerreiros nómades da serie de culto de HBO, que axiña estreará a súa cuarta tempada. Como ben saben os seus millóns de seguidores en todo o mundo, a serie baséase na saga literaria de fantasía épica A Song of Ice and Fire (Unha canción de xeo e lume) de George R. R. Martin.

O produtores intuían que a presenza dunha lingua de ficción (como sucedeu co klingon ou coas linguas élficas) contribuiría a lle dar maior credibilidade á serie. Por iso contactaron coa Language Creation Society, centro especializado no desenvolvemento de novos idiomas. Despois de analizaren diversas propostas dos seus conlangers (expertos que, por pasatempo, se dedican á creación de novas linguas), a iniciativa de David J. Peterson foi a seleccionada.

Peterson, de 34 anos e formado en Lingüística na Universidade de California, prestou atención á descrición que o propio George R. R. Martin fixera desa linguaxe imaxinaria. O lingüista tomou cousas de aquí e de acolá: inspirouse no hawaiano para achegarse á organización semántica propia dunha cultura preindustrial; gustoulle o árabe e o castelán para a base sonora pola forza dos seus sons guturais e uvulares; estableceu un sistema de casos (nominativo, acusativo, xenitivo...) semellante aos do latín ou do ruso. Ao cabo, entregoulles aos produtores un informe de 180 páxinas coa descrición gramatical, un audio para a fonética e un vocabulario con máis de 1800 palabras.

E iso só foi o comezo. Hoxe a febre dothraki, alimentada pola serie de éxito, esténdese sen freo. O fenómeno geek fai que na arañeira aparezan cursos de dothraki, descricións gramaticais ou mesmo dicionarios. Tal é o magnetismo deste idioma de ficción que no ano 2012 o nome de Khaleesi foi dado a 146 nenas nos Estados Unidos. Khalessi (que significa ‘princesa’) é o alcume que recibe a personaxe de Daenerys Targaryen, princesa herdeira dunha das familias que se disputan o Trono de Ferro.

En fin... Hajas! (voz dothraki que significa ‘sé forte!’ e seica é o máis semellante ao noso «Adeus!»)


Solución ás voces de «galinglish» (22-10-13): lesgou ‘imos aló’ (< let’s go); quichimporta ‘mozo de cociña’ (< kitchen porter); guachimán ‘vixilante’ (< watchman); cagharrón ‘calabozo’ (< cage room)



10 de xuño de 2013

As linguas élficas de John R. R. Tolkien


Aragorn canta en quenya «O xuramento de Elendil». Despois de saír vitorioso da dura guerra contra Sauron, o novo Rei de Gondor, cumpridor das tradicións, comprométese co seu pobo por medio dun xuramento na súa coroación.
O xuramento de Elendil
Et Eärello Endorenna utúlien. (Do Grande Mar vin á Terra Media.)
Sinome maruvan ar Hildinyar (Neste lugar vou vivir, e tamén os meus herdeiros,)
tenn’ Ambar-metta! (ata a fin do mundo!)
No noso repertorio de linguas de ficción non podían faltar as linguas élficas de John Ronald Reuel Tolkien. As súas dúas principais variedades son o sindarin, propio dos Elfos Grises e inspirado polo galés, e o quenya, falado polos Altos Elfos e relacionado co finés.

Por certo, os incondicionais galegos de Tolkien e da saga d‘O señor dos aneis estivemos de festa rachada hai só un par de anos. O xornalista Xesús Fraga acababa de confirmar algo que xa se convertera nunha especie de mito das nosas letras: J. R. R. Tolkien posuíra na súa biblioteca persoal un dicionario de galego, concretamente o Diccionario Gallego-Castellano de Marcial Valladares. O volume, asinado e exquisitamente coidado, atopárao na biblioteca Taylorian de Oxford. A ela fora doado polos herdeiros de Tolkien despois de que estivese 50 anos nas mans do escritor: desde 1923, ata a súa morte, en 1973.

Tolkien era filólogo de formación e non hai nada estraño en que posuíse ou coleccionase este tipo de obras. Un dos seus maiores entretementos era deseñar linguas artificiais. De feito, hai quen sostén que toda súa literatura foi un simple pano de fondo para que estes idiomas tivesen unha «historia», cobrasen «vida». Quen sabe!, aínda que as súas principais fontes de inspiración foron as linguas célticas e nórdicas, resulta emocionante imaxinar que algunha vez Tolkien tamén procurou o «aquel élfico» da lingua galega.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...