Amosando publicacións coa etiqueta xornalismo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta xornalismo. Amosar todas as publicacións

23 de nov. de 2016

Es quen de ver os dous lados?





Recoñeces George W. Bush, Osama bin Laden, Sadam HusseinFidel Castro ou Lula da Silva? De novo os endiañados deseñadores publicitarios a xogar coas letras; e, desta vez, para facer retratos. Hai xa uns anos a revista Veja, unha das de maior tiraxe do Brasil, lanzou esta fascinante campaña. O seu creador foi Roberto Fernández, que daquela traballaba para a axencia brasileira AlmapBBDO. 

Usando a técnica dos pinacogramas, o anuncio é, sen máis, palabras en negro sobre fondo amarelo. Iso si, deseñadas de xeito que reproducen o rostro de persoeiros internacionais. O aquel das pezas reside tanto na antítese entre os termos (guerra - pazameaza - pretextomorto - vivo; esquerda - direita), como en saber que domina a que: a palabra imponse á imaxe?, ou é ao revés?

Unha campaña multipremiada internacionalmente aló polo 2003 e 2004 que podemos atopar tamén en inglés.





Mensaxes sinxelas e directas relacionadas co contexto histórico daqueles anos e que se fan aínda máis efectivas acompañadas co lema da campaña: Quen le Veja entende os dois lados. Isto é, con Veja sempre podes observar a realidade desde diferentes puntos de vista. 

E o deseñador brasileiro fixo tamén unha versión da campaña sen faces, só con palabras inseridas dentro dos seus antónimos. Un verdadeiro xenio este Roberto Fernández. Es quen de ver os dous lados?



21 de dec. de 2013

O primeiro encrucillado fai 100 anos


Lin por algures que resolver encrucillados é como dar solución a un crime perfecto. Tamén ten algo de xadrez, polo exercicio mental e por ese taboleiro de cadros brancos e negros. Nestes anos de crise, este xogo resulta máis útil ca cen libros de autoaxuda e, abofé, unha forma ben asequible de matar o tempo. Claro que máis entretén aínda crear o encrucillado: esquecer eses programas que automatizan o proceso e xogar a ser cesteiro que entretece palabras ata dar coa malla perfecta.

Hai xa tempo faláravos de Victor Orville e a orixe dos encrucillados? Unha historia que me engaiolou pola súa beleza, mais completamente apócrifa. O certo é que, á hora de se atribuír o mérito da invención deste pasatempo, o señor Orville pouco ten que facer ao lado de Arthur Wynne. Sexa cal for a fonte que se consulte, Wynne é o verdadeiro creador do primeiro encrucillado, aínda que a súa historia sexa moito menos «interesante». 

No ano 1913, o xornalista Arthur Wynne recibiu o encargo de deseñar un crebacabezas para a edición de Nadal do Fun, suplemento infantil semanal do periódico New York World. Wynne sabía que debía renovar a oferta lúdica do suplemento, así que repescou da súa memoria un xogo tradicional denominado «cadros máxicos»: o resultado foi a grella en forma de diamante da esquerda (publicada o 21 de decembro). O crebacabezas, como é lóxico, tamén contaba coas instrucións para solucionalo: «Enche os cadros con palabras que estean de acordo coas seguintes definicións». 

E así foi como naceu, de xeito oficial, o primeiro encrucillado. Un pasatempo que de inmediato se fixo popular e que, en poucos anos, se estendeu pola prensa de todas as latitudes adoptando novas formas e estilos. 

Poñede a proba o voso nivel de inglés e animádevos a resolver este encrucillado. Neste enlace podedes dar cunha edición clara del (e tamén da súa solución). Un entrañable xogo de palabras que xustiño hoxe fai 100 anos de vida!

21 de mar. de 2013

Unha coma muda todo

Hai uns meses Les Luthiers amosábannos, ao seu xeito, a importancia dos signos de puntuación. A través dun dos meus blogs de cabeceira, El espejo lúdico, souben dunha curiosa campaña propagandística do 2009 sobre este mesmo tema. Foi creada pola Associação Brasileira da Imprensa co gallo do seu centenario e o seu lema é «100 anos lutando para que ninguém mude uma vírgula da sua informação». No cartel vemos, ben ás claras, a importancia dunha simple coma (dunha «vírgula»).


Este é o vídeo da mesma campaña.



Mo bo, non si?

E para rematar, un xogo: Poñerías ti unha coma nestes enunciados? Onde?
A Xoán fáladelle ben podedes. 
Non quero moitas grazas. 
Precísase persoa que fale inglés básico con referencias. 
Non está moi mal iso.

13 de xuño de 2012

Encrucillados, complots e paranoias

Non hai moito falamos das mensaxes encriptadas. Pois ben, a casualidade quixo que unha noticia recente puxese este tema de plena actualidade. Nun surrealista episodio da vida política da Venezuela, Neptalí Segovia, veterano creador de encrucillados do diario Últimas Noticias, foi acusado de incluír nun dos seus pasatempos unha mensaxe coas indicacións para asasinar a Adán Chávez, o irmán do presidente Hugo Chávez.

Segovia, que o negou sorprendido, foi interrogado por axentes da intelixencia venezolana despois de que Miguel Pérez Pirela, presentador da televisión estatal VTV, lles revelase aos televidentes a «siniestra mensaxe oculta».


A medio camiño entre o complot, a brincadeira e a simple paranoia (e no contexto da campaña para as eleccións presidenciais do vindeiro outubro), esta noticia si lembra dous episodios históricos con mensaxes encriptadas en encrucillados.
O primeiro ocorreu durante a Segunda Guerra Mundial, en plena preparación do desembarco de Normandía. Casualmente, axentes do MIT (servizo de intelixencia británico) descubriron que o xornal The Daily Telegraph levaba días incluíndo no seu encrucillado diario diversas palabras que coincidían con nomes chave da invasión aliada, levada no máximo segredo: «Utah», «Omaha» ou «Gold» (praias elixidas para o desembarco), «Mulberry» (porto flotante para buques de suministro) ou mesmo «Overlord» (código que nomeaba toda a operación). Entre as forzas aliadas saltaron as alarmas, tanto que estiveron a piques de cancelar o desembarco. Os servizos secretos pescudaron a fondo ata descubrir que todo fora unha estraña coincidencia e que o autor dos encrucillados, un inofensivo mestre de 54 años, era completamente inocente de espionaxe.
A segunda anécdota é moito máis recente. Hai cousa dun ano, o dominical británico News of the World publicou a súa derradeira edición despois de 168 anos de historia. O magnate dos medios de comunicación e propietario do dominical, Rupert Murdoch, decidiu o peche da publicación por mor dun escándalo de escoitas telefónicas ilegais. O equipo do xornal decidiu vingarse da ex-directora Rebekah Brooks, tamén implicada no escándalo, deixando mensaxes ocultas nas definicións e nas solucións do derradeiro encrucillado. Nel podían lerse alusións directas como «unha muller admira o desastre», «cadea de gravacións», «empresa criminal», «fedor», «peste», o propio apelido «Brooks» e diversos insultos. Coméntase que a ex-directora encargou a altos directivos do dominical revisaren a fondo o último exemplar antes de publicalo, xa que sospeitaba que sería vítima dunha vingaza semellante, mais parece que pasaron por alto o encrucillado.
O certo é que resulta unha «idea inspiradora» a criptografía dos encrucillados. Así que, aí vai unha proposta lúdica: sempre que deades resolto algún encrucillado, tratade de descifrar nel «sospeitosas mensaxes ocultas». Aquí tedes xa un ;-).


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...